Metodoloxía
A elaboración do presente REA enmárcase na proposta metodolóxica, de carácter innovador, do proxecto cREAgal, que pretende impulsar pedagoxías activas para facilitar a adquisición de todas as competencias clave por parte do alumnado.
Na área de Lingua Castelá e Literatura, o alumnado utiliza a linguaxe como instrumento de comunicación oral e escrita, así como de representación, interpretación e comprensión da realidade, adquirindo ferramentas que lle permitirán desenvolverse de maneira funcional en múltiples contextos a través da lingua oral e a lingua escrita.
As liñas metodolóxicas recollidas no aplicativo PROENS para a área de Lingua Castelá e Literatura, que están á súa vez baseadas nos principios do deseño universal de aprendizaxe (DUA), son as seguintes:
A globalización: mediante o desenvolvemento das capacidades físicas, afectivas, intelectuais e sociais, calquera actividade realizada polo alumnado activa mecanismos afectivos, psicomotores, comunicativos, cognitivos, somáticos, atencionais, etc.
A aprendizaxe significativa: partindo das experiencias previas do alumnado e establecendo vínculos entre o que saben e o novo coñecemento.
O ensino individualizado: axustándose ás características e peculiaridades individuais do alumnado e favorecendo os principios de igualdade e equidade.
A afectividade: establecendo un entorno seguro que favoreza as relacións persoais baseadas no respecto e na confianza mutua.
A socialización e a comunicación: creando situacións de aprendizaxe nas que o alumnado teña a oportunidade de traballar e participar con distintos agrupamentos que, ademais de favorecer o desenvolvemento da atención, a memoria, a linguaxe, a imaxinación e a personalidade, axudarán a coñecer o comportamento das persoas, a aceptar e establecer normas sociais.
Fomento da autonomía e a autoxestión persoal e emocional.
A aprendizaxe cooperativa: favorecendo unha convivencia positiva, respectuosa e inclusiva.
A manipulación: con materiais axeitados, xa que facilita a accesibilidade aos coñecementos máis abstractos.
A conexión coa contorna: favorecendo o contacto co legado cultural próximo.
A liberdade e a creatividade: potenciando a autonomía e a produción persoal.
A coeducación: considerando o deseño de actividades desde unha perspectiva de xénero de cara á ruptura de estereotipos.
A metodoloxía activa: o alumnado é o protagonista activo porque investiga, descubre, manipula, participa, cuestiona, etc.
A aprendizaxe baseada na investigación, aprendizaxe baseada en proxectos e aprendizaxe baseada en retos: potenciando unha aprendizaxe autónoma, flexible e versátil que facilite acadar un axeitado desenvolvemento competencial.
A estas liñas xerais, engádense a seguinte concreción metodolóxica para este REA:
O legado cultural (sobre todo os xogos populares), e a motivación de mellorar os tempos de lecer (para que resulten máis dinámicos e divertidos), servirán de fío condutor da situación de aprendizaxe que contribuirá a acadar os obxectivos da área a través dun reto grupal.
Establecemento dun espazo seguro nas titorías, que favoreza as relacións interpersoais e a cohesión do grupo. As titorías van máis aló da asemblea, e baséanse nos principios da escoita activa, dereito a participar, respecto polas intervencións dos demais, compromiso de non xulgar e confidencialidade.
Aprendizaxe cooperativa, organizando o grupo clase en equipos cooperativos.
Flexibilidade á hora de organizar agrupamentos diversos (individual, parellas, equipos heteroxéneos e grupo clase), que mellor se adecúen ás actividades propostas.
Respecto polos distintos ritmos de aprendizaxe e as distintas capacidades, aplicando os principios DUA.
Mediante o desenvolvemento e consecución do reto desta situación de aprendizaxe, o alumnado terá a oportunidade de:
- Adquirir ferramentas para comunicarse cos seus iguais de xeito asertivo.
- Aprender estratexias organizativas e de traballo autónomo.
- Desenvolver o enxeño e a creatividade para explorar distintos xeitos de expresión e para resolver problemas.