Orientacións e recomendacións de uso
Recursos materiais necesarios
- Ordenador do estudante.
- Caderno e bolígrafo do estudante.
- Dotación da aula: proxector ou panel dixital.
- Material específico necesario para a miniexperiencia de aula.
- Laboratorio (instrumentación e materiais propios).
- Material específico para a organización e celebración do ECOcongreso.
Proposta de agrupamentos para actividades grupais
Neste REA propóñense actividades de forma individual, e en grupo. No caso dos agrupamentos de aprendizaxe cooperativa a persoa docente ten liberdade para agrupalos segundo o tipo de actividade pero sempre tendo en conta os seguintes aspectos:
- Heteroxéneos: Deben estar compostos por estudantes con diferentes habilidades, coñecementos e estilos de aprendizaxe. A diversidade favorece a colaboración e a aprendizaxe mutua, xa que os membros poden axudar a completar as debilidades dos demais e aproveitar as fortalezas de cada un.
- Equilibrados: A distribución das tarefas debe ser equitativa, permitindo que todos os membros participen de maneira xusta na resolución do problema ou na tarefa asignada. Ningún membro debe quedar excluído ou ter unha carga desmesurada de traballo.
- Flexibles e dinámicos: A medida que avanza o proceso de aprendizaxe, pode ser necesario reorganizar os grupos ou realizar pequenos cambios na dinámica do equipo para asegurar que todos os estudantes sigan comprometidos e que a cooperación sexa efectiva.
- Con apoio mutuo: Os membros do grupo deben estar dispostos a axudar aos outros, a compartir ideas, a escoitar e a proporcionar feedback construtivo. A cooperación non só basease en traballar xuntos, senón tamén en apoiar o proceso de aprendizaxe de cada un.
Produtos finais
Os produtos finais deste REA son todos os materiais obtidos durante a organización e celebración do ECOcongreso; é dicir, presentacións en formato dixital, infografías, cadernos de traballo, maquetas, modelos, cartolinas...
Ca presentación das conclusións e compromisos do ECOcongreso culmina o proceso de investigación, adquisición e consolidación dos contidos realizado polo alumnado ao longo desta unidade. Sen esquecer todos os procesos cognitivos de contraste/refutación de hipóteses aos que foron expostos, baixo un prisma científico.
Enfoque multinivel das actividades
Este REA adáptase a un modelo educativo que recoñece as diferenzas no nivel de desenvolvemento, intereses e estilos de aprendizaxe, proporcionando apoio para que todo o alumnado participe activamente.
Partindo desas diferenzas, o nivel de concreción nos produtos finais, ou de perfección nas respostas, en moitas actividades, non está explícito, pois a persoa docente, como coñecedora da diversidade nas características do alumnado, será quen de fixar o nivel requerido e, como tal, as cualificacións correspondentes a cada actividade.
Nomeadamente, a sección 3. Comproba o que aprendiches é un compendio de moitas actividades de síntese e afondamento con diferentes niveis de complexidade, permitindo deste xeito, que cada estudante traballe segundo o seu ritmo e capacidades para alcanzar o seu máximo potencial.
No caso concreto do reto, o enfoque multinivel queda reflectido na diversidade de modelos de presentacións, maquetas, modelos, compromisos, conclusións e a cantidade/calidade da información recollida en cada caso.