Orientacións e recomendacións de uso
Recursos materiais necesarios
Este REA está deseñado para poder ser realizado con medios tecnolóxicos xa que aporta, ademais do propio REA, actividades interactivas adaptadas a todo o alumnado. En principio estas actividades están deseñadas para poder traballar con ordenadores de forma individual e en pequeno grupo.
Neste REA inclúense tódolos materiais necesarios para o seu desenvolvemento tanto para o alumnado como para o profesorado.
No material atoparemos modelos en dous formatos:
Editables (.odt e .odp): teñen como finalidade que o profesorado poida adaptar as actividades e tamén que o alumnado poida utilizalas para realizar os exercicios de forma directa.
Non editables (formato pdf): teñen como finalidade que se poidan imprimir e proxectar sen alteración no seu estilo.
Todas as actividades descargables do REA do alumnado, tanto editables coma non, levan ao seu carón o enlace para poder ser descargados en diferentes formatos: materiais para as actividades manipulativas, diferentes documentos para o seguimento das actividades (carteis, mapas,...).
O alumnado tamén necesitará un ordenador ou tableta para realizar algunhas actividades como xogos e busca de información, e incluso para crear os documentos en distintos editores de texto para expoñer despois o material o resto do alumnado da súa aula e o seu centro; ademais necesitaremos que ese equipamento informático conte con conexión a internet.
Proposta de agrupamentos para actividades grupais
O tipo de agrupamento nas actividades grupais máis recomendado é o de 3 membros por equipo de forma que poidan interactuar de forma máis áxil. É preferible que o grupo sexa heteroxéneo e que o alumnado como membro do grupo teña a súa responsabilidade tanto individual como grupal ; tamén debemos lembrar que deberán avaliar o seu traballo tanto a nivel individual como o traballo como membro dun equipo.
Os distintos grupos tamén se reunirán ao final para o desenvolvemento do reto.
Produto final
O produto final consiste en elaborar unha presentación para o resto da comunidade educativa con propostas para mellorar o colexio.
Esta presentación pode completarse engadindo un recompilatorio das actividades previas que se desenvolveron para recoller información: datos sobre a poboación de España e a das comarcas de Galicia, investigación sobre o proceso migratorio na súa familia, sobre os recursos do seu barrio ou cidade..., e sobre como formar parte activa das decisións do seu centro.
Enfoque multinivel do reto
Có obxectivo de proporcionar opcións ao alumnado e posibilidades de escolla axeitada a súa capacidade, o produto final poderase entregar en diversos formatos con diferentes niveis de dificultade:
- Mural feito con cartolinas ou papel continuo.
- Presentación de diapositivas en formato dixital.
- Vídeo.
- Carteis informativos.
- Proposta de colaboración e cooperación entre o alumnado asignándolles tarefas, dentro dos grupos heteroxéneos, onde o alumnado que acade con maior facilidade as aprendizaxes, poida apoiar ao alumnado que presente dificultades.
- Empregar diferentes ferramentas de avaliación para medir a progresión do alumnado. Inclúense rúbricas para realizala.
- Ofrecer actividades adicionais para que o alumnado máis avanzado que desexe afondar no tema do reto poida continuar coas súas investigacións e compartilo co resto do grupo.
Tantos as tarefas intermedias coma o reto final están pensados para que todo o alumnado sexa participe da creación e desenvolvemento da actividade.
Vídeos
Para a visualización dos vídeos recoméndase que o profesorado indique ao alumnado a activación dos subtítulos.