Saltar navegación

3.1. Recomendacións de uso

Orientacións e recomendacións de uso

Recursos materiais necesarios

  • Caderno e ordenador do estudante
  • Dotación da aula: proxector ou panel dixital.
  • Material específico necesario para a miniexperiencia de aula: cartolinas ou goma eva, plastilina...
  • Material específico para a miniexperiencia "mirando o invisible" (microscopio óptico composto e instrumental básico para microscopía).
  • Recursos específicos para o desenvolvemento do reto. O calendario pode ser desenvolvido en diferentes formatos; segundo esto, os materiais variarán desde papel, cartolina, material para facer colages, etc. ou plataformas en liña (Canva, Genially, etc.) e/ou programas informáticos (Inkscape, Gimp, etc.).

Proposta de agrupamentos para actividades grupais

Neste REA propóñense actividades de forma individual, en parellas e en grupo. No caso dos agrupamentos de aprendizaxe cooperativa o docente ten liberdade para agrupalos según o tipo de actividade pero sempre tendo en conta os seguintes aspectos:

  • Equilibrados: a distribución de tarefas debes ser equitativa permitindo que todos os membros participen de maneira xusta na resolución do problema ou na tarefa asignada. Ningún membro debe quedar excluído ou ter unha carga desmesurada de traballo.
  • Con apoio mutuo: os membros do grupo deben estar dispostos a axudar aos outros, a compartir ideas, a escoitar e a proporcionar feedback construtivo. A cooperación non só se basa en traballar xuntos, senón tamén en apoiar o proceso de aprendizaxe de cada un.

Produtos finais

O produto final deste REA é un calendario da biodiversidade que debe cumprir coa idea de dar a coñecer a a riqueza natural da contorna próxima; debería servir para sensibilizar tanto ao alumnado como ao resto da comunidade educativa, e mesmo á local e autonómica, sobre a súa importancia. O traballo culminará cunha presentación na aula onde os estudantes compartirán os seus achados e/ou unha exposición que levará a cabo no centro educativo, e idealmente máis aló, para compartir os resultados e concienciar sobre a conservación do espazo traballado en particular e do medio ambiente en xeral. 

Enfoque multinivel

Este REA adáptase a un modelo educativo que recoñece as diferenzas no nivel de desenvolvemento, intereses e estilos de aprendizaxe, proporcionando apoio para que todo o alumnado participe activamente. Na sección 3.5, Recapitula e afonda, preséntanse actividades de sínteses e profundización con diferentes niveis de complexidade, permitindo que cada estudante traballe segundo o seu ritmo e capacidades para alcanzar o seu máximo potencial.

No caso concreto do reto, o enfoque multinivel queda reflectido na diversidade de modelos de calendario a desenvolver e a cantidade/calidade da información recollida en cada caso. A labor docente é crucial neste punto. É importante guiar ao grupo, ou aos diferentes equipos de traballo, no sentido de delimitar o nivel. Ideas a barallar nese sentido son, entre outras:

  • Delimitar a información a recoller de cada especie, graduando desde só algunha das características recollidas no REA (e indicadas na lista de cotexo), ata todas elas.
  • Determinar o formato do produto final segundo as habilidades do alumnado, desde analóxico/manipulativo a dixital (como xa se adiantou ao falar dos recursos necesarios).

 Sobre os contidos

No ensino da evolución, adaptamos os contidos en función da idade do alumnado, limitando a complexidade de certos conceptos para facilitar a súa comprensión. Dado que é primeira vez que se introduce o tema, puxemos especial énfase en LUCA (Last Universal Common Ancestor) como punto de partida da vida na Terra, permitindo que os estudantes comprendan a idea dun antepasado común sen necesidade de profundar en mecanismos máis complexos. Así mesmo, destacamos a importancia da diversidade dentro dunha poboación como mecanismo esencial para a comprensión da selección natural, pero sen abordar as causas específicas da devandita diversidade, xa que implican un nivel de demanda cognitiva elevado que podería dificultar a súa asimilación nesta etapa de aprendizaxe.

Ademais, en lugar de traballar co sistema dos tres dominios (Bacteria, Archaea e Eukarya), optamos por utilizar a clasificación en cinco reinos (Moneras, Protistas, Fungos, Plantas e Animais), dado que esta última resulta máis accesible e familiar para os estudantes. A distinción entre os tres dominios, aínda que máis precisa desde un punto de vista científico, implica un grao de abstracción maior e conceptos que poden resultar difíciles de asimilar nos primeiros achegamentos.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)