Metodoloxía
Este REA forma parte do proxecto cREAgal e, desde o punto de vista metodolóxico, é un recurso que procura o traballo cooperativo do alumnado na aula.
Na liña das concrecións metodolóxicas recollidas en PROENS, con este REA, preténdese acadar unha aprendizaxe significativa da Gramática (categorías gramaticais, esquema da oración, formantes das palabras...) dunha maneira motivadora para o alumnado: a creación dun escape room.
Ademais do importante factor de motivación que supón a incorporación do xogo na aula, o deseño dun novo xogo implica que o alumnado será o protagonista da súa propia aprendizaxe.
Dado o seu carácter eminentemente práctico e o seu enfoque competencial, priorízase o traballo en grupo na aula, aínda que nalgunhas actividades se combina co traballo individual. Entre os principios metodolóxicos aplicados, destacan os seguintes:
- Ludificación. A incorporación de elementos propios dos xogos ten como obxectivo principal reforzar a motivación do alumnado.
- Deseño Universal de Aprendizaxe (DUA), mediante o uso de metodoloxías variadas e tarefas multinivel que teñen en conta os diferentes ritmos de aprendizaxe e a diversidade do alumnado.
- Aprendizaxe baseada en retos (ABR). O alumnado debe resolver o desafío de organizar un escape room e resolver os enigmas preparados pola outra metade do grupo.
- Aprendizaxe cooperativa. Favorécese o traballo en grupo para mellorar o grao de desenvolvemento das competencias clave mediante a colaboración entre iguais.
- Aprender facendo (learning by doing). O alumnado amplía o seu coñecemento sobre a Gramática e repasa os textos narrativos e descritvos ao tempo que deseña a ambientación e os enigmas para o escape room.