Un robot no Universo
Este REA (Recurso Educativo Aberto) desenvólvese nas unidades didácticas UD 1 e UD 2 da área de Ciencias Sociais, segundo o modelo de programación Proens. O alumnado familiarizarase cos distintos corpos celestes que conforman o universo e aprenderá a diferencialos de acordo ás súas características. Ademais traballará os conceptos de lonxitude e latitude coa fin de localizar puntos na superficie terrestre utilizando as coordenadas xeográficas.
Tamén entenderá o concepto de fuso horario e as horas que hai nos distintos puntos da Terra. Así mesmo coñecerá como é a vida dos astronautas nas estacións espaciais e que son as profesións STEAM. Aprenderá a usar mapas e planos e creará un museo con todos os retos que fagan durante as fases do REA.
O reto será a creación dun Museo Espacial nun espazo do colexio.
As metas de aprendizaxe son:
- Empregar recursos dixitais de acordo coas necesidades do contexto educativo de forma segura e eficiente, buscando información, comunicándose e traballando de forma individual, en equipo ou en rede.
- Formular preguntas e realizar predicións razoadas sobre o medio natural, social ou cultural, mostrando e mantendo a curiosidade.
- Buscar, seleccionar e contrastar información, de diferentes fontes seguras e fiables, empregando os criterios de fiabilidade das fontes, adquirindo léxico científico básico, utilizándoa en investigacións relacionadas co medio natural, social e cultural.
- Realizar experimentos guiados, empregando diferentes técnicas de indagación e modelos, empregando de forma segura os instrumentos e dispositivos apropiados, realizando observacións e medicións precisas e rexistrándoas correctamente.
- Participar con actitude emprendedora na procura, contraste e avaliación de propostas para afrontar problemas ecosociais, buscar solucións e actuar para a súa resolución, a partir da análise crítica das causas e consecuencias da intervención humana na contorna.