Saltar navegación

3.1. Recomendacións de uso

Orientacións e recomendacións de uso

Algunhas recomendacións para o uso deste recurso na aula son:

Recursos materiais necesarios

Recursos materiais:

  • Libros da biblioteca de centro e de aula.
  • Cartas de xogo.
  • Caderno.
  • Material funxible.

Software:

  • Documentos de texto: Libre Office Writer.
  • Gravación de audio: Audacity.
  • Creación de códigos Qr: programa QtQr da maqueta Abalar.
  • Outras ferramentas tecnolóxicas.

É preciso contar con conexión á rede para a busca de información e visualización de vídeos e para desenvolver actividades.

Proposta de agrupamentos para actividades grupais

Proponse a creación de grupos heteroxéneos e permanentes ao longo do REA formados por 4 persoas.

Para a realización dos grupos por parte do profesorado, recoméndase ter en conta as bases da aprendizaxe cooperativa. De xeito que cada grupo esté formado por alumnado capaz de axudar aos demais, alumnado con dificultades de aprendizaxe e resto de alumnado.

Produtos finais

O produto final consiste na elaboración por parte do alumnado dunha "baralla mitolóxica". 

En grupo deberán elaborar as cartas do elemento elixido (terra, lume, auga ou aire). E finalmente expoñelas diante do resto da clase.

Cada carta estará formada polos seguintes elementos:

  • Descrición da criatura da carta. Explicación das calidades físicas e habilidades. Debuxo da mesma. 
  • Texto escrito sobre a orixe do nome da criatura. Animais que a conforman.
  • Biografía inventada sobre a criatura a modo de historia mitolóxica. 

Enfoque multinivel do reto

O reto final adáptase ás habilidades e intereses do alumnado xa que permite que cada equipo desenvolva o seu propio conxunto de cartas partindo das achegas individuais.

Ao longo do REA proporcionase variedade de recursos, adaptados aos diferentes niveis do alumnado para que poidan utilizalos se o consideran preciso.

Tanto as tarefas intermedias como o reto final están pensados para que teñan diferentes niveis de dificultade axeitados a súa capacidade. 

Enfoque multinivel
Nivel de dificultade Reto

Nivel 1

Básico

Obxectivo: Participar no proceso mediante axudas estruturadas.

Tarefas:

  • Nome da criatura: Escoller entre 2-3 opcións propostas. Xustificación breve con axuda visual ou verbal.
  • Descrición: Cubrir unha ficha guiada con frases incompletas.
    (Exemplo: "A miña criatura ten corpo de ___ e cabeza de ___.")
  • Habilidades: Seleccionar 2-3 habilidades nunha lista pechada. Escribir frases curtas coa estrutura "Pode ___ porque ten ___".
  • Mito: Redactar un mito breve seguindo un esquema dado. Pode empregar pictogramas ou debuxos como apoio.
  • Exposición oral: Lectura do texto con apoio do profesorado ou dun compañeiro. Permítese empregar tarxetas ou imaxes como guía.

Nivel 2

Intermedio

Obxectivo: Desenvolver o personaxe e o mito con autonomía.

Tarefas:

  • Nome da criatura: Creación libre baseada nas características do animal ou no nome científico. Xustificación breve.
  • Descrición: Redactar un texto descritivo (100–150 palabras), empregando adxectivos, comparacións e conectores lóxicos.
  • Habilidades: Desenvolver un pequeno parágrafo con 2-3 habilidades ben argumentadas.
  • Mito: Elaboración dun relato mítico con estrutura de biografía, sen uso de linguaxe discriminatoria.
  • Exposición oral: Presentación clara, con estrutura, uso de conectores temporais e variedade oracional.

Nivel 3

Avanzado

Obxectivo: Crear un personaxe complexo con riqueza léxica, estilo propio e discurso elaborado.

Tarefas:

  • Nome da criatura: Inventado, con xogo lingüístico (etimoloxía, referencia científica). Xustificación creativa e razoada.
  • Descrición: Texto descritivo amplo (mínimo 200 palabras) con uso de recursos expresivos: metáforas, epítetos, comparacións, etc.
  • Habilidades: Integradas de forma creativa na narración ou descrición, relacionándoas co papel no mito da criatura.
  • Mito: Relato extenso cunha estrutura ben definida, conectores, linguaxe inclusiva e alusión a valores (ecoloxía, igualdade…). Pode incluír diálogos.
  • Exposición oral: Discurso fluído, con diferentes tipos oracionais e intencións comunicativas (narrar, describir, explicar). Posibilidade de empregar recursos audiovisuais.

Propostas para o plan lector

  • Fernández García, César (2012). 16 Dioses y héroes mitológicos. Bruño.
  • Sabaté, V. (2022). Mujeres mitológicas. Shackleton Books.
  • Baños, G., & Sabaté, V. (2020). Héroes, dioses y monstruos mitológicos. Shackleton Books.
  • Libros, vídeos y actividades de la colección: Shackleton Books. (s. f.). Mitología para niños [Colección]. https://shackletonkids.com/coleccion/mitologia-para-ninos/
  • Angelidou, M., García, F. A., & Vasilev, S. (2023). Mitos griegos (2.ª ed.). Editorial Vicens Vives.
  • Kimmel, E. A. (2019). El gran libro de los mitos griegos. Editorial Planeta.

Categorías gramaticais

A aprendizaxe da gramática pode ser un proceso complexo e abstracto para o alumnado. Unha forma de facelo máis atractivo e efectivo, é utilizar imaxes e símbolos que representen as diferentes categorías gramaticais.

Beneficios das imaxes e símbolos:

  • Fixación dos contidos: as imaxes e símbolos axudan a visualizar e comprender mellor os conceptos gramaticais.
  • Motivación: o uso de materiais visuais fai que a aprendizaxe sexa máis atractiva e divertida.
  • Manipulación: o alumnado pode recortar e manipular as imaxes e símbolos, o que lles permite unha aprendizaxe máis activa e participativa.

Para o caso de que sexa a primeira vez que o alumnado traballa a gramática utilizando figuras que representan as categorías gramaticais, pode colocarse na clase un cartel coa correspondencia entre figuras e categoría. Recomendamos tamén ter figuras manipulables, doadas de facer con calquera material: plastilina, plástico, cartolina, goma eva... ou impresas en 3D, que facilitarán o traballo na aula.

No apartado “3.2. Recursos e solucións do REA” podedes acceder a recursos e material de axuda para a gramática manipulativa.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)