Saltar navegación

2.3. Metodoloxía

Metodoloxía

Banner proxecto cREAgal

Este REA está dentro do marco pedagóxico do proxecto cREAgal do que forma parte este recurso. 

Desde o punto de vista metodolóxico, este REA é fundamentalmente activo e participativo, favorecendo o traballo individual e cooperativo do alumnado na aula.

Para iso intégranse referencias á vida cotiá e á contorna do alumnado co fin de motivalo e facelo sentir parte activa do proceso de ensino-aprendizaxe, é dicir, buscar un enfoque que sexa:

Personalizado: buscamos a relación cos coñecementos previos do alumnado e propoñemos actividade multinivel.

Significativo: o alumnado constrúe os seus propios coñecementos, é dicir, aprende ao tempo que aprende a aprender, interioriza as diferentes experiencias e estratexias que lle fan afondar e desenvolver os seus coñecementos.

Funcional: búscase a utilidade do aprendido en situacións reais e con conexión co mundo real.

Os criterios metodolóxicos deste REA seguen as liñas da materia de Lingua Galega e Literatura de 5º de EP, cun carácter esencialmente práctico e cun enfoque competencial do currículo. Para iso, utilízanse as seguintes metodoloxías:

  • Uso de propostas baseadas nun deseño de situacións comunicativas reais, no ámbito persoal, social e educativo que permiten o progreso na aprendizaxe desta área e o desenvolvemento da súa competencia lingüística en galego dun xeito activo.
  • Utilización de distintos métodos que teñen en conta os diferentes ritmos de aprendizaxe do alumnado, favorecendo a capacidade de aprender por si mesmos e promovendo o traballo en equipo.
  • Deseño de situacións de aprendizaxe contextualizadas, significativas e relevantes, atendendo á súa gradación e complementariedade.  Preténdese traballar de maneira proporcionada todos os contidos do currículo de Lingua Galega e Literatura para que o alumnado aprenda a expresarse en lingua galega, comprendendo gradualmente este sistema propio e singular de comunicación, de expresión, de identidade e de entender e interpretar a realidade. 
  • Promóvese a interacción comunicativa e a colaboración do alumnado entre si e cos demais axentes que interveñen nos procesos de ensino-aprendizaxe.
  • Gradación en función da complexidade dos textos, dos contextos de uso, das habilidades de interpretación ou de produción requiridas, da metalinguaxe necesaria para a reflexionar sobre os usos, así como do grao de autonomía conferido ao alumnado.
  • Tense en conta a diversidade de traxectorias educativas, procurando que a progresión nas aprendizaxes se desenvolva a partir da reflexión, comprensión ou produción.
  • Programación de actividades de ámbito dixital que contribúe á mellora das competencias, á alfabetización mediática e informacional e inflúe nos procesos de ensino-aprendizaxe. Acompáñase dun cambio de metodoloxía, facilitando a participación activa do alumnado.
  • Desenvolvemento da formación lectora potenciando a lectura, a comprensión e interpretación de obras próximas aos seus gustos e á súa madurez cognitiva, a dramatización ou interpretación de fragmentos e a creación de textos propios con intención literaria, posibilitando o progreso do alumnado na construción da súa identidade lectora, na comprensión das relacións con outras manifestacións artísticas ou culturais da contorna, de Galicia e do mundo e no coñecemento básico sobre obras representativas da literatura galega. Neste sentido, as bibliotecas de aula, do centro e as virtuais (Galicia Le e E-LBE.2) conforman  os escenarios básicos para as actividades literarias compartidas.
  • Mobilízanse as estratexias necesarias para traballar transversalmente a comprensión lectora, a expresión oral e escrita, a comunicación audiovisual, a competencia dixital e o fomento da creatividade.
  • Impulsase a realización de proxectos significativos para o alumnado de diferentes niveis, en grupos reducidos para favorecer, desde o ámbito da comunicación, a adquisición de competencias clave, e a resolución de problemas de forma cooperativa e en equipo, reforzando a autoestima, a autonomía, a reflexión e a responsabilidade.
  • Faise especial énfase na atención á diversidade do alumnado, na atención individualizada, na prevención das dificultades de aprendizaxe e na posta en práctica de mecanismos de reforzo. A atención á diversidade está presente en todas as accións, medidas e decisións metodolóxicas para potenciar a inclusión e permitir dar resposta ás diferentes características e necesidades, motivacións, intereses, ritmos e situacións sociais e culturais de todo o alumnado. Así, o deseño de actividades de aprendizaxe de acceso universal (DUA) para atender mellor á diversidade do alumnado, posibilita desenvolver unha atención individualizada.
  • Foméntase o uso dunha linguaxe, verbal e non verbal, respectuosa coas diferenzas, coa perspectiva de xénero, coa igualdade entre homes e mulleres e coas distintas linguas. Bríndaselle ao alumnado as ferramentas esenciais para a construción de opinións razoadas, reflexivas e xustificadas; para a resolución dialogada dos conflitos e para a valoración crítica da información, coa finalidade de construír sociedades máis equitativas e democráticas.
  • Faise fincapé nas relacións entre a área de Lingua Galega e Literatura e Lingua Castelá e Literatura, nun contexto de diversidade lingüística como base para unha educación plurilingüe do alumnado. Estimúlase a reflexión interlingüística, xunto coas linguas estranxeiras.
  • Ponse o foco en  responder a situacións comunicativas reais no ámbito persoal, social e educativo.  A proposta artéllase arredor de situacións de aprendizaxe representativas e contextualizadas.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)