Orientacións e recomendacións de uso
Recomendacións para o maior aproveitamento posible do REA
Motivación para o abordaxe do REA
Nesta situación de aprendizaxe abórdase o estudo estatístico de algunhas variables meteorolóxicas en distintos Camiños de Santiago.
A motivación principal é a posta en valor do Camiño de Santiago e como aproveitar os coñecementos de estatística para preparar o percorrido.
Para acadar este obxectivo é importante seguir, dende a fase 1, a historia de Xurxo, que guiará ao alumnado a través deste recurso e o axudará a realizar o seu reto: elixir o Camiño a realizar no próximo mes de xullo.
Recursos materiais necesarios
Para desenvolver as actividades do REA é necesaria a conexión á rede, xa que hai que buscar información, utilizar GeoGebra, ver vídeos, etc. Na versión de eXeLearning coa que foi creado, a ( 2.9), é preciso estar conectados para ver correctamente as expresións matemáticas escritas en LaTeX.
Hai que indicar que a notación matemática empregada inclúe o uso do símbolo "^" para as potencias e o espazo, en lugar do punto, para separar en grupos de tres cifras os números maiores ca 9999. O motivo é que, se ben a separación da parte decimal faise preferentemente coa coma, algunha aplicación informática, como GeoGebra, usa o punto e isto podería dar lugar a confusións.
Respecto das iconas que preceden ós títulos, seguen as pautas DUA. As de cor azul indican actividades. Para as autocorrexibles, aínda que só cómpre introducir no REA o resultado final, recoméndase que o alumnado faga os seus propios esquemas cos datos, que anote os pasos da resolución e que indique cálculos, fontes empregadas e reflexións persoais no seu caderno (xa sexa dixital ou en papel).
As iconas de cor verde están relacionadas co reto e, as de cor rosa, con contidos e exemplos necesarios para comprender as actividades.
Nas actividades tipo "xogo" (que levan a icona dun mando de videoxogo), pódese configurar o gardado da puntuación. Tamén nalgunhas feitas con GeoGebra. Actualmente, en eXeLearning só se pode gardar a puntuación dunha actividade por páxina, en combinación con Moodle e formato SCORM.
O REA dispón de fichas de apoio (elaboradas con LibreOffice) para desenvolver algunhas actividades, que se poden empregar en formato dixital ou papel.
O profesorado pode consultar todos os arquivos na sección 3.2 desta guía, en formato editable, así como as solucións das actividades (excepto das autocorrexibles e das de resposta aberta), autenticándose coa conta corporativa.
Tamén se ofrecen propostas para o uso doutros recursos como a calculadora e/ou da folla de cálculo.
Actividades en equipo
Ideas para o profesorado sobre a formación de equipos:
- Deben ser de tres ou catro persoas (poderíase alterar este número segundo o aspecto que se queira reforzar a nivel actitudinal, pero é mellor equipos pequenos).
- É recomendable que sexan heteroxéneos aínda que, puntualmente, para algunha actividade poden ser homoxéneos.
- Os equipos deben ter interdependencia positiva e debe existir unha responsabilidade individual e grupal.
Materiais
Para cada unha das actividades hai un material descargable que serve de apoio e, ao mesmo tempo, de documento para recoller o traballo desenvolvido e as respostas consensuadas.
Roles
Neste REA inclúese un modelo para entregar ao alumnado que contén as tarefas que corresponden aos catro roles propostos:
- Coordinador/a: dirixe e organiza as tarefas de forma consensuada, asegurándose de que todas as persoas as entenderon. Media nos conflitos que poidan xurdir dentro do equipo.
- Secretario/a: anota as decisións e as respostas do equipo. Controla o ton de voz e os tempos. Encárgase de que todas as actividades estean feitas e entregadas en tempo e forma.
- Responsable: organiza o material e os recursos necesarios. Fomenta a participación de todas as persoas do equipo.
- Portavoz: comunícase con outros equipos e co/a docente. Expón os resultados e as conclusións do equipo.
Se o quipo está formado por tres persoas, esta función pode asumila a persoa coordinadora.
Estes roles deberán acompañarse das normas habituais da aula, para manter a orde e garantir un bo desenvolvemento das actividades.
Actividades individuais multinivel
O REA, nas fases 2 e 3, inclúe actividades individuais multinivel.
Preséntanse con botóns de opcións, a elixir unha, e non ordneadas por dificultade.
O obxectivo destas actividades é desenvolver un procedemento, contido ou habilidade, ofrecendo distintas versións, que varían en dificultade ou formato, permitindo ao alumnado escoller a opción que mellor se adapte ás súas necesidades e ao seu ritmo de aprendizaxe.
Avaliación
O REA dispón, na fase 4, dunha rúbrica sobre o estudo estatístico, outra da creación do pódcast, e dunha lista de cotexo, de xeito que o alumnado poida verificar que se levaron a cabo todas as tarefas deste e avalialas.
Tamén se inclúe unha rúbrica para avaliar o traballo en equipo e outra para a exposición oral.
Todas elas poden empregarse tanto para avaliación como para autoavaliación dos equipos.
Producto final
O produto final consiste na elaboración, por parte do alumnado, dun estudo estatístico e dun pódcast de variables meteorolóxicas dun tramo do Camiño de Santiago.
Logo de escoitar todos os pódcast de entre os distintos equipos, a clase deben elixir, de maneira conxunta, o mellor tramo para poder realizalo no próximo mes de xullo.
Enfoque multinivel do reto
O carácter aberto do produto final permitirá que o alumnado participe activamente, podendo empregar distintas temáticas e materiais para a súa elaboración, e diversos medios para a posterior presentación e difusión (seguindo os principios DUA).
Este reto é multinivel, xa que se abordan diferentes tramos do Camiño de Santiago, permitindo adaptar a dificultade e os contidos ás necesidades e capacidades de cada grupo.
Cada equipo poderá investigar un tramo segundo o seu nivel de coñecemento en estatística, así como ao seu propio ritmo de aprendizaxe.
Deste xeito, os grupos con máis dominio da materia poderán analizar tramos máis complexos, ou pódcast mais elaborados, mentres que os que requiran maior apoio traballarán con tramos de menor dificultade, garantindo que todos avancen segundo as súas posibilidades.