ReMates y ReTales
Este REA (Recurso Educativo Aberto) ten como obxectivo principal que o alumnado integre nos seus coñecementos unha parte dos bloques dos sentidos numérico, espacial e socioafectivo do currículo de 2.º de ESO tomando como fío condutor o ODS 12 (Producción e consumo responsable) no ámbito da moda sostible. Enmárcase nun contexto local galego, pero tamén se abre aos produtos que chegan doutros continentes.
Ademais, incorpóranse estratexias de resolución de problemas e de traballo en equipo, a través de situacións reais motivadoras que requiran distintos niveis de dificultade.
Para acadalo proponse deseñar e detallar a elaboración dunha bolsa de tea a través da súa orde de fabricación, crear a bolsa de tea e a súa etiqueta con información relevante.
As metas de aprendizaxe son:
- Realizar conexións entre a moda e as matemáticas para dar resposta a problemas relacionados coa industria da moda.
- Traballar en equipo, respectando diferentes opinións, comunicando de maneira efectiva, repartindo as tarefas, favorecendo a inclusión e pensando de forma crítica e creativa.
- Xestionar as emocións propias e desenvolver o autoconcepto matemático como ferramenta para xerar expectativas positivas ante novos retos matemáticos tomando decisións de forma informada.
- Interpretar e resolver problemas de proporcionalidade, porcentaxes e semellanza, elaborando representacións matemáticas e aplicando as ferramentas e estratexias apropiadas.