Saltar navegación

3.1. Recomendacións de uso

Orientacións e recomendacións de uso

Recomendacións para o maior aproveitamento posible do REA.

Motivación para a abordaxe do REA

Esta situación de aprendizaxe aborda o consumo responsable a través da moda, preferentemente galega, empregando como elementos matemáticos a proporcionalidade numérica e xeométrica.

Como produto final, proponse a creación dunha bolsa de tea sostible, invitando á reflexión sobre a problemática ocasionada pola moda rápida. 

Ao traballar nun proxecto práctico relacionado coa vida real e a actualidade, o alumnado construirá o seu coñecemento de maneira significativa, ao tempo que desenvolve o espírito crítico. 

Nesta situación de aprendizaxe foméntase entre o alumnado o desenvolvemento de habilidades como a resolución de problemas, o traballo en equipo, a comunicación, a creatividade e a conciencia ambiental e social.

Recursos materiais necesarios

Para desenvolver as actividades do REA é necesaria a conexión á rede, xa que hai que buscar información, utilizar GeoGebra, ver vídeos, etc. Na versión de eXeLearning coa que foi creado, a ( 2.9), é preciso estar conectados para ver correctamente as expresións matemáticas escritas en LaTeX.

Hai que indicar que a notación matemática empregada inclúe o uso do símbolo "^" para as potencias e o espazo, en lugar do punto, para separar en grupos de tres cifras os números maiores ca 9999. O motivo é que, se ben a separación da parte decimal faise preferentemente coa coma, algunha aplicación informática, como GeoGebra, usa o punto e isto podería dar lugar a confusións.

Respecto das iconas que preceden ós títulos, seguen as pautas DUA. As de cor azul indican actividades. Para as autocorrexibles, aínda que só cómpre introducir no REA o resultado final, recoméndase que o alumnado faga os seus propios esquemas cos datos, que anote os pasos da resolución e que indique cálculos, fontes empregadas e reflexións persoais no seu caderno (xa sexa dixital ou en papel).

As iconas de cor verde están relacionadas co reto e, as de cor rosa, con contidos e exemplos necesarios para comprender as actividades.

Nas actividades tipo "xogo" (que levan a icona dun mando de videoxogo), pódese configurar o gardado da puntuación. Tamén nalgunhas feitas con GeoGebra. Actualmente, en eXeLearning só se pode gardar a puntuación dunha actividade por páxina, en combinación con Moodle e formato SCORM.

O REA dispón de fichas de apoio (elaboradas con LibreOffice) para desenvolver algunhas actividades, que se poden empregar en formato dixital ou papel.

O profesorado pode consultar todos os arquivos na sección 3.2 desta guía, en formato editable, así como as solucións das actividades (excepto das autocorrexibles e das de resposta aberta), autenticándose coa conta corporativa.

Tamén se ofrecen propostas para o uso doutros recursos como a calculadora e/ou da folla de cálculo.

Actividades en equipo

Ideas para o profesorado sobre a formación de equipos:

  • Deben ser de tres ou catro persoas (poderíase alterar este número segundo o aspecto que se queira reforzar a nivel actitudinal, pero é mellor equipos pequenos).
  • É recomendable que sexan heteroxéneos aínda que, puntualmente, para algunha actividade poden ser homoxéneos.
  • Os equipos deben ter interdependencia positiva e debe existir unha responsabilidade individual e grupal.

Materiais

Para cada unha das actividades hai un material descargable que serve de apoio e, ao mesmo tempo, de documento para recoller o traballo desenvolvido e as respostas consensuadas.

Roles

Neste REA inclúese un modelo para entregar ao alumnado que contén as tarefas que corresponden aos catro roles propostos:

  • Coordinador/a: dirixe e organiza as tarefas de forma consensuada, asegurándose de que todas as persoas as entenderon. Media nos conflitos que poidan xurdir dentro do equipo.
  • Secretario/a: anota as decisións e as respostas do equipo. Controla o ton de voz e os tempos. Encárgase de que todas as actividades estean feitas e entregadas en tempo e forma.
  • Responsable: organiza o material e os recursos necesarios. Fomenta a participación de todas as persoas do equipo.
  • Portavoz: comunícase con outros equipos e co/a docente. Expón os resultados e as conclusións do equipo.
    Se o quipo está formado por tres persoas, esta función pode asumila a persoa coordinadora.

Estes roles deberán acompañarse das normas habituais da aula, para manter a orde e garantir un bo desenvolvemento das actividades.

Actividades individuais multinivel

O REA, nas fases 2 e 3, inclúe actividades individuais multinivel.

Preséntanse con botóns de opcións, a elixir unha, e non ordenadas por dificultade.

O obxectivo destas actividades é desenvolver un procedemento, contido ou habilidade, ofrecendo distintas versións, que varían en dificultade ou formato, permitindo ao alumnado escoller a opción que mellor se adapte ás súas necesidades e ao seu ritmo de aprendizaxe.

Avaliación

O REA dispón, na fase 4, dunha lista de cotexo e unha rúbrica para avaliar o reto, de xeito que o alumnado poida verificar que se levaron a cabo todas as tarefas deste.

Tamén se inclúe unha rúbrica para avaliar o traballo en equipo e outra para a exposición oral.

Todas elas poden empregarse tanto para avaliación como para autoavaliación dos equipos.

Produtos finais

Os produtos finais son unha orde de fabricación dunha bolsa de tea, a bolsa de tea e a súa etiqueta con información relevante.

No REA hai exemplos resoltos e propostos de cada un destes elementos, indicando os pasos realizados para a súa consecución.

Proponse que o alumnado empregue, polo menos, dúas prendas de roupa para realizar a bolsa.

Tamén se aconsella que corten as prendas en retais iguais para facilitar os cálculos da composición final da bolsa de tela.

Enfoque multinivel do reto

O feito de crear unha bolsa de tea implica poñer en práctica en primeiro lugar a competencia matemática e en ciencia, tecnoloxía e enxeñaría.

Obviamente haberá distintos niveis dentro da aula nesta competencia e polo tanto o docente será quen de propoñer deseños máis sinxelos ou de deixar máis liberdade na creación do produto final.

A etiqueta e a orde de fabricación comprenden contidos e operacións que se poden graduar en dificultade segundo a elección das prendas que se usen para facer a bolsa (por exemplo, o caso mais obvio é o de unha prenda que teña un so material).

Tamén é importante a heteroxeneidade dos grupos de traballo porque garanten a aprendizaxe horizontal e o apoio entre o alumnado para chegar a bo termo.

O proceso de deseño e planificación previa é o que determina a adquisición dos contidos, por iso este reto será válido coa realización dos pasos previos, aínda que a execución da bolsa non sexa a máis precisa. 

Por outra banda, no caso de alumnado con altas capacidades debería darse opción a deseñar bolsas de tea con mosaicos máis complexos e de calcular os custos e posible precio de venta (actividade de ampliación).

Feito con eXeLearning (Nova xanela)