Orientacións e recomendacións de uso
A continuación explícanse certas recomendacións relativas aos seguintes aspectos:
| 1. Recursos materiais necesarios | 4. Enfoque multinivel do reto |
| 2. Proposta de agrupamentos para actividades grupais | 5. Diario de aprendizaxe |
| 3. Produto final |
Recursos materiais necesarios
Para a posta en marcha deste REA precísanse diferentes recursos materiais que permitan aos estudantes experimentar e crear ao longo das diferentes fases do mesmo. Estes recursos poderán variar segundo as necesidades e característica do alumnado e a construción do prototipo dos diferentes equipos.
Será imprescindible contar cun dispositivo electrónico (ordenador ou tablet) por cada alumna ou alumno con acceso á rede así como diferentes materiais de laboratorio para a elaboración dos experimentos (recipientes, líquidos, medidores de capacidade, balanzas etc.).
Dado que o reto é deseñar e construír o prototipo que evite que un ovo rompa ao caer ao chan, o recurso principal será o ovo, xa que é o elemento central do reto. É recomendable dispoñer de varios ovos por grupo, o que lles permitirá realizar múltiples probas e axustes nos seus prototipos, estes ovos non sempre teñen que ser reais, poderán proporcionarse ovos de plástico para que experimenten nas primeiras fases. En canto aos materiais para a protección do ovo, necesitaranse opcións que absorban o impacto, como escuma ou material acolchado, plástico de burbullas, cartón groso, algodón, papel ou bolsas plásticas, entre outros. Tamén será importante contar con materiais para a estrutura do prototipo, como caixas pequenas, tubos, e cartón ou madeira lixeira.
Ademais destes materiais, necesitaranse ferramentas básicas como tesoiras, pegamento, cinta adhesiva e regras para cortar, pegar e construír as estruturas.
En canto aos recursos educativos, se é necesario proporcionaranse as fichas e os diferentes recursos de maneira impresa para que o alumnado traballe sobre os mesmos.
Finalmente, será necesario contar cun espazo adecuado, xa sexa ao aire libre, nunha aula grande, no laboratorio etc. onde os estudantes poidan realizar as probas de maneira segura e observar os resultados das caídas sen riscos.
Con estes recursos e materiais, o alumnado poderá desenvolver os seus prototipos de maneira creativa, aplicando os coñecementos adquiridos e experimentando de forma práctica.
Existen algúns recursos que son de carácter opcional xa que non resultan imprescindibles para o desenvolvemento do REA pero permitiríanos experimentar e crear dunha maneira máis profesional e avanzada. Estes son a Impresora 3D e a placa de indución.
Proposta de agrupamentos para actividades grupais
Ao formar os grupos de traballo para este REA, é importante ter en conta unha serie de aspectos que favorezan a colaboración entre os membros do equipo e a aprendizaxe mutua. Primeiro, débese procurar mesturar habilidades e niveis de coñecemento, de modo que o alumnado poida axudarse entre si, enriquecéndose e realizando achegas individuais. Recoméndase traballar en grupos pequenos, de entre 3 e 5 persoas para favorecer a participación activa e fomentar unha dinámica de traballo máis inclusiva. Ademais, a diversidade nas personalidades, gustos e intereses dos integrantes do grupo pode ser beneficiosa, xa que diferentes formas de traballar e de pensar poden enriquecer o proceso de creación e fomentar a creatividade de maneira global.
Se non se conta con equipos preexistentes na aula, proponse dentro do REA unha dinámica para a elaboración dos equipos relacionada coa temática a traballar. Porén, é elección do mestre ou mestra utilizala ou aplicar calquera outro método que sexa da súa preferencia.
Ademais dos equipos de traballo, realizaranse diferentes actividades nas que os estudantes terán a oportunidade de traballar con distintos compañeiros e compañeiras, interaccionando de xeito global co resto de persoas da aula. Desta forma, aprenden a colaborar con persoas que teñen diferentes enfoques e estilos de traballo. Tamén é importante observar as dinámicas entre os estudantes, asegurándose de que os equipos funcionen correctamente e non haxa conflitos internos que dificulten a colaboración dos diferentes membros.
Finalmente, é esencial que se favoreza o equilibrio de participación dentro dos grupos, adaptando as tarefas se é necesario ás características do alumnado, para que todos e todas teñan a oportunidade de realizar achegas e aprender.
Produto final
O produto final deste REA é a creación dun prototipo deseñado para evitar que un ovo escache ao caer ao chan. A través de diversas actividades de experimentación e traballo colaborativo, o alumnado deberá aplicar os conceptos científicos que aprenderon relacionados coa aerodinámica, a flotabilidade, a enerxía, as propiedades da materia etc. para idear, deseñar e construír un prototipo que protexa o ovo durante a súa caída.
O desafío consiste en utilizar os materiais dos que pode dispoñer o alumnado de maneira creativa e eficaz, tendo en conta que o prototipo debe ser o suficientemente resistente para evitar que o ovo rompa, pero tamén debe ser práctico e fácil de construír. Os estudantes poderán aplicar o método científico para probar diferentes solucións, realizar axustes nos seus deseños e comprobar o funcionamento do seu prototipo a través de probas reais.
O prototipo final será o resultado da estreita colaboración de todo o equipo, onde cada membro achegará as súas ideas e habilidades para construír unha estrutura que cumpra co obxectivo establecido. Ao finalizar o proceso, os grupos presentarán os seus prototipos e explicarán as decisións tomadas durante o deseño, os materiais utilizados e farán unha proba do seu funcionamento para demostrar que cumpre co obxectivo. Este produto final non só reflicte a aprendizaxe dos conceptos teóricos traballados, senón tamén as habilidades de traballo en equipo, resolución de problemas e creatividade que se desenvolveron ao longo do REA.
Enfoque multinivel do reto
Este REA está na súa totalidade deseñado cun enfoque multinivel que permite adaptarse ás diferentes necesidades, ritmos de aprendizaxe e niveis de coñecemento do alumnado. Ao longo das diversas actividades, teñen a oportunidade de enfrontarse a retos e tarefas, tanto de xeito individual como en grupo, que lles permiten progresar segundo as súas habilidades individuais, o que garante que todos poidan participar activamente e realizar diferentes achegas segundo o seu potencial. Dito enfoque multinivel baséase nas seguintes cuestións:
Diversidade de actividades: As actividades están estruturadas de forma que ofrecen distintos niveis de dificultade e complexidade. Por exemplo, os exercicios de experimentación e manipulación permiten que os estudantes traballen con conceptos básicos ou máis avanzados, segundo o seu nivel de comprensión. Incluso se propoñen challengues ou retos para satisfacer as necesidades do alumnado máis avanzado e que así manteñan a súa motivación. Este enfoque permite que cada alumno e alumna poida progresar segundo o seu propio ritmo e nivel de coñecemento.
Adaptación a diferentes estilos de aprendizaxe: O REA ofrece actividades de diferente tipoloxía que engloban tanto a elaboración de experimentos aplicando o método científico, actividades interactivas, mini retos, elaboración dun prototipo, traballo de investigación etc. Estas actividades adáptanse aos distintos estilos de aprendizaxe, xa sexa visual, kinestésico, auditivo ou lóxico. Logrando que o alumnado aprenda a través da práctica, a observación, a reflexión e a cooperación, o que favorece que todos poidan acceder á aprendizaxe desde a súa propia forma de entender o mundo.
Actividades individuais e en grupo: O traballo en equipo é fundamental no desenvolvemento deste REA, pero tamén se inclúen multitude de tarefas nos que os estudantes traballan de maneira individual, afianzando así os contidos teóricos traballados ou refrescando os coñecementos previos. Estas actividades personalizadas permiten poñer a proba as habilidades propias de maneira autónoma, segundo o seu propio nivel de desenvolvemento. Isto fomenta unha avaliación continua e axustada ás capacidades individuais.
Integrantes dos equipos: Dentro dos grupos de traballo, as achegas realizadas polos membros que os compoñen serán diferentes segundo as habilidades e o nivel de coñecemento e desempeño individual. Deste xeito, cada equipo terá liberdade para organizarse de maneira interna segundo as súas características, logrando sempre un enriquecemento global. Os membros do equipo de maior desempeño poderán asumir os aspectos máis complexos das tarefas, mentres que outros poden centrarse en cuestións máis sinxelas que lles permitan afianzar os seus coñecementos. Deste xeito garantimos que todos os membros do equipo participen activamente segundo a súa capacidade.
Reto e aprendizaxe graduado: O REA está deseñado para que o alumnado poida abordar o reto de forma progresiva, construíndo o seu propio coñecemento a través de actividades de exploración e experimentación iniciais continuando despois con tarefas máis complexas de construción e deseño. Isto permite que os estudantes con máis coñecementos previos poidan afondar máis nos conceptos traballados, mentres que aqueles con menor experiencia teñen tempo de reforzar e comprender os mesmos antes de pasar á seguinte fase.
Avaliación continua e flexible: Ao ser un REA multinivel, a avaliación realizarase de forma continua e flexible o cal permite identificar as fortalezas e debilidades do alumnado e superar as dificultades que poidan acontecer. Esta avaliación non só se centrará no produto final (o prototipo), senón que se levará a cabo ao longo de todo o proceso de aprendizaxe e terá en conta tanto o traballo en grupo como o progreso individual.
En resumo, este REA é multinivel porque permite que o alumnado con diferentes niveis de coñecemento e habilidades poida avanzar no seu proceso de aprendizaxe de maneira personalizada, ofrecendo tanto desafíos adecuados ao seu nivel como oportunidades para mellorar e aprender de maneira continua. Ademais, promove a cooperación e o intercambio de coñecementos dentro dos grupos, favorecendo unha aprendizaxe inclusiva e accesible para todos.
Diario de aprendizaxe
O diario de aprendizaxe proponse como unha actividade de reflexión (non avaliable) para o propio alumnado. Busca que reflexionen sobre as súas aprendizaxes e a maneira na que eles aprenden. Pero é tamén para o profesorado xa que aínda que non sexa unha actividade avaliable, a revisión dos diarios de aprendizaxe pode servir para guiar e reorientar a nosa práctica docente e adaptarse mellor ás características do noso alumado.
No mesmo se responden cuestións relativas ás aprendizaxes adquiridas e ao proceso e valoración das mesmas. O alumnado ao rematar cada unha das fases ten unha "chamada" ao diario.
Debido ao carácter especial da nosa área o diario está pensado para poder utilizalo de diversas maneiras, (tanto de maneira dixital, como a man e de maneira completa, ou segmentada por fases) como o docente decida. Explicamos un pouco máis detalladas as opcións:
- Opción A: O diario pódese realizar e editar directamente no ordenador, coma unha tarefa á realizar na casa ou no seu tempo libre e posteriormente ser entregado ao rematar cada fase ou ao finalizar á situación de aprendizaxe (arquivo enteiro).
- Opción B: O diario pódese imprimir en formato "libriño" en A5, un tamaño razoable e funcional.
- Opción C: O diario pódese imprimir por fases e ser entregado segmentado como se fose unha ficha a realizar ao finalizar cada fase.