Saltar navegación

1. Descrición xeral

Comezamos!

Este REA (Recurso Educativo Aberto) foi deseñado co obxectivo de ofrecer ao alumnado un proxecto de traballo cooperativo baseado na obra de Andy Warhol. A proposta inclúe a realización de actividades para diferentes conmemoracións escolares utilizando as técnicas características do autor.

O recurso céntrase nos elementos plásticos e visuais vinculados ao proceso creativo, as dinámicas de aula, as rutinas de traballo, a responsabilidade e o coidado do material. Traballarase a recepción activa e a vivencia artística a través da ampliación dos elementos básicos da expresión plástica e audiovisual.

Aínda que desenvolve contidos das unidades didácticas 3 e 4 da programación modelo de Proens, o seu propósito fundamental é afianzar os conceptos xa traballados, aplicalos en deseños e composicións, e iniciarse no debuxo xeométrico.

O fito final do proxecto será a montaxe dunha feira artística no centro. Neste evento, a comunidade educativa poderá observar as producións elaboradas e descubrir a esencia do estilo Pop Art. O traballo en grupo e en gran grupo será predominante para garantir unha participación activa. Nesta fase, a conmemoración das Letras Galegas cobrará especial relevancia, relacionando o movemento de Warhol coa cultura e a identidade galega.

As metas de aprendizaxe son:

  1. Identificar o principal protagonista da Arte Pop e as súas achegas á linguaxe visual contemporánea.
  2. Crear deseños e composicións orixinais aplicando as técnicas e a estética de Andy Warhol.
  3. Difundir as creacións artísticas entre o resto do alumnado e o profesorado do centro.
  4. Colaborar de xeito responsable no equipo para resolver os retos creativos de xeito conxunto.
  5. Organizar e montar unha feira artística para compartir o traballo coa comunidade educativa.
  6. Intervir nos espazos comúns do centro mediante a decoración dos corredores coas obras realizadas.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)