Saltar navegación

3.1. Recomendacións de uso

Orientacións e recomendacións de uso

Recursos materiais necesarios

Os recursos materiais necesarios para que o alumnado desenvolva con éxito o reto final son:

  • O caderno de aprendizaxe, en formato físico ou dixital.
  • Dispositivos móbiles, tabletas ou ordenadores con conexión a Internet e con aplicacións de ofimática para buscar a información e levar a cabo as actividades propostas no REA.
  • Pantalla para que o alumnado poida proxectar vídeos ou presentacións.
  • Material de papelería: folios, rotuladores, lapis, tesoiras, cartolinas...
  •  Non se require material específico ou especializado para a realización de ningunha das actividades do reto e todos os medios deberían estar dispoñibles en calquera tipo de centro educativo.

Proposta de agrupamentos para actividades grupais

Para as actividades grupais o alumnado dividirase en grupos, tendo cada un unha responsabilidade na consecución das mesmas. Recoméndase:

  • Que o profesorado se encargue de organizar os grupos garantindo un reparto equilibrado, tendo en conta tanto o número de persoas como as capacidades, intereses e ritmos de cada estudante, para favorecer a participación de todo o alumnado e unha carga de traballo axustada dentro do grupo.
  • Que a posta en común dos resultados das actividades se fagan:
    • Nun primeiro momento, en pequenos grupos.
    • Finalmente, no grupo-clase.

Produtos finais

Os produtos finais para  acadar o reto deste REA consistirán na  simulación dun xuízo, a recreación dun diario e a análise de textos, nos que se recollan todos os contidos explicados nesta unidade. 

A simulación dun xuízo planificarase en grupos, onde o alumnado representará diferentes papeis (avogado/a, xuíz/a, testemuñas, xurado…) para xulgar como foi o descubrimento e se as súas consecuencias foron negativas ou positivas para os pobos precolombianos.

A recreación do diario traballarse en grupos de 3-4 persoas para crear un diario ficticio no que os grupos simularán ser un personaxe que vivira en primeira persoa a conquista de América (un explorador/a, un misioneiro/a, un/unha indíxena, un colono/a galego…). Terán que crear 5 entradas (de entre 8 e 10 liñas cada unha), onde porán en práctica o aprendido (formas de organización política, explotación económica, sistema de encomendas/mita, organización social).

A análise dos textos suministrados no REA ten como obxectivo realizar unha reflexión crítica persoal sobre o impacto da cuestión colonial na Historia e na actualidade. Analizarase, de forma individual ou en parellas, unha selección de textos con diferentes posturas e de diferentes épocas históricas sobre a cuestión colonial (dende Bartolomé de las Casas a Eduardo Galeano), poñendo en práctica todo o aprendido na unidade didáctica.

Enfoque multinivel do reto

As actividades do REA, tanto as individuais como as grupais,  contemplan diferentes niveis de dificultade  e adáptanse ás diversas capacidades do  alumnado.

Do mesmo xeito, para acadar o reto final, propóñense tres produtos diferentes entre os que o alumnado poderá escoller aquel que mellor se adapte aos seus intereses e á súa maneira de traballar.

Durante a realización das actividades e dos produtos finais o persoal docente actuará como guía do alumnado para aclarar as dúbidas que poidan ir xurdindo no alumnado ou repartir tarefas dentro dos grupos de traballo.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)