Entramos en materia
"Entramos en materia" é un REA (Recurso Educativo Aberto) deseñado para o alumnado de 6º de Educación Primaria, cun enfoque práctico e cooperativo.
O obxectivo principal deste REA é que o alumnado desenvolva un proxecto de deseño e investigación, que consiste na creación dun prototipo capaz de evitar que un ovo escache ao caer. Este reto permite aplicar coñecementos previamente traballados sobre as propiedades e características da materia e enerxía, entre os que se atopan a densidade, a flotabilidade, os cambios de estado e as fontes de enerxía, entre outros. Tamén se traballarán as técnicas de indagación científica a través da aplicación do método científico e do Design Thinking á vez que se fomenta o traballo en equipo e a resolución de problemas mediante a creación de prototipos e experimentos.
A situación de aprendizaxe permitirá ao alumnado explorar as características e as propiedades da materia para despois aplicalo á práctica a través da identificación de materiais que poidan ser utilizados para protexer o ovo, así como na investigación das diferentes formas de enerxía que se poden empregar para mellorar a protección do prototipo ante o impacto. O alumnado traballará tanto de forma individual como en pequeno e gran grupo, realizando experimentos e actividades interactivas que lles permitan testar as súas ideas e mellorar os seus prototipos.
Durante o proceso de construción do prototipo, os estudantes formularán preguntas e realizarán predicións sobre como distintos materiais e formas de enerxía poden influír na protección do ovo, realizarán experimentos guiados para probar as súas hipóteses e analizarán os resultados obtidos, comunicando as súas conclusións de forma clara e precisa utilizando a linguaxe científica.
O traballo cooperativo será fundamental ao longo deste REA, xa que o alumnado deberá colaborar ao longo do mesmo para a realización das distintas actividades e experimentos e, por suposto, para a construción do prototipo. Entre todos deberán explorar, deseñar e probar diferentes opcións, utilizando recursos dixitais e metodoloxías de pensamento computacional para crear solucións innovadoras. Ao final do proceso, os estudantes presentarán os seus prototipos e comunicarán os pasos seguidos e os resultados obtidos, explicando como resolveron o reto de protexer o ovo utilizando os principios aprendidos sobre a materia e a enerxía e facendo unha demostración do funcionamento.
Metas de aprendizaxe do REA "Entramos en Materia":
- Identificar e analizar as propiedades da materia para comprender como os materiais poden influír na protección dun obxecto ante un impacto.
- Recoñecer as diferentes formas de enerxía e investigar como aplicalas para mellorar a protección do ovo no momento do impacto.
- Formular preguntas e realizar predicións baseadas en observacións e coñecementos previos, aplicando o método científico.
- Deseñar, analizar e comunicar os resultados dos experimentos e produtos finais realizados utilizando linguaxe científica, explicando os procesos e avaliando posibles melloras ou novos retos para futuros proxectos.
- Traballar en equipo para deseñar, probar e mellorar prototipos utilizando recursos dixitais e técnicas de pensamento de deseño e computacional.
- Crear un prototipo funcional que evite que un ovo escache ao caer, aplicando os coñecementos sobre propiedades da materia e enerxía.
Trátase dunha secuencia de aprendizaxe na que se propón, mediante unha contextualización motivadora conectada coa realidade do alumnado, a superación, de forma cooperativa, dun reto ou dunha problemática mentres se traballan os contidos propios da área.
Ao longo da mesma, e de maneira interdisciplinar, expóñense os coñecementos, destrezas, valores e actitudes mediante un enfoque competencial e abordando os mesmos a través de metodoloxías activas.
As situacións de aprendizaxe do proxecto cREAgal estrutúranse en cinco fases:
- A primeira fase está centrada na motivación do alumnado, a identificación da temática e descrición do reto.
- A segunda fase trata de activar os coñecementos previos do alumnado.
- Na seguinte fase, a terceira, lévase a cabo unha conexión entre as aprendizaxes, habilidades e destrezas que xa posúe o alumnado coas novas aprendizaxes.
- Na cuarta fase, o alumnado desenvolverá o reto proposto poñendo en xogo todo o aprendido.
- Por último, a quinta fase, está reservada para a valoración xeral da actividade, a coavaliación de retos, a propia autoavaliación e a recompilación de propostas de mellora.