Saltar navegación

1. Descrición xeral

Algoritmos en órbita

Este é un Recurso Educativo Aberto (REA) deseñado para o alumnado de 2º de ESO, no que se propón unha situación de aprendizaxe (SA) centrada no adestramento dun robot para a súa futura misión espacial a Marte.

O reto consiste en deseñar, construír e programar un robot explorador capaz de superar un itinerario de adestramento antes de ser enviado ao espazo. A situación de aprendizaxe está concibida como unha misión espacial cooperativa. Nela, cada equipo debe construír unha maqueta dun itinerario de adestramento no que haxa tres paradas en lugares de interese tecnolóxico no planeta Terra. En cada unha delas, o alumnado deberá propoñer un desafío onde o robot se enfronte a situacións similares ás que poida atopar no entorno marciano. Ademais, deberán programar o robot para superar cada proba, empregando o número mínimo de sensores e actuadores en cada parada, establecido nas condicións do reto. Ao finalizar o percorrido, terá lugar unha conta atrás para o despegue ao espazo.

Ao remate da misión, celebrarase unha “Feira galáctica” onde cada equipo presentará o seu robot e o itinerario superado, compartindo cos demais grupos os logros acadados. Ademais, fomentarase o intercambio de escenarios entre equipos para promover a flexibilidade, a capacidade de adaptación e a visión crítica.

Nesta situación de aprendizaxe, o alumnado adquire os coñecementos, destrezas e habilidades precisos para elaborar a documentación do proceso tecnolóxico, empregando os termos técnicos necesarios e perfeccionando o uso das ferramentas dixitais necesarias.

Este REA promove a aprendizaxe activa, a colaboración, o pensamento lóxico, analítico e creativo, e a aplicación práctica de coñecementos de tecnoloxía, programación e cultura científica. Ademais, fomenta a reflexión crítica sobre o traballo en equipo e a resolución de problemas, ao tempo que desenvolve as competencias do currículo.

Alén diso, este recurso destaca pola súa gran flexibilidade en canto aos recursos tecnolóxicos dispoñibles no centro. O REA permite empregar diferentes placas e montaxes, como as seguintes:

  • Micro:bit.
  • Cyberpi.
  • Micro:bit montada en Nezha.
  • Cyberpi montada en Mbot.

Isto permite adaptar o nivel técnico e as ferramentas á realidade de cada aula, sen comprometer os obxectivos de aprendizaxe.

Por outra banda, as metas de aprendizaxe a acadar neste REA son as seguintes:

  • Utilizar/montar un robot explorador multifuncional, empregando distintos sensores e actuadores para adaptarse a situacións diversas.
  • Programar o robot para enfrontarse a diferentes probas, medir parámetros ambientais e enviar datos en tempo real.
  • Poñer en funcionamento sistemas de comunicación entre robots ou dispositivos, permitindo o intercambio.
  • Utilizar ferramentas de xeito seguro e responsable durante a montaxe e o mantemento do robot, respectando as normas de seguridade e hixiene no taller.
  • Optimizar o control e a resposta do robot, avaliando os errores cometidos durante as probas e aplicando correccións para mellorar o seu comportamento.
  • Traballar cooperativamente na planificación e desenvolvemento dun proxecto técnico para o adestramento dun robot, aplicando habilidades de organización, comunicación e resolución de problemas.
  • Redactar unha memoria técnica que recolla todas as fases do proceso tecnolóxico, empregando ferramentas dixitais e empregando un vocabulario técnico axeitado.
  • Fomentar e autoconfianza e a capacidade de adaptación, entendendo o erro como parte do proceso de aprendizaxe e mellorando continuamente o deseño e a programación.

Creado con eXeLearning (Ventana nueva)