Metodoloxía
O ensino das Ciencias da Natureza debe fomentar nos estudantes a capacidade de aprender de maneira autónoma, traballar en equipo e aplicar métodos de investigación adecuados. É fundamental conectar os aspectos teóricos coas súas aplicacións prácticas na sociedade, promovendo unha comprensión profunda e significativa dos fenómenos naturais. Neste proceso, o alumnado constrúe o seu propio coñecemento a través da análise e a síntese, poñendo a proba as súas propias teorías. Desde unha perspectiva didáctica, a aprendizaxe das ciencias debe basearse na observación, a análise e a experimentación, permitindo aos estudantes desenvolver habilidades de indagación, formulación de preguntas, procura de explicacións e comunicación de resultados. Este enfoque favorece o pensamento crítico, a curiosidade e a capacidade de resolver problemas de maneira estruturada.
O recurso educativo dixital segue unha metodoloxía activa e participativa, baseada na aprendizaxe experiencial. A través de diversas ferramentas e actividades, os estudantes exploran conceptos e desenvolven habilidades de maneira dinámica e contextualizada. Concretamente neste REA utilizamos as seguintes:
- Simuladores e mapas: facilitan a comprensión de fenómenos complexos mediante a experimentación virtual e a exploración de información en tempo real.
- Vídeos e experiencias de laboratorio: a través de vídeos e demostracións prácticas de laboratorio, os estudantes poden observar experimentos en acción, o que facilita a comprensión de conceptos teóricos e a súa aplicación en contextos reais. O traballo práctico no laboratorio é unha ferramenta clave no ensino das ciencias, xa que ofrece un campo de probas onde os estudantes poden poñer a proba as súas ideas, contrastar hipóteses, ampliar as súa experiencias e reinterpretar os seus coñecementos. Esta interacción coa experimentación permítelles corrixir posibles erros, reforzar a coherencia das súas interpretacións co coñecemento científico e establecer unha conexión máis profunda coa realidade.
- Actividades manuais: Fomentan a creatividade mediante representacións visuais dos conceptos.
- Actividades interactivas: promoven unha aprendizaxe lúdica e motivadora, estimulando a toma de decisións, o pensamento crítico e o traballo en equipo.
Para garantir unha aprendizaxe significativa, o recurso incorpora diferentes tipos de actividades:
- Actividades de iniciación: permiten coñecer as ideas previas do alumnado, activar coñecementos e predisponerlos favorablemente á aprendizaxe.
- Actividades de desenvolvemento e estruturación: facilitan a posta en práctica e asimilación de novos contidos, integrándoos na experiencia persoal do estudante.
- Actividades de aplicación e profundización: permiten ampliar e aplicar os coñecementos adquiridos en novos contextos.
- Actividades de consolidación e síntese: reforzan e estruturan as aprendizaxes, garantindo a súa comprensión sólida.
- Actividades de reforzo: deseñadas para apoiar a quen require maior acompañamento no seu proceso de aprendizaxe.
- Actividades de avaliación: permiten medir o grao de aprendizaxe alcanzada, detectar erros e reforzar coñecementos.
Este enfoque metodolóxico busca involucrar activamente aos estudantes na súa aprendizaxe, combinando ferramentas tecnolóxicas e recursos prácticos. Ao adaptarse a diversos estilos de aprendizaxe, foméntase unha maior participación, autonomía e comprensión profunda dos contidos.
TIPOS DE AGRUPAMENTOS
As diversas formas de agrupamento que se utilizarán, divídense en tres tipos:
- Gran grupo
- Equipos de traballo cooperativo
- Traballo individual