Concrecións metodolóxicas
Este REA está dentro do marco pedagóxico do proxecto cREAgal do que forma parte este recurso.
No tocante ao aspecto metodolóxico, esta programación didáctica remítese, en primeira instancia, ás liñas de actuación recollidas no currículo da área de Educación Plástica e Visual, que se desenvolverán ao longo das diferentes sesións da materia.
As unidades didácticas propostas permitirán, no seu conxunto, o traballo da totalidade dos contidos do currículo, así como dos elementos transversais e dos obxectivos da etapa, e están pensadas para a consecución do logro de cada un dos criterios de avaliación (CA) establecidos, ou, polo menos, os mínimos de consecución correspondentes, así como para a progresiva adquisición das competencias clave en relación ao perfil de saída do alumnado ao remate da educación primaria.
A unidade didáctica 4, que viaxa ao longo do tempo ao estar presente en cada un dos tres trimestres, non está concibida para levarse a cabo nin antes nin despois do traballo das unidades 1, da 2 ou da 3, respectivamente recollidas na programación modelo de Proens; de feito, o seu desenvolvemento está pensado para ser non só intercalado ao longo do resto das unidades didácticas senón incluso na mesma sesión, de xeito que achegue unha dinámica variada e flexible tanto á persoa docente, por un lado, como para o enriquecemento do proceso de aprendizaxe do alumnado, polo outro.
Desenvolverase unha metodoloxía áxil e dinámica, práctica e realista, activa e participativa, construtiva, creativa, motivadora, lúdica e amena (sobre todo, tendo en conta que se inicia unha nova etapa para o alumnado). As características fundamentais da metodoloxía que se empregará son:
- Funcionalidade das aprendizaxes, dirixidas sempre a unha aplicación práctica do aprendido.
- Ambiente cooperativo, a través do traballo cooperativo en grande ou pequeno grupo e por parellas.
- Uso de tecnoloxías da comunicación e información como recursos de aprendizaxe (vídeos, webs...), xa que ofrecen máis variedade e posibilidades de acceder a contidos reais.
- Potenciación das aprendizaxes significativas partindo sempre da realidade e do que se coñece para facilitar a súa comprensión.
- Ambiente de traballo cómodo para evitar a inhibición.
- Atención á diversidade do alumnado á hora de seleccionar contidos e respectar o ritmo de aprendizaxe.
- Metodoloxía baseada no descubrimento guiado e na participación e implicación activa do alumnado.
- Consideración dos erros como parte do proceso de aprendizaxe e fonte de coñecemento.
- Traballo con rutinas e repeticións de actividades básicas para que o alumnado se sinta máis seguro.
Dada a casuística da área no tocante ao número de sesións -1 sesión semanal-, a área conta cun total de 35 sesións por curso. Para optimizar o desempeño, como recurso empregarase o sitio web do centro (ou na aula virtual do centro) unha sección específica para esta área. Nesta o alumnado poderá acceder a:
- Recursos dixitais empregados na clase e/ou para levar a cabo as tarefas encomendadas.
- Ligazóns de interese relacionadas coa área.
- Outros materiais que se poidan empregar ao longo do curso.