Orientacións e recomendacións de uso
Recursos materiais necesarios
Neste REA inclúense todos os materiais necesarios para o seu desenvolvemento, tanto para o alumnado, como para o profesorado. Entre o material achéganse modelos en dous formatos:
Editables (.odt e .odp): teñen como finalidade que o profesorado poida adaptar as actividades e tamén que o alumnado poida utilizalas para realizar os exercicios de forma directa no caso de dispor de ordenadores, aforrando ter que imprimilos.
Formato .pdf: teñen como finalidade que se poidan imprimir e proxectar sen alteración no seu estilo, e inclusive pódense utilizar con outros aplicativos e convertelas en interactivas.
Todas as actividades descargables, tanto editables coma non, levan reflectido o formato no que se atopan.
O material que se atopará nestes soportes vincúlanse con:
- Actividades que teñen coma finalidade a metacognición e o desenvolvemento da Competencia Persoal, Social e de Aprender a Aprender (CPSAA): A ponte, así coma todos os instrumentos de auto e co- avaliación recollidos ao longo do REA.
- Actividades para estruturar as aprendizaxes: Recorda, engade e organiza; Mapa de burbullas, Dobres burbullas; Que che fai dicir iso?; A liña do tempo; Compara e contrasta; e Vexo, penso, pregúntome.
En relación con este material, sobre todo tendo presente os contidos desta área, xunto cos diversos elementos transversais da programación, recomendar encarecidamente, no caso de querer imprimir o material, buscar alternativas ecolóxicas como o uso de papel reciclado, a impresión en borrador ou branco/negro, para ser exemplo da responsabilidade co medio e dos hábitos sostibles que se queren transmitir.
Para poder compartir a información buscada polo equipo na fase 4.3 proponse empregar recursos propios da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional que respecten o Protocolo de Protección de Datos, coma poden ser AbalarBox, Agueiro ou as propias aulas virtuais.
Proposta de agrupamentos para actividades grupais
Neste REA propóñense actividades individuais, por parellas, en pequeno grupo e en gran grupo, considerando as seguintes premisas:
As actividades individuais son, na maioría dos casos, actividades multinivel que procuran adaptarse a diferentes estilos e/ou ritmos de aprendizaxe. Normalmente irán tras actividades grupais, o que permitirá que os coñecementos, habilidades e destrezas xa estean introducidas coa axuda e colaboración do grupo.
As actividades en parella permitirán o diálogo de discusión entre alumnado, pero recortando os tempos de espera e permitindo unha comunicación máis fluída ca nos pequenos grupos.
En canto ás actividades en pequeno grupo, recoméndase a creación de grupos de 3-5 alumnos/as. Ofreceranse dous tipos de actividades en pequenos grupos:
1. Grupos heteroxéneos, cuxo obxectivo é que o alumnado adquira os coñecementos, habilidades e destrezas básicas que lle permitan realizar, posteriormente, as actividades individuais. Para a construción destes grupos deberanse ter en conta as seguintes pautas:
- Crear grupos nos que as persoas compoñentes sexan diversas en canto a ritmos, fortalezas, debilidades, estilos expresivos, entre outros aspectos.
- Asignar a cada alumno/a unha función no grupo para potenciar a responsabilidade, a autonomía, a autoxestión, así coma a colaboración e a toma de decisións.
- Crear un clima de traballo positivo e participativo, poñendo en valor os progresos e aconsellando nas dificultades.
2. Grupos homoxéneos, nos que o alumnado traballará xunto por preferencia de estilo de aprendizaxe, expresión ou segundo o requisito que se decida. Están máis enfocados á consecución do produto final, neste caso, o congreso científico.
Tamén existen as actividades en gran grupo, é dicir, de toda a aula que , ante todo, pretenden introducir as metas de aprendizaxe, aclarar os conceptos, habilidades e destrezas tratados en pequeno grupo, realizar reflexións que axuden á realización de posteriores actividades, e realizar retroalimentacións que contribúan á metacognición do alumnado.
Produtos finais
O reto final deste REA é deseñar e levar a cabo un congreso científico-histórico, onde o alumnado desenvolverá o rol de divulgadores científicos co fin de transmitir como era a vida na Idade Media e Moderna, incluíndo a perspectiva de xéreno, atendendo ao mandado recibido no escrito que o introduce.
O congreso basearase na transmisión das diversas aprendizaxes adquiridas ao longo das anteriores fases.
Especialmente útiles serán os organizadores gráficos do "Mapa de burbullas" 1 e 2 e das "Dobres burbullas" pola claridade coa que estará organizada a información a tratar, así coma as liñas do tempo realizadas. Estes datos deberán ser completados coa reflexión realizada sobre a situación da muller nestas épocas, dado que será un dos indicadores recollidos tanto nas listas de autoavaliación que presenta o REA (sección 4.3) coma nas listas de cotexo do profesorado sobre os produtos (paneis divulgativos e exposicións orais) e a rúbrica de avaliación sobre "O noso congreso". Neste proceso deberán organizar, seleccionar e representar os coñecementos e habilidades adquiridos coma persoas investigadoras científicas para transformarse en auténticas divulgadoras científicas.
Todo este proceso enriquecido coa motivación de tratar de conseguir o encargo recibido dende a Idade Media e a Idade Moderna personalizados nas personaxes de María de Souto e Rosa.
Con todos estes ingredientes, o alumnado será consciente da importancia da organización do congreso, coa finalidade de achegar ao maior número posible de persoas da comunidade educativa todos os seus descubrimentos e esa información da que María de Souto e Rosa non tiveron o privilexio de poder desvelar. O obxectivo é que este congreso leve a unha nova visión da historia no centro educativo.
Para a creación dos produtos (Fase 4) cada equipo poderá escoller a súa forma de expresión (paneis divulgativos ou exposicións orais) dado que o obxectivo será que o alumnado poida amosar a súa comprensión das metas de aprendizaxe. Concretamente, na sección 4.3 o alumnado deberá repartir a información a tratar no congreso coa finalidade de que non se repita a mesma en exceso. Para realizar este proceso, recoméndase empregar algunha estratexia. Por exemplo, a secuencia que se propón dende este REA sería:
1. Dentro de cada equipo se apuntan todas as ideas, conceptos ou coñecementos que se quererían compartir no congreso.
2. Faise unha chuvia de ideas nas que se irían apuntando as propostas de cada equipo. Sinalarase que cada equipo vai ir dando unha proposta e que deben estar atentos para non repetir información. De repetila, perden a quenda.
3. Cando estean todas as aportacións apuntadas, cada equipo as ordena pola súa preferencia.
4. Ao azar (pode ser numerar os equipos e cun dado escoller o número que comezará) decidirase o equipo que comece a escoller a información que recollerá no seu produto, segundo a súa elección. Seguirase co equipo que posúa o seguinte número segundo a liña numérica. Aqueles equipos nos que coincida a selección feita coa súa preferencia, riscarán esa elección, e así sucesivamente ata que lles chegue a quenda e poidan escoller entre os elementos que quedan sen riscar.
No que respecta á celebración do congreso (Fase 5), será un produto tanxible para unha audiencia auténtica e significativa. O alumnado poderá participar no equipo que mellor se adapte ás súas preferencias en canto á expresión e personalidade (persoas oradoras, expertos-guía, periodistas e recepción e organización), posto que neste caso o obxectivo é propiciar a participación e implicación do alumando nesta celebración.
Un dos aspectos máis importantes deste REA será o impacto que o congreso teña na comunidade educativa. Para avaliar a mesma, terase en conta a súa repercusión, a cantidade de recursos empregados, a participación activa de todos os membros da comunidade educativa e a organización da actividade polo alumnado, como promotores principais deste congreso. Facilitarase a consecución destes obxectivos e a súa autoavaliación mediante a "Lista de cotexo" recollida ao remate.
Enfoque multinivel do reto
O enfoque multinivel adopta un papel fundamental para garantir que todo o alumnado, independentemente das súas competencias previas, poida participar activamente e de forma significativa no proceso de aprendizaxe. Neste REA estará presente nas diversas fases tal e coma se recolle a continuación.
Para involucrar a todo o alumnado na realización do REA, realizarase unha proposta de actividades que requiran aplicar diferentes niveis de pensamento (seccións 2.1., 2.3 e 3.6).
Tamén están multiniveladas as actividades que empregan o organizador visual "Mapa de burbullas" 1 e 2 (seccións 3.1 e 3.2) o cal, para que sexa accesible para todo o alumnado, podería adaptarse en tres modelos distintos:
- O Mapa coa burbulla central soamente.
- O Mapa coa burbulla central e información (palabras clave ou preguntas) en cada burbulla para axudar a cubrilo.
- O Mapa coa burbulla central e as preguntas acompañado dun listado de información para escoller.
Tamén estará presente este enfoque ao permitir a elección por parte do alumnado do medio polo que demostrar a comprensión das metas de aprendizaxe do REA (seccións 4.3 e 4.4) e a participación no congreso (sección 5.1).
Para a creación dos produtos (Fase 4) cada equipo poderá escoller a súa forma de expresión (paneis divulgativos ou exposicións orais) dado que o obxectivo será que o alumnado poida amosar a súa comprensión das metas de aprendizaxe empregando o medio de expresión que consideren que mellor se adapta ás súas características.
No que respecta á celebración do congreso, o alumnado poderá participar no equipo que mellor se adapte ás súas preferencias en canto á expresión e personalidade (persoas oradoras, expertos-guía, periodistas e recepción e organización), posto que neste caso o obxectivo e propiciar a participación e implicación do alumando nesta celebración.
Outro aspecto relevante será empregar unha avaliación auténtica, real e contextualizada, na cal se lle facilita ao alumnado ferramentas para a metacognición e para a autoavaliación. Para iso, inclúense, por unha banda, diferentes actividades para visibilizar os coñecementos previos, realizar conexións entre o que se sabe e as novas aprendizaxes, e reflexionar sobre todo o aprendido.
Por outra banda, inclúense instrumentos de autoavaliación, coavaliación e heteroavaliación, que permitirán comprender as metas de aprendizaxe, aprender dos erros propios e alleos, así coma poder facer propostas de mellora cunha finalidade real.
Organizadores visuais
Ao longo do REA empréganse varios soportes visuais que pretenden, por unha banda, facilitar ao alumnado a organización da información e, ao mesmo tempo, facerlles conscientes dos procesos psicolóxicos que están empregando e aumentar o seu vocabulario neste senso, contribuíndo á CPSAA. Para facilitar o seu emprego por parte do profesorado, inclúense as seguintes indicacións para cada un destes :
- Fase 1 e 5 "A ponte da Historia": trátase dun organizador serve para a activación de coñecementos previos e para a elaboración de conexións. Estaría constituída por dous momentos, e por iso está recollida na primeira fase e na última.
- Nun primeiro momento o alumnado cubrirá individualmente os cadros que se atopan debaixo da palabra "Antes", e que se refiren aos coñecementos, percepcións ou ideas que se teñen ao comezo do REA.
- Na fase 5, unha vez feito todo o percorrido polas diversas fases, o alumnado retomará o mesmo soporte físico e cubrirá os cadros que se atopan debaixo da palabra "Despois". Deste xeito realizaremos unha actividade de matacognición, na que o alumnado reflexionará sobre a evolución das súas aprendizaxes.
- Fase 2 "Recorda, engade e analiza": a finalidade deste organizador é propiciar que o alumnado adquira estratexias para identificar ideas chave e memorizalas. Neste caso, tras ler, observar e escoitar a definición e características dos diferentes medios que existen para transmitir a información científica (publicacións científicas, charlas e conferencias, exposicións e documentais e redes sociais) deberán:
- Individualmente, durante 2 ou 3 minutos (a decisión da persoa docente), deberán recoller no organizador as ideas chave que recordan e consideran importantes sobre as características que comparten todos estes medios de transmisión de información científica.
- Cada alumno e alumna debe pasar no sentido das agullas do reloxo o seu organizador cuberto á persoa sentada nesta dirección. A persoa que recibe o organizador debe facer aportacións, pode reformular ideas ou completalas, sen modificar de ningunha forma a información xa recollida, senón escribindo a parte. Este proceso pode repetirse entre 2 ou 4 veces, en función da decisión da persoa docente.
- Finalmente, o organizador volve á persoa propietaria, quen debe revisar as aportacións feitas polos compañeiros e compañeiras, podendo incluír novas anotacións na súa produción persoal.
- Fases 3 (seccións 3.1 e 3.2) "Mapa de burbullas": trátase dun organizador co tema principal anotado na burbulla central e no que o alumando deberá anotar a información sobre esa temática en cada burbulla. Para multinivelalo para que sexa accesible para todo o alumnado propóñense tres modelos distintos (ver apartado "Enfoque multinivelado")
- Fase 3 (sección 3.3) "Dobres burbullas": este organizador pretende facilitar realizar o proceso de comparar e contrastar a información recollida nos soportes dos "Mapa de burbullas" 1 e 2 de cada unha das épocas e así buscar similitudes (círculos que unen os dous termos chave no centro) e diferenzas (círculos que saen únicamente dun dos termos chave e que se atopan nos extremos dereito e esquerdo).
- Fase 3 (sección 3.4.) "Que che fai dicir iso?": este soporte servirá para axudar ao alumnado na busca de evidencias e aplicación dos coñecementos adquiridos, permitindo construír explicacións.
- Nun primeiro momento cubrirán a súa explicación individual no cadro "A miña resposta individual".
- A continuación, coa persoa que está ao seu carón, compartirán a aportación individual de cada membro da parella e crearán unha explicación conxunta.
- Finalmente, cada parella do equipo explicará a súa conclusión á outra parella e farán a aportación final, na que estarán as contribucións de todos os membros presentes. Esta creación será a que se comparta en gran grupo.
- Vexo-Penso-Pregúntome: con este organizador trataremos de facilitar que o alumnado recolla información sobre os congresos a través da análise dun plano dun congreso real. Para cubrir o organizador, realizarán a actividade en grupo. Preténdese que discriminen correctamente 3 procesos distintos:
- Vexo: trátase de que, da forma máis obxectiva posible, describan o que poden observar, sen facer ningún tipo de interpretación. Para cubrir esta columna:
- Pedirase que primeiro, durante 1 minuto, observen o plano do congreso.
- Cada membro do equipo, por quendas, de un en un no sentido das agullas do reloxo, van dicindo unha observación feita, sen repetilas. Todos os membros deben anotalas no seu soporte.
- Cando xa non haxa aportacións, párase a actividade e faise unha posta en común en gran grupo.
- Penso: nesta columna o alumnado si debe facer interpretacións, tratando de darlle significado a aquilo que observaron. Para cubrir esta columna:
- Cada membro do equipo, comezando pola persoa que se sitúa á esquerda da persoa que comezou a columna do "Vexo", e por quendas, de un en un no sentido das agullas do reloxo, van dicindo unha suposición, idea que xurdiu da observación, sen repetilas. Todos os membros do equipo deben anotalas no seu soporte.
- Pregúntome: o alumnado debe xerar todas as preguntas que lle xurdan despois da visualización do plano. É importante remarcar que se trata de crear preguntas, non de dar respostas. Para cubrir esta columna:
- Cada membro do equipo, comezando pola persoa que se sitúa á esquerda da persoa que comezou a columna do "Penso", e por quendas, de un en un no sentido das agullas do reloxo, van dicindo unha pregunta, sen repetilas. Todos os membros do equipo deben anotalas no seu soporte.
- Vexo: trátase de que, da forma máis obxectiva posible, describan o que poden observar, sen facer ningún tipo de interpretación. Para cubrir esta columna:
A perspectiva de xénero
Tal e coma se sinala no criterio de avaliación CA4.3, este REA trata de "incorporando a perspectiva de xénero" coma elemento relevante a ter en conta ao facer unha análise crítica das diversas épocas históricas, en xeral, e a Idade Media e Idade Moderna, en particular.
Con esta finalidade, incluíronse as vidas dalgunhas mulleres que conseguiron chegar aos nosos días. Para aquelas e aqueles docentes que queiran afondar nas bibliografías destas mulleres, ou incluso doutras, a continuación incluímos algúns materiais que poden ser de interese de cara a este labor de reflexión e sensibilización:
- Pioneiras, galegas que abriron camiño: libro coa historia de 12 mulleres galegas.
- Pioneiras, galegas que abriron camiño 2: libro que inclúe novas historias de mulleres galegas que romperon barreiras.
- Mulleres en Galicia: páxina web da Consellería de Política Social e Igualdade con carteis e unidades didácticas sobre mulleres relevantes galegas.
- Xogo de cartas "Feminismos no tempo: galegas": xogo de cartas cunha breve alusión á bibliografía de diversas mulleres galegas que viviron en diferente épocas históricas.