Saltar navegación

2.3. Metodoloxía

Metodoloxía

Banner proxecto cREAgal

Este REA está dentro do marco pedagóxico do proxecto cREAgal do que forma parte este recurso. 

Desde o punto de vista metodolóxico, este REA é fundamentalmente activo, participativo, comunicativo e intentará incluír novas experiencias que fomenten a innovación educativa na medida que sexa posible, coa finalidade de incentivar e motivar ao alumnado cara a novas aprendizaxes.

A realización de diversas tarefas, actividades ou proxectos de xeito autónomo e/ou guiado por parte do alumnado será unha condición primordial para acadar unha aprendizaxe significativa. Todo isto, terá un enfoque globalizador, de carácter interdisciplinar, transversal e tratando de achegar o coñecemento científico ao alumnado.
O afondamento no tempo histórico é esencial para comprender a evolución das organizacións sociais e as transformacións económicas que marcaron o desenvolvemento das civilizacións no pasado. A través deste enfoque, o alumnado non só adquire coñecementos históricos, senón que tamén mellora a súa capacidade de análise crítica sobre as orixes de moitas das estruturas sociais e laborais que aínda perduran no mundo contemporáneo. Polo tanto, trátase de facer consciente ao alumando de que as decisións do pasado son determinantes para as xeracións futuras, valorando aos devanceiros e facéndose conscientes de que elas e eles mesmos deixarán un legado.
O traballo individual, en pares ou en equipo (traballo colaborativo) serán as opcións máis empregadas para favorecer a participación total do alumnado.

Para iso intégranse referencias á vida cotiá e á contorna do alumnado co fin de motivalo e facelo sentir parte activa do proceso de ensino-aprendizaxe, é dicir, buscar un enfoque que sexa:

Personalizado: buscamos a relación cos coñecementos previos do alumnado e propoñemos actividade multinivel.
Significativo: o alumnado constrúe os seus propios coñecementos, é dicir, aprende ao tempo que aprende a aprender, interioriza as diferentes experiencias e estratexias que lle fan afondar e desenvolver os seus coñecementos.
Funcional: búscase a utilidade do aprendido en situacións reais e con conexión co seu mundo real.

Os criterios metodolóxicos deste REA seguen as liñas da área de Ciencias Sociais, na que se especifica a necesidade de partir dos centros de interese do alumnado e da súa realidade próxima, achegándoo ao descubrimento, á observación e á indagación dos distintos elementos naturais, sociais e culturais do mundo que o rodea, dende un enfoque competencial do currículo. Para iso, e dende o enfoque da Aprendizaxe Baseada en Proxectos, entendido coma aquel que promove unha aprendizaxe baseada na colaboración, na creatividade e aberta, utilízanse as seguintes metodoloxías:

A aprendizaxe colaborativa: entendida coma aquela na que o alumnado colabora en grupo para realizar actividades, comparten ideas, buscan solucións, entre outras habilidades e destrezas. En definitiva, traballan xuntos para mellorar a súa aprendizaxe.

Aprendizaxe Baseada en Pensamento: co fin de promover o desenvolvemento dunha cultura científica baseada na indagación, e formar unha cidadanía con pensamento crítico, capaz de tomar decisións, empregaremos este recurso, agardando achegar ao noso alumando unha serie de recursos e ferramentas que lles permitan facerse conscientes dos procesos cognitivos que precisan empregar, de xeito que poidan chegar a transferilos a outras situacións da súa vida.

Co emprego destas diversas metodoloxías, poderemos planificar oportunidades de ensino e aprendizaxe variadas, que teñan en conta os diferentes ritmos de aprendizaxe e a diversidade do alumnado (DUA), promovendo a autonomía, así como o traballo en equipo, guiando o alumnado e poñendo en práctica, de ser necesario, mecanismos de reforzo tan pronto como se detecten dificultades.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)