Saltar navegación

1. Descrición xeral

A Historia é ciencia

Este é un REA (Recurso Educativo Aberto) dirixido ao alumnado de 5º curso de Educación Primaria para a área de Ciencias Sociais. Os eixos vincúlanse con dous aspectos fundamentais: por unha banda, a historia coma ciencia; pola outra banda, a perspectiva de xénero. Para poder abordarlos, o alumnado terá que enfrontarse ao reto de levar a cabo un congreso científico-histórico, cumprindo así co legado deixado por unha muller que viviu na Idade Media e que, a través dunha descendente, chega ás súas mans. 

O alumnado asumirá dous roles profesionais ao longo do proceso. Nas fases iniciais, desempeñarán o papel de investigadores históricos centrados na historia de Galicia durante a Idade Media e a Idade Moderna. A través deste traballo, afondarán nos feitos históricos relevantes, analizarán fontes históricas, valorarán a súa fiabilidade, e descubrirán a vida e logros de diversas figuras históricas, especialmente aquelas mulleres que destacaron tanto no ámbito persoal como profesional.

Nas fases finais, o alumnado converterase en divulgadores científicos, aprendendo as diversas formas de comunicar os seus descubrimentos ao resto da comunidade educativa. A través do reto, o congreso histórico, compartirán os seus coñecementos e resultados de investigación, logrando o propósito fundamental de toda divulgación: transmitir o aprendido de maneira clara e accesible.

Ademais, esta situación de aprendizaxe estará conectada coas unidades didácticas previas, de xeito que, partindo do coñecemento das características actuais de Galicia —incluíndo as institucións e a poboación—, o alumnado poderá chegar a unha mellor comprensión da historia de Galicia, establecendo relacións entre os acontecementos históricos que marcaron o noso presente e as circunstancias actuais.

As metas de aprendizaxe son:

1. Investigar sobre acontecementos históricos.
2. Recoñecer fontes seguras e fiables.
3. Comprender e situar feitos e etapas históricas cronolóxicamente.
4. Identificar as características da sociedade da época medieval e moderna.
5. Valorar o patrimonio natural e cultural.
6. Introducir a perspectiva de xénero na historia.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)