Saltar navegación

1. Descrición xeral

Academia de Detectives

Este REA (Recurso Educativo Aberto) ten como obxectivo principal que o alumnado integre nos seus coñecementos unha parte dos bloques dos sentidos alxébrico e socioafectivo do currículo de 2º de ESO nun contexto detectivesco.

Tamén busca incorporar estratexias de resolución de problemas e de traballo en equipo, a través de situacións reais motivadoras que requiran distintos niveis de dificultade.

Para acadalo proponse elaborar de forma conxunta un problema (nomeado como caso), no que as pistas para resolvelo veñan dadas a través dun elemento audiovisual (foto, debuxo, imaxe, audio) e que precisen para resolvelo dunha ferramenta alxébrica (polinomio, ecuación de primeiro grado, ecuación de segundo grado ou sistema de dúas ecuacións lineais). Ao longo do REA proporcionaranse problemas seguindo este formato que o alumnado pode tomar como modelo.

As metas de aprendizaxe son:

  1. Expresar relacións empregando a linguaxe alxébrica.
  2. Calcular e interpretar o valor numérico dunha expresión alxébrica.
  3. Operar con expresións alxébricas incluíndo as identidades notables.
  4. Transformar e resolver ecuacións de primeiro e segundo grao.
  5. Transformar e resolver sistemas de ecuacións lineais con dúas incógnitas.
  6. Modelar e resolver problemas empregando ferramentas alxébricas.
  7. Formular novos problemas que requiran para a súa resolución unha ferramenta alxébrica.
  8. Desenvolver destrezas persoais identificando e xestionando emocións e asumindo erros.
  9. Desenvolver destrezas sociais participando activa e reflexivamente en actividades de traballo en equipo.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)