Un robot no Universo
Este REA vai dirixido ao alumnado de 5º de primaria, e nel abordarán varios bloques da área de Ciencias Sociais.
Os diferentes bloques do presente REA están deseñados partindo do DUA, de forma que o longo do REA preséntanse varios niveis de elaboración de actividades de xeito que diversificamos o acceso a información e o traballo coa mesma en múltiples formatos e niveis, tentando chegar ao maior número de realidades individuais do noso alumnado.
O reto final deste REA consistirá na creación no colexio dun Museo Espacial para que poda ser visitado por toda a Comunidade educativa.
Metodolóxicamente podemos destacar que durante as tarefas traballarase fundamentalmente en equipo. Os traballos nestes equipos serán planificar, deseñar elaborar e avaliar as súas producións. Como conclusión final todos os grupos deberán coordinarse para a creación do Museo Espacial ao que posteriormente invitaremos ao resto da Comunidade Educativa.
Ao longo do REA o alumnado aprenderá sobre os distintos corpos celestes que conforman o Universo e aprenderá a diferencialos dacordo ás súas características. Ademais traballará os conceptos de lonxitude e latitude co fin de localizar puntos na superficie terrestre empregando as coordenadas xeográficas. Tamén entenderá o concepto de fuso horario e as horas que hai nos distintos puntos da Terra. Por outra banda coñecerá como é a vida dos astronautas nas estacións espaciais e que son as profesións STEM. Aprenderá a empregar mapas e planos e crearán un museo con todos os retos que fagan durante as fases do REA.
As diferentes propostas están deseñadas para resolverse de xeito individual, e por grupos de tres membros.
Ao longo do REA o alumnado irá atopando distintos tipos de actividades: dixitais con corrección automática, para facer no seu caderno de aula, en equipo e tamén desenvolver algunhas actividades de tipo manipulativo.