Orientacións e recomendacións de uso
Algunhas recomendacións para o uso deste recurso na aula son:
Recursos materiais necesarios
O REA está deseñado para permitir ao profesorado adaptar as propostas de traballo para o alumnado aos recursos dispoñibles.
Para a presentación do REA e as tarefas individuais da fase 2, así como para o uso da lista de cotexo da fase 3 ou do xerador de códigos QR da fase 3 e 4: un equipo informático.
Para a elaboración dos stands e da xornada de convivencia familiar, ExpoMoving, da fase 4 non se determina o procedemento de elaboración. Recomendacións segundo os tres tipos de recursos:
- Sen medios dixitais: uso de materiais específicos da área de Educación Física ou outros comúns como cartolinas, tesoiras, pegamento e outros.
- Con aplicacións sen conexión a Internet: uso de LibreOffice Draw para a elaboración dos carteis, pulseiras, rótulos e invitacións. Hai que ter en conta que este tipo de aplicacións non permiten o traballo compartido sobre o mesmo produto.
- Co uso de servizos en Internet: utilización da plataforma AbalarBox como soporte para o traballo colaborativo de creación dos produtos dixitais.
Proposta de agrupamentos para actividades grupais
A primeira proposta de tarefa de grupo do REA vai dirixida a todo o grupo-clase, co dobre obxectivo de motivar e activar os coñecementos previos do alumnado.
Na fase 2 organízanse grupos heteroxéneos para descubrir o que sabemos sobre contidos relacionados coa cooperación a alimentación saudable e a condición física. Recoméndase que eses grupos traballen xuntos ao longo de todo o REA.
No REA non se fai mención ao número de alumnas e alumnos que integran cada grupo pois dependerá da totalidade do alumnado. De ser posible o número debería estar en torno a 6, aínda que iso supoña a redución de grupos.
Produtos finais
O REA consiste na organización dunha xornada de convivencia saudable coas familias do alumnado. Esa xornada terá formato de feira, formada por un número concreto de stands teórico-prácticos que deberán organizar os distintos grupos.
Para iso o alumnado deberá coñecer o que é unha feira e o que é un stand. A isto súmase a formación téorica da área que recibirán como adestradores persoais.
Cada grupo terá organizado como produto final un stand teórico-práctico. Estes formarán a feira de actividade física Expomoving que estará enfocada para que as familias do alumando a visiten. Os grupos terán a función de dar a coñecer, a cada un dos seus familiares, os contidos teóricos do stand e, a maiores, levaranos á práctica. Os adestradores e adestradoras deberán conseguir que os visitantes se vaian con gañas de mellorar os seus hábitos saudables e de incrementar o tempo diario de actividade física.
O alumando deberá decidir como organiza o seu stand en función do contido teórico-práctico que vai dar a coñecer nel. Tamén deberán adaptarse ás características que teñen os seus familiares.
Enfoque multinivel do reto
Tanto os retos como as tarefas individuais preséntanse multiniveladas, con varias opcións. O alumnado pode escoller segundo o seu criterio calquera das actividades individuais, no diario de aprendizaxe existen apartados específicos para que a alumna e o alumno expliquen, si así o consideran, os motivos da elección.
O reto de organizar unha xornada de convivencia saudable leva á organización de diferentes stands, onde cada grupo poderá organizar o seu como consideren, sempre e cando, respetando a temática do stand.
O profesorado pode orientar e recomendar actividades.
Diario de aprendizaxe
O diario de aprendizaxe ofrécese como unha proposta de guía de reflexión (non avaliable) para o propio alumnado. Busca que recapaciten sobre as súas aprendizaxes e a maneira na que eles aprenden (estreitamente ligado ca competencia aprender a aprender). Pero é tamén para o profesorado xa que aínda que non sexa unha actividade avaliable, a revisión dos diarios de aprendizaxe pode servir para guiar e reorientar a nosa práctica docente e adaptarse mellor ás características do noso alumado.
No mesmo se responden cuestións relativas ás aprendizaxes adquiridas e ao proceso e valoración das mesmas. O alumnado ao rematar cada unha das fases ten unha "chamada" ao diario. Debido ao carácter especial da nosa área o diario está pensado para poder utilizalo de diversas maneiras, (tanto de maneira dixital como a man e de maneira completa ou segmentada por fases) como o docente decida:
- Opción A: o diario pódese imprimir en formato "libriño" en A5, un tamaño razoable e funcional se decidimos que os nosos alumnos e alumnas o leven ao pavillón ou ximnasio (espazo de xogo) e poidan cubrir nun momento da sesión a fase que se considere.
- Opción B: o diario pódese imprimir por fases e ser entregado segmentado como se fose unha ficha a realizar ao finalizar cada fase.
- Opción C: o diario pódese realizar e editar directamente no ordenador, coma unha tarefa á realizar na casa ou no seu tempo libre e posteriormente ser entregado ao rematar cada fase (se é segmentado) ou ao finalizar á situación de aprendizaxe (arquivo enteiro).
Búscase ter o maior tempo motriz polo que, aínda que a reflexión e análise sexan parte da aprendizaxe, débese pensar a mellor maneira de utilizalo en base as características do noso alumnado, a tipoloxía, infraestrutura e características do noso centro e material tecnolóxico dispoñible (no centro e fogares do alumnado).
Sesións de Educación Física de compromiso motor
As sesións de EF con compromiso motor estarán centradas na práctica xogos e tarefas de cooperación, de traballo da condición física e dos diferentes test que se poden aplicar para valorala, e de hábitos saudables, como xogos para traballar unha alimentación saudable.
A planificación das sesións que se describen no apartado "2.2. Temporalización" debe entenderse como unha proposta de organización que logo o docente deberá concretar segundo as características do alumnado, recursos e instalacións dispoñibles.
Modelos de sesión para a elaboración de sesións desta situación de aprendizaxe:
Acceso ao documento en formato editable.
Tratamento da diversidade
O REA do alumnado ten as opcións de lectura facilitada, audio e apoio visual como complemento para todo aquel alumnado que necesite máis opcións de comprensión que a principal que se ofrece. A maiores, debemos recordar que as sesións motrices tamén deben ter en conta o deseño DUA, polo que se recomenda elaborar as sesións tendo en conta as características do voso grupo clase.