cREAndo criaturas. Enfoque
Este REA está dirixido ao alumnado de 6º de educación primaria. O reto final supón a elaboración dun produto manipulativo no que queden inmersos os contidos traballados ao longo da unidade. Esta creación supón o desenvolvemento da competencia lingüística en todos os ámbitos. A elaboración de textos, o tratamento da información, a exposición oral e a comprensión lectora xogan un papel importante, abordando distintos bloques da materia:
- Bloque 2. Comunicación oral.
- Bloque 3. Comunicación escrita.
- Bloque 4. Alfabetización mediática e informacional.
- Bloque 5. Educación literaria.
- Bloque 6. Reflexión sobre a lingua e os seus usos no marco de propostas de produción e comprensión de textos orais, escritos ou multimodais.
O reto final deste REA consistirá, tal e como se recolle no punto 1 da presente guía, na creación dunha baralla mitolóxica. Pártese da idea de crear todos os aspectos relativos a un xogo de cartas. O alumnado dividirase en catro grupos que elaborarán os personaxes a cada carta, xunto coas características intrínsecas de cada unha.
Neste sentido empregarase como fío condutor a mitoloxía grega, a través da identificación de distintas criaturas mitolóxicas. A concienciación da extinción de especies, o emprego de linguaxe non discriminatoria e a educación emocional serán piares fundamentais.
Os distintos textos e actividades están encamiñados á adquisición de habilidades e coñecementos que potencien a elaboración final do reto. Na baralla mitolóxica condensaranse ditas aprendizaxes mediante os seguintes elementos:
- Elaboración da propia carta: creación da criatura e xustificación do nome.
- Afianzamento da comprensión lectora.
- Traballo sobre dous tipos de textos concretos: a descrición e a biografía.
- Reforzo dos aspectos ortográficos e gramaticais.
Todo isto, enmarcado dentro dunha proposta creativa: promóvese a creación literaria a través da imaxinación. Así coma o fomento dunha correcta exposición oral.
Metodoloxicamente podemos resaltar que tanto o produto final do reto, como distintas actividades intermedias, se realizarán en equipos, base de traballo cooperativo. O traballo nestes equipos será planificar, deseñar, elaborar e avaliar as súas producións.
As diferentes actividades propostas están deseñadas para resolverse de xeito individual ou en pequeno grupo.
Ao longo do REA o alumnado irá atopando distintos tipos de actividades: dixitais con corrección automática, para facer no seu caderno de aula, para realizar con diferentes estruturas de aprendizaxe cooperativo, e actividades manipulativas.