Saltar navegación

3. Guía de uso

Consideracións a ter en conta

O presente REA está deseñado co fin de que o alumnado traballe de forma activa e significativa, utilizando os coñecementos previos que xa adquiriu e relacionándoos coas novas aprendizaxes que irá construíndo a medida que realice as distintas actividades, logrando así unha aprendizaxe consciente e conectada co seu contexto. O enfoque principal é a experimentación e o protagonismo do alumnado, polo que os estudantes terán a oportunidade de aplicar o método científico para investigar conceptos clave das ciencias, como a flotabilidade, a densidade e as mesturas.

A través das diferentes actividades e experimentos propostos, o alumnado non só coñecerá os conceptos de maneira teórica, senón que os vivenciará a través da manipulación de materiais e a observación directa, o que lles permitirá experimentar e aprender de maneira máis profunda e significativa. É importante que o alumnado complete cada unha das fases do REA de maneira ordenada antes de pasar á creación do prototipo, xa que este paso previo proporcionará as bases necesarias para resolver o reto de maneira máis eficiente.

O traballo en equipo de xeito colaborativo é un aspecto fundamental neste REA, xa que fomenta a creatividade e o intercambio de ideas así como a resolución de conflitos e toma de decisións, chegando a acordos grupais. O prototipo que os grupos deseñen será o resultado da colaboración de todos os membros, onde cada un poderá achegar as súas ideas e perspectivas, enriquecendo o proceso de construción do proxecto. Aínda que o traballo en equipo poida levar máis tempo que facelo de maneira individual, a diversidade de opinións e habilidades contribuirá a unha solución máis innovadora e completa.

Ademais, ao longo do REA, haberá momentos para que cada alumno traballe de maneira individual, realizando actividades personalizadas que se adapten ao seu nivel e ritmo de aprendizaxe. Isto permitirá que todos os estudantes poidan poñer a proba as súas habilidades, fortalecer as súas competencias e avanzar no seu proceso de aprendizaxe segundo as súas propias necesidades.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)