Saltar navegación

3.1. Recomendacións de uso

Orientacións e recomendacións de uso

Recomendacións para o maior aproveitamento posible do REA.

Motivación para a abordaxe do REA

Nesta situación de aprendizaxe, o alumnado é seleccionado para acceder á máis prestixiosa "Academia de Detectives", na que poderá prepararse no mundo da investigación empregando coñecementos de álxebra. Para obter o título de detective, deberá resolver unha serie de probas e casos policiais guiados.

Como produto final, deberá crear en grupo un caso policial propio, tomando como referencia algún dos resoltos ao longo do REA.

A motivación, explicada na fase 1, baséase no traballo de enunciados con casos reais nun contexto intrigante, no que o alumnado se convirte en protagonista da súa resolución.

Estrutura do REA

Os contidos divídense en 4 apartados:

  1. Expresións alxébricas (3.1. Muerte en el hotel).
  2. Ecuacións de 1º grado (3.2. Atraco a la vista).
  3. Ecuacións de 2º grado (3.3. La caja de Pápazon).
  4. Sistemas de ecuacións lineais (3.4. Accidente en el túnel).

Cada apartado á súa vez ten a seguinte estrutura:

  • Descrición dun caso policial a resolver tras adquirir os conceptos do apartado.
  • Varias páxinas de contidos. Nelas, ademáis de explicacións, exercicios e actividades interactivas, hai unha ou dúas probas que darán a chave para obter a información necesaria para resolver o caso descrito ao inicio do apartado.
  • Resolución do caso de forma guiada: en todos eles é necesario solicitar datos á policía. Para elo, é indispensable superar as probas previas. Todos os casos acaban resolvéndose en grupo.

Recursos materiais necesarios

Para desenvolver as actividades do REA é necesaria a conexión á rede, xa que hai que buscar información, utilizar GeoGebra, ver vídeos, etc. Na versión de eXeLearning coa que foi creado, a ( 2.9), é preciso estar conectados para ver correctamente as expresións matemáticas escritas en LaTeX.

Hai que indicar que a notación matemática empregada inclúe o uso do símbolo "^" para as potencias e o espazo, en lugar do punto, para separar en grupos de tres cifras os números maiores ca 9999. O motivo é que, se ben a separación da parte decimal faise preferentemente coa coma, algunha aplicación informática, como GeoGebra, usa o punto e isto podería dar lugar a confusións.

Respecto das iconas que preceden ós títulos, seguen as pautas DUA. As de cor azul indican actividades. Para as autocorrexibles, aínda que só cómpre introducir no REA o resultado final, recoméndase que o alumnado faga os seus propios esquemas cos datos, que anote os pasos da resolución e que indique cálculos, fontes empregadas e reflexións persoais no seu caderno (xa sexa dixital ou en papel).

As iconas de cor verde están relacionadas co reto e, as de cor rosa, con contidos e exemplos necesarios para comprender as actividades.

Nas actividades tipo "xogo" (que levan a icona dun mando de videoxogo), pódese configurar o gardado da puntuación. Tamén nalgunhas feitas con GeoGebra. Actualmente, en eXeLearning só se pode gardar a puntuación dunha actividade por páxina, en combinación con Moodle e formato SCORM.

O REA dispón de fichas de apoio (elaboradas con LibreOffice) para desenvolver algunhas actividades, que se poden empregar en formato dixital ou papel.

O profesorado pode consultar todos os arquivos na sección 3.2 desta guía, en formato editable, así como as solucións das actividades (excepto das autocorrexibles e das de resposta aberta), autenticándose coa conta corporativa.

Tamén se ofrecen propostas para o uso doutros recursos como a calculadora e/ou da folla de cálculo.

Actividades en equipo

Ideas para o profesorado sobre a formación de equipos:

  • Deben ser de de tres ou catro persoas (poderíase alterar este número segundo o aspecto que se queira reforzar en actitude, pero sempre é mellor equipos pequenos).
  • Preferiblemente heteroxéneos aínda que, puntualmente, para algunha actividade se fagan grupos homoxéneos.
  • Os grupos deben ter interdependencia positiva e debe existir unha responsabilidade individual e grupal.

Materiais

Para cada unha das actividades grupais hai un material descargable que serve de apoio e tamén de documento para recoller o traballo desenvolvido e as respostas consensuadas.

Roles

Neste REA inclúese un modelo para entregar ao alumnado que contén as tarefas que corresponden aos catro roles propostos:

  • Coordinador/a: dirixe e organiza as tarefas de forma consensuada, verificando que se entenderon. Media nos conflitos do equipo. Le o enunciado e a información relevante de cada apartado ao resto das persoas do equipo.
  • Secretario/a: anota as decisións e as respostas do equipo. Controla o ton de voz e os tempos. Encárgase de que estean todas as actividades feitas e da súa entrega en tempo e forma.
  • Responsable do material: encárgase de ter todo o material. Debe asegurarse de que cando se vaia a empezar a tarefa todo estea en orde para non perder tempo. Fomenta a participación das demais persoas do equipo.
  • Axudante: axuda no que faga falta. Se son equipos de catro persoas exerce de portavoz, e se son de tres, esta función pode facela a persoa coordinadora.

Estes roles irán acompañados das normas que habitualmente haxa na aula para manter a orde durante o desenvolvemento das actividades.

Os roles irán rotando a medida que se cambie de actividade.

Actividades individuais multinivel

O REA, nas fases 2 e 3, inclúe actividades individuais multinivel.

Preséntanse con botóns de opcións, a elixir unha, e non ordenadas por dificultade.

O obxectivo destas actividades é desenvolver un procedemento, contido ou habilidade, ofrecendo distintas versións, que varían en dificultade ou formato, permitindo ao alumnado escoller a opción que mellor se adapte ás súas necesidades e ao seu ritmo de aprendizaxe.

Avaliación

O REA dispón, na fase 4, dunha diana e unha rúbrica para avaliar o reto.

Tamén se inclúe unha rúbrica para avaliar o traballo en equipo e outra para a exposición oral.

Todas elas poden empregarse tanto para avaliación como para autoavaliación dos equipos.

Produto final

Neste recurso, proponse a creación dun caso policial no que se precise o uso de procesos alxébricos para resolvelo.

O produto final é un debuxo, unha fotografía ou un audio que presente un misterio ou caso policial, o cal se resolva usando algún concepto de álxebra.

Para facilitar o traballo do alumnado, proponse unha ficha de apoio na que se vai guiando o proceso e se indican exemplos de casos pequenos resoltos ao longo de REA, dos que poden obter inspiración.

Enfoque multinivel do reto

O feito de crear un novo caso de detectives implica poñer en práctica en primeiro lugar a competencia en comunicación lingüística.

Obviamente, haberá distintos niveis dentro da aula nesta competencia, polo que a persoa docente será quen de propoñer casos máis sinxelos ou de deixar máis liberdade na súa elaboración.

A gradación da dificultade está neste primeiro paso, de aí que sexa necesaria unha supervisión dos enunciados antes de pasar a realizar o debuxo, imaxe ou audio.

Tamén é importante a heteroxeneidade dos grupos de traballo, porque garanten a aprendizaxe horizontal e o apoio entre o alumnado para chegar a bo termo.

Por outra banda, no caso de alumnado con altas capacidades, debería darse opción a deseñar casos máis complexos, ao estilo dos catro casos grandes resoltos no REA.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)