Metodoloxía
A creación deste REA (Recurso Educativo Aberto) englóbase no marco do proxecto cREAgal.
A área de Lingua Castelá e Literatura ten un carácter esencialmente instrumental, e, xunto coa Lingua Galega e Lingua Inglesa, está presente tamén nunha porcentaxe das outras áreas curriculares. É a nosa ferramenta indispensable de comunicación, de transmisión de coñecementos, e por tal motivo ten un carácter esencialmente social. As interaccións social, van intimamente ligadas a unha correcta xestión emocional: cando transmitimos información todos os elementos comunicativos xogan un papel importante. É por iso que neste REA o reto que se propón achega ao alumnado a aspectos sociais e naturais do seu interese. Nos textos inclúese unha análise soterrada sobre o acoso escolar, o respecto cara as emocións alleas e o tratamento da información. Todo isto coa finalidade de mellorar a súa capacidade de análise, fomentando unha actitude crítica, activa e participativa como membros dunha sociedade.
A creatividade vertebra todo o reto, dende a propia creación manipulativa ata o elaboración do espacio físico (a viaxe en si). Mergullándose coa mitoloxía e descubrindo o papel da muller viaxeira ao longo da historia.
Deste xeito defínense unhas liñas metodolóxicas que favorezan o progreso do alumnado no sexto curso:
- Aprendizaxe cooperativa: o deseño de tarefas en grupo require comunicación entre iguais, escoita de ideas, aprendizaxe de normas de convivencia, etc. que potencian o desenvolvemento da linguaxe. Permite a cada individuo desenvolver as súas capacidades específicas.
- Aprendizaxe significativa: as propostas terán unha vinculación directa co alumnado de forma que sexa para eles algo vinculado coa súa realidade.
- Ensinanza individualizada: complementariamente ao traballo cooperativo, os docentes proporcionaremos tarefas e ensinanzas a cada un dos alumnos en función das súas capacidades e necesidades.
- Entorno multimedia: a linguaxe está presente en distintos formatos: directo, a través de material impreso, a través de medios electrónicos visuais e sonoros. Desenvolveranse destrezas de comunicación oral e escrita nestes distintos soportes de maneira equilibrada.
- Autoavaliativo: nas tarefas individuais, así como nas colectivas, será o propio alumno e alumna quen revise e avalíe a súa produción na busca de erros e de mellora comunicativa.
- Progresividade e consolidación: todo o aprendido en cada momento vai enriquecer o xa adquirido anteriormente. Deste xeito irán enriquecendo as capacidades comunicativas, e o desenvolvemento curricular no curso reforza e enriquece o adquirido no curso anterior.
- Alfabetización informacional: adicarase tempo específico á aprendizaxe e práctica de procura de información, de coñecemento da organización dos contidos (en biblioteca, en internet, en sitios web específicos...) e no desenvolvemento competencial no manexo de ferramentas TIC no proceso de construción do coñecemento de forma activa por parte do alumnado.
- O acceso á literatura farase a través do fomento do hábito lector, para o que se conta co momento lector diario, así como o recollido no proxecto lector do centro.
De xeito complementario ao exposto ata o de agora, atopamos a concreción metodolóxica deste REA cas seguintes liñas centrais:
- O uso dunha temática significativa e diferente, na que poidan ser os propios protagonistas do proceso.
- Accesibilidade cognitiva a través de DUA, o que permite a eliminación de barreiras ao incluír aspectos como lectura facilitada, contido alternativo en formato audio e tamén a posibilidade de apoio visual.
- Inclusión e diversidade na aula e a personalización da aprendizaxe dadas a oferta de actividades multinivel.
- Atender aos distintos estilos e ritmos de aprendizaxe nas propostas de realización das distintas tarefas.
- Autonomía no proceso de ensino-aprendizaxe, no que o erro forma parte da aprendizaxe e o carácter competencial dos criterios de avaliación permiten atender tanto ao produto final esperado como aos procesos e actitudes.
- Usar distintas modalidades de agrupamento: traballo individual, en pequeno grupo ou en gran grupo para favorecer as interaccións do grupo-aula.