Orientacións e recomendacións de uso
Algunhas recomendacións para o uso deste recurso na aula son:
Recursos materiais necesarios
Recomendamos a previa selección das novas e páxinas web específicas, para un filtrado e selección de información real.
Tamén cómpre explicar ao alumnado que os textos literarios que se proporcionen deberán respectar a licenzas de autoría.
Proposta de agrupamentos para actividades grupais
Neste REA propóñense actividades individuais e grupais, considerando as seguintes premisas:
- É recomendable a creación de grupos de 3-5 alumnos e alumnas, de xeito que elixan ou sexan asignados polo profesorado, cada un dos retos propostos. Logo terán que expoñer o seu resultado ao resto de compañeiras e compañeiros.
- O groso do traballo será realizado en actividades grupais onde se pretende que o alumnado traballe de forma cooperativa e colaborativa. Con isto, procuramos que aprendan a coordinarse na realización de tarefas e aumenten a súa autonomía persoal. Debemos procurar que os grupos sexan diversos e heteroxéneos, na procura do traballo en equipo, para que o alumnado aprenda a tomar decisións e accións conxuntamente, promovendo a “democracia de grupo”. Para iso, recoméndase ao profesorado que implemente este REA na súa aula considerando as seguintes pautas:
- Organiza ao alumnado en función das súas diferentes necesidade e intereses, para crear equipos nos que cada un pon o seu gran de área, dende os máis proactivos, líderes, organizativos aos máis pasivos, non colaborativos etc.
- Asigna a cada alumna ou alumno unha función no grupo na que amose as súas potencialiades.
- Crea un clima de traballo positivo e participativo, poñendo en valor os progresos e aconsellando nas dificultades.
Produtos finais
O produto final é un tríptico que contén varias actividades:
- A elaboración dun poema con temática sobre o turismo poñendo en valor aspectos coma o respecto ao patrimonio, o turismo sostible ou código de boas prácticas.
- A elaboración dunha lenda/texto narrativo situada en Santiago ou na localidade onde se atope o alumnado
- Unha descrición dun conxunto de actividades que se poden realizar en Santiago ou noutra localidade.
A presentación deste produto final pode realizarse con diferentes formatos, incidindo así no concepto DUA: unha gravación con Audacity, unha ligazón a través de códigos QR, un traballo de exposición en formato texto, un vídeo
Enfoque multinivel do reto
Dentro deste recurso educativo podemos levar a cabo un enfoque multinivel dos retos e tamén do produto final (tríptico turístico).
O tríptico ten que promover a localidade dun xeito respectuoso co medio e coas persoas que alí habitan. Hai que ter en conta o concepto de "turismo devagar" e incluír os seguintes tres elementos:
- Unha lenda (narración). O alumnado preguntará na casa que lendas coñecen e traerá un resumo á aula para compartir co resto do grupo. Esta lenda pode estar en formato escrito ou mesmo en audio ou vídeo.
- Unha descrición (poema ou canción) da localidade con recursos literarios. Poderá empregarse tamén o formato de audio ou vídeo como variable ao escrito ou como formato único.
- Pequenos textos informativos sobre actividades que se poden facer na localidade ou arredores, sobre os lugares de interese e sobre produtos típicos da zona. Do mesmo xeito que nos casos anteriores, este elemento poderá realizarse en formato de audio ou vídeo.
Respectando o enfoque multinivel, este tríptico non ten que ser un produto final cun formato único escrito, senón que pode ser enfocado a través da utilización de todos aqueles recursos audiovisuais cos que conte o centro educativo (gravación de vídeo, audio, pódcast…).
Como contido extra, o alumnado poderá deseñar un slogan, un código de boas condutas para visitantes ou incluír unha curiosidade sobre o lugar onde viven.
Cando pensamos nun tríptico turístico, imaxinamos o formato impreso unicamente, mais podemos ofrecer diferentes posibilidades ao noso alumnado co fin de axudar na realización do reto. Por iso, outras posibilidades serían: un vídeo, unha gravación (audio) ou mesmo unha presentación en formato dixital, sempre engadindo os tres elementos mencionados, sexa cal sexa o formato elixido.