Saltar navegación

3.1. Recomendacións de uso

Orientacións e recomendacións de uso

Recursos materiais necesarios

Inclúense neste REA todos os materiais necesarios para o seu desenvolvemento, tanto para o alumnado como para o profesorado. Pódense atopar tres tipos de materiais:

Materiais descargables editables (.odt e .odp): o profesorado poderá adaptar as actividades propostas e o alumnado empregalas para realizar os exercicios directamente no ordenador.
Materiais descargables non editables (.pdf e imaxes): coa finalidade de que o profesorado poida imprimir e/ou proxectar sen alteracións no seu formato.
Enlaces a material dixital: vídeos ou páxinas web necesarios para a realización dalgunhas tarefas, ou como material de apoio dos contidos propostos.

Proposta de agrupamentos para actividades grupais

O tipo de agrupamentos propostos neste REA é diversa, dende o traballo en parella, en pequenos grupos, como de grupo-clase. Con todo, este tipo de propostas pode variar e adaptarse ás necesidades da aula ou á consideración do profesorado que imparta a materia, flexibilizando así a súa posta en marcha.

Actividades en forma de asemblea, propostas para o traballo con todo o grupo de maneira conxunta poden atoparse en actividades como “Opinamos” da fase 2.

Durante as fases 3 e 4 aparecen diferentes propostas de tarefas a realizar en pequeno grupo. Trátase de tarefas pensadas para agrupamentos de 4 persoas, que poden ser adaptadas en función do número de alumnado que conforme o grupo clase. "Tesoros olvidados" ou "Ponte a prueba", así como o desenvolvemento das "Estaciones de aprendizaje" do apartado 3.6, son actividades para realizar en equipos. Tarefas como “¡Atrapa juegos!” empregan técnicas propias do traballo cooperativo, como a dinámica 1-2-4. A realización do reto, na fase 4, está tamén orientada a realizar traballo en grupo.

Produtos finais

Ao finalizar o reto, entre toda a clase crearemos un manual de xogos coas súas instrucións, especificando materiais necesarios, espazos, participantes, organización previa, regras e indicacións de como xogar. A través da investigación e a indagación na cultura da contorna e do mundo, atoparemos unha colección de xogos populares e, sobre esta base, deixaremos voar a imaxinación para inventar xogos orixinais. O obxectivo final é crear un material que sirva para compartir no tempo do recreo. 

Enfoque multinivel do reto

Esta unidade foi deseñada dende o enfoque dun Recurso Educativo Aberto, o cal implica que toda a variedade de propostas, enfoques, recursos e materiais son susceptibles de ser modificados polo profesorado que o poña en práctica. O seu carácter aberto e flexible permite ser adaptado á realidade da aula, co fin de conectar coas necesidades, circunstancias e/ou motivacións do alumnado.

Así mesmo, ademais de actividades grupais cooperativas que permiten que o alumnado se apoie e colabore mutuamente na aprendizaxe nuns casos, e facilita a repartición de roles en función das diferentes capacidades en tarefas como o reto final, propóñense actividades individuais multinivel que permitirán a achega dos contidos á diversidade que exista no alumnado.

En canto ao enfoque multinivel do reto, propiamente dito, ofrécense diferentes niveis de consecución:

- Reto 1: Xogo popular coñecido.

- Reto 2: Variante inventada baseada nun xogo coñecido.

- Reto 3: Fusión de dous ou máis xogos coñecidos.

- Reto 4: Xogo inventado.

Atención á diversidade

Este REA está deseñado para favorecer a participación activa de todo o alumnado. Desta maneira, todas as actividades, propostas recursos e materiais que se presentan son abertas e flexibles, de tal maneira que poidan ser adaptadas e flexibilizadas ás necesidades, caracerísticas e motivación do alumnado.

O carácter cooperativo de actividades como "Investigamos", “Ponte a prueba”, “Atrapa juegos” ou “Activa modo creaciÓN” propician a inclusión, a cooperación, a comunicación e diálogo, a interacción e a colaboración entre o alumnado para resolver diferentes propostas.

As actividades individuais multiniveis que se presentan, son graduadas en distintos niveis de dificultade. Isto favorece novamente a atención á diversidade, dado que aínda que a tarefa sexa individual, ofrécense alternativas para as diferentes zonas de desenvolvemento próximo. Ademais, pódense buscar novos desafíos tratando de completar niveis de gradación superior.

Por outra banda, conscientes da diversidade de estilo e necesidades, todas as informacións están acompañadas dun glosario e unha lectura facilitada. Esta iniciativa busca asegurar que o contido sexa accesible para todo o alumnado independentemente do seu nivel de comprensión.

O glosario aclarará termos complexos que poden dificultar a comprensión da información. As definicións son claras e concisas, adaptadas ao contexto, acompañados dun pictograma, e ofrecen exemplos adaptados ao nivel do alumnado para facilitar a súa asimilación.

A lectura facilitada que acompaña a cada texto caracterízase polo uso dunha linguaxe sinxela e clara, frases cortas e directas, fácil de seguir.

Con estas ferramentas, a información adquire un carácter accesible e comprensible que fomenta unha aprendizaxe inclusiva onde cada estudante se sinta valorado e coa capacidade de acadar o seu máximo potencial.

Acción titorial

Este REA fai unha especial énfase na acción titorial, eixe fundamental do traballo docente.

Considérase que a aprendizaxe é máis efectiva cando se acompaña dun desenvolvemento persoal e social, estable e sólido. Ao integrar a acción titorial, crearase un entorno de aprendizaxe máis enriquecedor e significativo. O alumnado adquirirá coñecementos, pero tamén desenvolverá habilidades esenciais como a empatía ou a comunicación efectiva que redundarán na creación dun grupo-clase cohesionado e con relacións interpersoais saudables.

Unha ferramenta moi potente son as asembleas de grupo como piar desta acción titorial. Este espazo seguro e participativo permitirá ao alumnado desenvolver aspectos como o traballo da escoita activa, habilidades na resolución de conflitos ou a educación emocional. Explorarase a empatía, as respostas reflexivas, e a creación de espazos seguros nos que expresar sentimentos e emocións.

Categorías gramaticais

A aprendizaxe da gramática pode ser un proceso complexo e abstracto para o alumnado. Unha forma de facelo máis atractivo e efectivo, é utilizar imaxes e símbolos que representen as diferentes categorías gramaticais.

Beneficios das imaxes e símbolos:

  • Fixación dos contidos: as imaxes e símbolos axudan a visualizar e comprender mellor os conceptos gramaticais.
  • Motivación: o uso de materiais visuais fai que a aprendizaxe sexa máis atractiva e divertida.
  • Manipulación: o alumnado pode recortar e manipular as imaxes e símbolos, o que lles permite unha aprendizaxe máis activa e participativa.

Para o caso de que sexa a primeira vez que o alumnado traballa a gramática utilizando figuras que representan as categorías gramaticais, pode colocarse na clase un cartel coa correspondencia entre figuras e categoría. Recomendamos tamén ter figuras manipulables, doadas de facer con calquera material: plastilina, plástico, cartolina, goma eva... ou impresas en 3D, que facilitarán o traballo na aula.

No apartado “3.2. Recursos e solucións do REA” podedes acceder a recursos e material de axuda para a gramática manipulativa.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)