Activa modo diversiÓN
“Activa modo diversiÓN” é un REA que se corresponde coa unidade 2 da área de Lingua Castelá e Literatura de 6º de Educación Primaria, baseado na programación modelo de PROENS.
Nesta segunda unidade continuaranse reforzando relacións e vínculos sociais empregando o xogo como ferramenta. A dinamización do patio escolar parte como piar da socialización do alumnado, e adquire protagonismo fundamentando esta situación de aprendizaxe.
A través da historia de Grisán o alumnado adquirirá unha motivación inicial que o levará a adentrarse nunha aventura na que terá que empregar o pensamento crítico ante o uso de dispositivos electrónicos, valorar o legado cultural a través dos xogos populares, e mellorar a súa ortografía e gramática, que lle permitirán elaborar textos instrutivos de maior calidade.
A través da creación dun manual, o alumnado activará toda a súa creatividade na elaboración de xogos. Traballando en equipo acordarán as normas do xogo, e demais elementos precisos para xogar, nunha folla de traballo. Con esta información elaborarán unha infografía dixitalmente, que despois deberán presentar ao resto da aula. Por último, compartirán todos os xogos presentados nunha gran xincana.
Ao tempo que se desenvolven os contidos deste REA, traballarase a cohesión do grupo, a escoita activa, o pensamento crítico, e á súa vez potenciarase a diminución de situacións de conflitos nos tempos de lecer.
As metas de aprendizaxe deste REA son as seguintes:
- Ler textos de maneira comprensiva.
- Elaborar diferentes tipos de texto segundo a súa finalidade.
- Empregar vocabulario e gramática axeitada en producións orais e escritas.
- Valorar diferentes opinións respectando quendas de palabra.
- Valorar a diversidade etnocultural e lingüística do entorno.
- Elaborar documentos dixitais con texto e imaxe.
- Coidar a acentuación nos seus escritos.
- Traballar nun grupo cada vez máis unido.