Saltar navegación

3. Guía de uso

A Historia é ciencia

Neste REA "A Historia é ciencia", a finalidade principal é que o alumnado se converta nun investigador e divulgador histórico, sendo quen de transmitir os seus coñecementos sobre a Idade Media e a Idade Moderna, incluíndo a perspectiva de xénero, e realizando un congreso histórico para acadar estes fins.

Antes da creación do congreso, o alumnado deberá afondar de xeito participativo no coñecemento das características e feitos relevantes da Idade Media e da Idade Moderna, entendendo as repercusións que estes feitos tiveron para que a sociedade actual sexa como é. Tamén se tratarán persoas relevantes das dúas épocas, con especial fincapé naquelas mulleres que tiveron un papel relevante. 

A metodoloxía que se empregarán será a de Aprendizaxe Baseada no Pensamento, que se infusiona ao longo do REA. Esta estratexia permitirá que o alumnado conecte os coñecementos, habilidades e destrezas adquiridas coa súa propia realidade, dando así significado ás aprendizaxes e facendo que se perciban como relevantes e útiles. Ademais, a través do emprego de diversos elementos dentro desta metodoloxía, tratarase de desenvolver a Competencia Persoal, Social e de Aprender a Aprender (CPSAA) a través de actividades que faciliten a reflexión sobre o seu pensamento e a metacognición, facendo ao alumnado consciente e partícipe da súa aprendizaxe.

As distintas seccións do REA foron deseñadas tendo en conta os principios do Deseño Universal para a Aprendizaxe (DUA), proporcionando diversos formatos e niveis de acceso á información. Así, intentamos atender á diversidade das realidades individuais do alumnado, para que todos e todas poidan acceder aos contidos de maneira axeitada e poidan ter a oportunidade de amosar os seus logros.

A finalidade última deste REA é ofrecer ao profesorado un recurso educativo que sexa motivador e que facilite un uso eficiente das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC), propiciando a aprendizaxe activa do alumnado e a súa implicación directa na mellora da contorna na que viven.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)