Sistemas de vida
Este REA “Sistemas de vida” fai referencia aos contidos correspondentes aos ecosistemas, as súas características e a importancia da súa conservación a través da implantación dun modelo de desenvolvemento sostible, da materia de Bioloxía Xeoloxía de 1ºESO.
O coñecemento da estrutura, composición e funcionamento dos ecosistemas e a importancia do seu coidado e conservación, son os eixos temáticos principais, que van da man dunha observación crítica e científica.
Presenta cinco fases diferenciadas:
- Na fase 1: “Sistemas de vida” exponse a problemática actual sobre a insostibilidade medioambiental derivada dos impactos sobre os subsistemas terrestres, e a tarefa a xeito de reto que o alumnado terá que desenvolver para superar esa problemática nun futuro. Ten carácter motivacional, e aparece secuenciada, xunto cos obxectivos que se pretenden acadar nesta unidade.
- Na fase 2 “Activa o que sabes” realízase unha breve recapitulación de contidos necesarios, que deberían ter consolidados na etapa anterior, sobre os ecosistemas, as súas características e os principais impactos ambientais. Engádeselle aquí a contribución de dúas mulleres científicas comprometidas coa conservación, e unha falsa crenza a desmitificar, relativa á circulación da auga nos peixes dun río.
- Na fase 3: “Coñece os ecosistemas” están desenvolvidas as características dos ecosistemas, os seus impactos e medidas de conservación; acompañados dun feixe de variadas actividades con diferentes niveis de dificultade.
- A fase 4: “O reto: ECOcongreso” está deseñada para que o estudantado aplique os coñecementos adquiridos ao longo do REA mediante a investigación, a organización, e a celebración dun congreso científico, para formalizar e divulgar un documento de compromisos medioambientais.
- Na fase 5: “Conclusións e compromisos coa ecosfera” ten lugar a presentación das conclusións e compromisos derivados da celebración do ECOcongreso; sumaríase a aprendizaxe adquirida mediante un mapa conceptual, invítaselle a que avalíen o proceso a través dunha rúbrica, e finalmente ten lugar unha reflexión sobre todo o proceso realizado, e a adquisición de novos coñecementos.