Orientacións e recomendacións de uso
Algunhas recomendacións para o uso deste recurso na aula son:
Recursos materiais necesarios
Ao longo deste REA o alumnado vai precisar facer gravacións e audio e editalas para facer as diferentes montaxes. Para este fin propoñemos:
- Emprego dos equipo de alumno do proxecto Abalar/eDixgal. Tanto as gravacións como a edición poderán facerse con estes equipos xa que teñen instalado o programa Audacity.
- Emprego das ferramentas de Radio Escolar incluídas en Polos Creativos.
- No caso de non ser posible o acceso a ningunha destas ferramentas, poderanse usar outros equipamentos que haxa no centro tendo en conta que Audacity é un programa libre que podemos instalar en calquera equipo.
Proposta de agrupamentos para actividades grupais
Ao longo deste REA son constantes as propostas de traballo grupal por parte do alumnado. Recoméndanse sempre grupos de catro xa que é un número que encaixa moi ben pensando nos agrupamentos dos diferentes retos propostos. En calquera caso é decisión do profesorado empregar grupos de diferente número ao longo das fases 2 e 3.
Para as fases 4 e 5 recoméndase que os grupos sexan de catro xa que se parte dun esquema que inclúe ese número de profesionais relacionados co mundo da radio:
- Xornalistas.
- Redactores e redactoras.
- Locutores e locutoras.
- Técnicos e técnicas de son.
Estes roles propostos deben ser tomados con flexibilidade tendo en conta as seguintes recomendacións:
- Os roles non son fixos: ao longo das diferentes fases dos retos o alumnado debe rotar e, na medida do posible achegarse a todos.
- Unha persoa nunca debe estar inactiva, se o seu rol non ten tarefa nese momento é recomendable que reforce outro que si o ten. Por exemplo: os locutores e locutoras poden apoiar o traballo de xornalistas nas fases iniciais.
Produtos finais
Os produtos finais que aparecen no REA son orientativos: podemos modificar o número de podcast dependendo das características da aula ou do momento no que se atope a programación de aula.
Trátase de que o profesorado escolla e decida en función das súas necesidades e/ou preferencias tratando de respectar a filosofía da proposta, é dicir, adquirir e mobilizar os coñecemento e habilidades precisas tanto a nivel lingüístico como tecnolóxico que lle permitan redactar un guión consensuado, gravalo e editalo de maneira grupal.
Os produtos finais deberían ser difundidos a través da web do centro.
Enfoque multinivel do reto
Propóñense actividades multinivel que o alumnado pode seleccionar en función das súas habilidades ou intereses. É competencia do profesorado orientar e recomendar unha ou outra proposta en función da información que ten sobre o seu alumnado.
Neste recurso, enfocamos o produto final cara un programa de radio que incluiría: unha sintonía de introdución, unha cabeceira, dous podcasts, unha entrevista e unha despedida.
Debido a que son moitos elementos os necesarios para un programa, a persoa docente pode escoller se o alumnado ten que facer todos os elementos ou só algún deles. Por outra banda, propóñense outras opcións:
- Realizar o programa de radio na aula, sen gravación e improvisando as informacións cos coñecementos previos do alumnado participante.
- Elaborar un esquema de programa de radio sinxelo, cos contidos a tratar, nunha cartulina DIN A3, para que outro grupo da aula poida realizar o programa a viva voz e sen preparación previa, só con improvisación.
- Seguir un guión elaborado pola persoa docente e gravar en vídeo o programa para compartir na web do centro ou na aula virtual do curso.