Activa modo diversiÓN
O REA “Activa modo diversiÓN” ten como finalidade a realización dun manual de xogos que sirva como elemento dinamizador do grupo clase na hora do recreo.
O alumnado recollerá información dos xogos populares da contorna e tamén doutros lugares do mundo. Traballando en equipo crearán o seu propio xogo ou unha versión dun xa coñecido. Primeiramente realizarase unha infografía que recolla as características do xogo que propoñen para o manual, incluíndo as instrucións precisas de como xogar. A continuación realizarase unha exposición oral na que poidan compartir co resto da clase o seu traballo e, como colofón final, proponse unha xornada de xogo, organizando unha xincana, na que o alumnado terá a oportunidade de participar activamente en todos os xogos creados para tal fin.
As diferentes fases do REA están deseñadas partindo das características do DUA, preséntase a información e as tarefas en diferentes modalidades, formatos e niveis, facilitando así o acceso a todas as realidades do alumnado.
Abórdase o tema dos textos instrutivos dende unha perspectiva das relacións persoais, da necesidade de establecer normas claras para evitar conflitos e fomentar momentos de diversión baseados no respecto, o cal redundará no coidado das relacións e no benestar do grupo. Para iso incorpóranse tamén neste REA os aspectos gramaticais, léxicos e ortográficos que corresponden segundo a programación modelo PROENS.
Trátase da segunda unidade do curso, e pode ser un momento idóneo para que o profesorado aproveite este recurso na aula para traballar a cohesión do grupo e a prevención de conflitos dentro do grupo clase. Un enfoque diferente que combina a acción titorial, as dinámicas de grupo e de patio, a educación en valores e socioemocional de xeito transversal coa área de Lingua Castelá e Literatura.