Saltar navegación

3.1. Recomendacións de uso

Orientacións e recomendacións de uso

Recomendacións para o uso deste recurso na aula, relativas aos seguintes aspectos:

1. Recursos materiais necesarios 4. Enfoque multinivel do reto
2. Proposta de agrupamentos 5. Diario de aprendizaxe
3. Produtos finais

Recursos materiais necesarios

Para o correcto desenvolvemento das actividades, precísanse os seguintes recursos:

  • Equipos informáticos con conexión á Internet.
  • Material básico de debuxo: folios, lapis, gomas e pinturas de calquera tipo.
  • Instrumentos de debuxo técnico: regra, escuadro, cartabón, compás e transportador de ángulos.
  • Materiais específicos: papel de calco e rotuladores para tea.
  • Xogos de naipes para a formación dinámica de equipos.
  • Software de creación e edición: Piskel for kids, GIMP, LibreOffice Draw e Excalidraw para o deseño de credenciais, invitacións e rótulos.

Proposta de agrupamentos para actividades grupais

A organización do alumnado basearase nun sistema dinámico e colaborativo:

  • Formación de equipos mediante unha dinámica con naipes, repartindo tantas cartas dun mesmo pau como persoas formen o grupo.
  • Tarefa inicial dirixida a todo o grupo-clase para fomentar a motivación e detectar coñecementos previos.
  • Análise e avaliación das producións realizadas de xeito grupal para fomentar o pensamento crítico.
  • Flexibilidade na elaboración do pano tradicional (fase 3.2.), podendo optar por un deseño individual ou un único modelo por equipo trasladado á tea.

Produtos finais

As creacións do alumnado materializaranse nos seguintes elementos:

  • Feira artística. Unha exposición final que reúna unha recompilación das creacións plásticas e dixitais elaboradas durante todo o curso.
  • Panos tradicionais. Deseños con simetría que poden imprimirse en diferentes formatos (A4, A3) ou realizarse en papel continuo.
  • Decoración temática. Intervención nos corredores do centro para a conmemoración do Día das Letras Galegas.
  • Ficheiros dixitais. Recompilación de tarefas da fase 3.3. para partillar na aula virtual (EVA Edixgal) ou soportes USB de almacenamento.

Enfoque multinivel do reto

Tanto o reto como as tarefas individuais preséntanse multiniveladas. Enténdese que o concepto de multinivel está ligado á flexibilidade no procedemento para acadar o reto. Polo tanto, ofrécense as seguintes alternativas para desenvolvelo.

En relación ao espazo no que desenvolver a feira artística:

  • Opción A: nun espazo do colexio.
  • Opción B: en Internet.
  • Opción C: na propia aula.

En relación ao tempo:

  • Opción A: nunha sesión da área.
  • Opción B: ao longo dunha mañá.
  • Opción C: en varios días da semana.

Con flexibilidade:

Utilízanse recursos accesibles, na creación dos produtos ofrécense alternativas, non existe un formato ríxido.
Neste caso a complexidade do reto vén determinado polo desempeño do alumnado.

Actividades individuais.

No apartado correspondente ás tarefas individuais ("2.2. Agora ti" e "3.5. Antes de rematar") recóllense varias actividades con diferentes características, procedemento de resolución, tipoloxía e nivel de dificultade, coa intención de que o alumnado poida escoller segundo o seu criterio calquera das actividades propostas. Será a persoa docente a que decida, se así o estima, o número de tarefas que debe resolver o alumnado.

No diario de aprendizaxe existen apartados específicos para que a alumna e o alumno comente as actividades que realizou en cada fase.

Reto.

Para resolver o reto, o alumnado debe ir elaborando produtos que, recompilados, formarán parte da decoración dos corredores nas diferentes conmemoracións (Hórreos para as Letras Galegas) así como da feira artística que deben crear as alumnas e alumnos de xeito cooperativo.

Na planificación das creacións do alumnado tivéronse en conta factores como as características do material, a seguridade e a dificultade de elaboración. Os elementos necesarios para crear as obras artísticas son recursos de uso habitual para o alumnado ou sinxelos de conseguir, así como económicos.

Para algunhas actividades da Fase 3,  "3.3. Arte de píxel" e "3.4. Warhol á galega " cítanse catro aplicacións informáticas de tratamento de texto e imaxe (Piskel for kids, LibreOffice Draw, Gimp e Excalidraw), que se recomendan por ser libres, gratuítas e estar dispoñibles para diferentes sistemas operativos. Esta proposta vai acompañada do correspondente videotitorial de uso, adaptado á idade do alumnado e ás características do reto. A persoa docente pode tomar a decisión de usar estas ou outras aplicacións informáticas, así como plataformas online segundo os seus propios criterios.

Ofrecer un itinerario para acadar o reto que supoña non utilizar medios dixitais non é posible porque así está recollido na programación modelo, de referencia para o deseño desta situación de aprendizaxe. Os centros docentes que non conten cos recursos necesarios, como equipamento informático, poden solicitar estes recursos ao CAFI ou CFR que corresponda.

Durante o desenvolvemento do REA ofrécense propostas de traballo con diferentes niveis de esixencia cognitiva.

No caso concreto deste REA  o modelo de programación de Proens condiciona o deseño do reto na situación de aprendizaxe.

O profesorado pode orientar e recomendar actividades.

Diario de aprendizaxe

O diario de aprendizaxe ofrécese como unha proposta de guía de reflexión (non avaliable) para o propio alumnado. Busca que recapaciten sobre as súas aprendizaxes e a maneira na que eles aprenden (estreitamente ligado ca competencia aprender a aprender). Pero é tamén para o profesorado xa que aínda que non sexa unha actividade avaliable, a revisión dos diarios de aprendizaxe pode servir para guiar e reorientar a nosa práctica docente e adaptarse mellor ás características do noso alumado.

No mesmo se responden cuestións relativas ás aprendizaxes adquiridas e ao proceso e valoración das mesmas. O alumnado ao rematar cada unha das fases ten unha "chamada" ao diario.

O diario está pensado para poder utilizalo de diversas maneiras, (tanto de maneira dixital como a man e de maneira completa ou segmentada por fases) como o docente decida:

  • O diario pódese imprimir en formato "libro" en A5, un tamaño razoable e funcional, co fin de que poidan cubrir nun momento da sesión a fase que se considere.
  • O diario pódese imprimir por fases e ser entregado segmentado como se fose unha ficha a realizar ao finalizar cada fase.
  • O diario pódese completar e editar directamente no ordenador, coma unha tarefa a desenvolver na casa ou no tempo libre e posteriormente ser entregado ao rematar cada fase (se é segmentado) ou ao finalizar á situación de aprendizaxe (arquivo enteiro).

Feito con eXeLearning (Nova xanela)