Sistemas de vida
Este é un REA (Recurso Educativo Aberto) que ten como obxectivo desenvolver, no alumnado de 1º ESO, as competencias clave da materia de Bioloxía Xeoloxía, relativas á Ecoloxía e a sostibilidade.
Nesta situación de aprendizaxe o alumnado afondará, en primeiro lugar, no concepto e elementos que forman os ecosistemas para, a continuación, identificar cales son os principais da súa contorna e os impactos ambientais que lles ocasionan as actividades humanas; o obxectivo final é ser quen de valorar a importancia da adquisición de hábitos sostibles (consumo responsable, prevención e xestión de residuos e respecto ao medio natural) como forma de vida e aplicación dos obxectivos do desenvolvemento sostible.
Esta adquisición de contidos preténdese conseguir, dun xeito activo e integrador, a través das diferentes páxinas de contidos e actividades propostas.
Como elemento motivador e consolidante da aprendizaxe, proponse un reto: a preparación, organización e celebración dun Congreso sobre Ecoloxía e sostibilidade; é dicir, un Ecocongreso.
Ao finalizar este reto o alumnado adquirirá unha serie de compromisos medioambientais aos que chegará despois de coñecer o seu medio natural e as consecuencias derivadas das actividades humanas que non respectan os ecosistemas e a súa dinámica natural; ao longo de todo o recurso farase mención en varias ocasións á importancia do coñecemento como primeiro paso para chegar a incorporar os hábitos de respecto e coidado na vida cotiá.
Tamén, a través do reto final, o alumnado participará activamente nunha actividade de reflexión e divulgación científica, moi importante á hora de pór en valor a implantación dun modelo de desenvolvemento sostible.
Agardemos que cumpra os seus cometidos.