Orientacións e recomendacións de uso
Recursos materiais necesarios
Os recursos materiais necesarios para que o alumnado desenvolva con éxito o reto final son:
- O caderno de aprendizaxe, en formato físico ou dixital.
- Dispositivos móbiles, tabletas ou ordenadores con conexión a Internet e con aplicacións de ofimática para buscar a información e levar a cabo as actividades propostas no REA.
- Pantalla para que o alumnado poida proxectar vídeos ou presentacións.
- Material de papelería: folios, rotuladores, lapis, tesoiras, cartolinas...).
- Non se require material específico ou especializado para a realización de ningunha das actividades do reto e todos os medios deberían estar dispoñibles en calquera tipo de centro educativo.
Proposta de agrupamentos para actividades grupais
Para as actividades grupais o alumnado dividirase en grupos, tendo cada un unha responsabilidade na consecución das mesmas. Recoméndase:
- Que o profesorado se encargue de organizar os grupos garantindo un reparto equilibrado, tendo en conta tanto o número de persoas como as capacidades, intereses e ritmos de cada estudante, para favorecer a participación de todo o alumnado e unha carga de traballo axustada dentro do grupo.
- Que a posta en común dos resultados das actividades se fagan:
- Nun primeiro momento, en pequenos grupos.
- Finalmente, no grupo-clase.
Produtos finais
Os produtos finais para acadar o reto deste REA consistirán na elaboración dunha entrevista histórica, dun xornal ilustrado e dunha obra de teatro histórica, nos que se recollan todos os contidos explicados nesta unidade:
- A entrevista histórica levarase a cabo en grupos e consistirá nunha serie de preguntas a unha persoa histórica ou ficticia que conte como era a época que estamos a estudar. Pode ser gravada en vídeo ou representada na aula.
- O xornal ilustrado farase en grupos, onde cada membro elaborará diferentes materiais (anuncios, ilustracións, entrevistas, noticiais...) realacionados co Humanismo.
- A obra de teatro histórica elaborarase en grupos e representará un feito real ou ficticio relacionado coa etapa histórica da unidade.
Enfoque multinivel do reto
As actividades do REA, tanto as individuais como as grupais, contemplan diferentes niveis de dificultade e adáptanse ás diversas capacidades do alumnado.
Do mesmo xeito, para acadar o reto final, propóñense tres produtos diferentes entre os que o alumnado poderá escoller aquel que mellor se adapte aos seus intereses e á súa maneira de traballar.
Durante a realización das actividades e dos produtos finais o persoal docente actuará como guía do alumnado para aclarar as dúbidas que poidan ir xurdindo no alumnado ou repartir tarefas dentro dos grupos de traballo.