Saltar navegación

2.3. Metodoloxía

Metodoloxía

Banner proxecto cREAgal

O deseño deste REA ten como obxectivo ofrecer ao alumnado unha aprendizaxe significativa, baseada na resolución de retos conectados coa realidade, con impacto social e que esixen ás nenas e nenos a toma de decisións e a valoración dos resultados e do proceso. A realización de tarefas de aprendizaxe integradas e contextualizadas permiten a utilización tanto do pensamento lóxico como do pensamento lateral.

O eixo fundamental do REA son as metodoloxías activas. A través do traballo por proxectos e da aprendizaxe cooperativa, favorecemos a inclusión de todo o alumnado na resolución conxunta de proxectos e tarefas. Utilizaremos diferentes técnicas de aprendizaxe cooperativo, por un lado dinámicas de cohesión de grupo; e por outro, estruturas cooperativas que se desenvolverán en diferentes momentos das unidades didácticas para traballar os contidos (Folio xiratorio, Estrutura 1-2-4, Policías e ladróns...). Despois do traballo individual e grupal, realizaremos unha posta en común en gran grupo. As explicacións do docente irán acompañadas de apoio visual con imaxes, vídeos e a elaboración de esquemas e mapas conceptuais.

As tarefas están relacionadas cos contidos de cada unha das fases e son de dous tipos:

  • Individuais: con gradación de dificultade e progresividade. Ofrécese ao alumnado a posibilidade de escoller actividades multinivel.
  • Grupais: mediante uso de estratexias que teñan en conta os diferentes ritmos de aprendizaxe do alumnado, partindo das súas capacidades, valorando non só o resultado senón a progresión e o proceso favorecendo a capacidade de aprender por si mesmos.

Este REA está dentro do marco pedagóxico do proxecto cREAgal do que forma parte este recurso.

Desde o punto de vista metodolóxico, este REA é fundamentalmente activo e participativo, con actividades manipulativas e contextualizadas, achegando ó alumnado ao descubrimento activo a través da formulación de preguntas, procura de información de diferentes fontes seguras e fiables, así como da realización de experimentos sobre investigacións relacionadas cos distintos elementos da natureza, favorecendo o traballo individual e cooperativo do alumnado na aula para resolver as situacións que se lle propoñen. Situacións que buscan estar contextualizadas na vida diaria do alumnado e en base aos seus centros de interese co fin de motivalo e facelo sentir parte activa do proceso de ensino-aprendizaxe e parten dos coñecementos previos tendo en conta as súas aprendizaxes anteriores e o seu desenvolvemento cognitivo e emocional.

É dicir, búscase un enfoque que sexa:

  • Personalizado: buscamos a relación cos coñecementos previos do alumnado e propoñemos actividade multinivel.
  • Significativo: o alumnado constrúe os seus propios coñecementos, é dicir, aprende ao tempo que aprende a aprender, interioriza as diferentes experiencias e estratexias que lle fan afondar e desenvolver os seus coñecementos.
  • Funcional: búscase a utilidade do aprendido en situacións reais e con conexión co seu mundo real.

Os criterios metodolóxicos deste REA seguen as liñas da materia de Ciencias da Natureza, cun carácter práctico e competencial do currículo. A metodoloxía empregada será:

  • Flexible: adaptándose continuamente aos diferentes niveis de cada alumna e alumno.
  • Activa: fomentando alumnado autónomo e responsable das súas aprendizaxes.
  • Participativa: potenciando a cooperación-colaboración.
  • Integradora: facilitando poder sentirse capaces coas súas propias respostas e coas súas diferenzas, mellorando a autoestima.
  • Contextualizada: o alumnado debe comprender o que está a facer, cales son os obxectivos e os pasos.
  • Creativa: propoñendo a procura de solucións aos problemas que vaian aparecendo ao longo da aprendizaxe.
  • Progresiva: que expoña ao alumnado a novos retos e momentos de aprendizaxe cada vez máis complexos.

Ao longo do REA atopamos actividades de aprendizaxe integradas que facilitan a contextualización de pequenos proxectos e pequenas investigacións no medio, así como resolución de problemas concretos nas que o alumnado avance no desempeño das súas competencias. Nestas actividades o alumnado terá que empregar os principios do Desing Thinking, co cal deberán planificar, deseñar, propoñer e comunicar diferentes propostas e proxectos a situacións presentadas, fomentando a creatividade, empregando a información proporcionada polos medios tecnolóxicos e utilizando, de xeito eficiente, diferentes ferramentas e dispositivos dixitais.

O traballo cooperativo por equipos será moi importante. O alumnado deberá indagar sobre as diferentes formas de enerxía que usa ao longo do día para realizar as súas actividades cotiás, suxerindo solucións para reducir o consumo de enerxía a través dunha presentación. Tamén analizarán o uso e funcionamento das máquinas simples e compostas de uso cotiá, indagando de que materiais están feitas e como funcionan expresando os resultados nun organizador gráfico para logo crear os seus propios prototipos empregando diferentes tipos de materiais.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)