Saltar navegación

3.1. Recomendacións de uso

Orientacións e recomendacións de uso

Recursos materiais necesarios

Neste REA inclúense todos os materiais necesarios para o seu desenvolvemento, tanto para o alumnado, como para o profesorado. No material inclúense modelos en dous formatos:

  • Editables (.odt e .odp): teñen como finalidade que o profesorado poida adaptar as actividades e tamén que o alumnado poida utilizalas para realizar os exercicios de forma directa no caso de dispor de ordenadores, aforrando ter que imprimilos.
  • Formato .pdf: teñen como finalidade a súa visualización rápida, que se poidan imprimir e proxectar sen alteración no seu estilo e, inclusive se poden utilizar con posteriores aplicativos e convertelas en interactivas. Levan a indicación de que se abren en nova xanela (ventana nueva).

Finalmente, recomendamos encarecidamente, no caso de querer imprimir o material, buscar alternativas ecolóxicas como o uso de papel reciclado, a impresión en borrador ou blanco/negro, para contribuír co noso gran de área ao coidado do medioambiente.

Atención á diversidade

Este REA está deseñado para favorecer a participación activa de todo o alumnado. Por iso, se presentan experiencias de aprendizaxe que poidan ser abertas e flexibles.

Por unha banda, aparecen as actividades individuais multiniveladas, graduadas en dificultade. Este aspecto propicia a atención á diversidade, xa que xera alternativas para que o alumnado adquira a aprendizaxe desde a súa propia zona de desenvolvemento próximo, á vez que expón opcións abertas para que poidan acceder a novos desafíos que se sitúan no seu nivel de desenvolvemento potencial, coa guía e condución de cada docente.

Por outra banda, ofrécense outra variedade de actividades, tanto individuais como grupais, en distintos formatos e que implican a posta en práctica de variadas competencias.

No seguinte apartado de "Recursos e solucións" aparecen tamén diferentes versións de presentación dalgunhas actividades, de xeito que o profesorado poida decidir a que mellor se adapta a cada alumno ou alumna.

Se fose precisa unha maior adaptación dalgúns dos materiais, na web de arasaacc pódese acceder a pictogramas e recursos para a comunicación aumentativa e alternativa. Entre os seus recursos, conta con variedade de ferramentas en liña que permiten a creación de material adaptado, sen instalar ningún software no computador. Como paquete instalable, ofrece “AraSuite”, un conxunto de ferramentas entre as que está “AraWord” un procesador de texto para a escritura simultánea de texto e pictogramas, o que permite a adaptación de materiais con facilidade.

Todas as publicacións e ferramentas desta web, propiedade do Goberno de Aragón, créanse baixo Licenza Creative Commons (BY-NC-SA), autorizándose o seu uso para fins sen ánimo lucrativo sempre que se cite a fonte, autoría e se compartan baixo a mesma licenza.

Categorías gramaticais

A aprendizaxe da gramática pode ser un proceso complexo e abstracto para o alumnado. Unha forma de facelo máis atractivo e efectivo, é utilizar imaxes e símbolos que representen as diferentes categorías gramaticais.

Beneficios das imaxes e símbolos:

  • Fixación dos contidos: as imaxes e símbolos axudan a visualizar e comprender mellor os conceptos gramaticais.
  • Motivación: o uso de materiais visuais fai que a aprendizaxe sexa máis atractiva e divertida.
  • Manipulación: o alumnado pode recortar e manipular as imaxes e símbolos, o que lles permite unha aprendizaxe máis activa e participativa.

Para o caso de que sexa a primeira vez que o alumnado traballa a gramática utilizando figuras que representan as categorías gramaticais, pode colocarse na clase un cartel coa correspondencia entre figuras e categoría. Recomendamos tamén ter figuras manipulables, doadas de facer con calquera material: plastilina, plástico, cartolina, goma eva... ou impresas en 3D, que facilitarán o traballo na aula.

No apartado “3.2. Recursos e solucións do REA” podedes acceder a recursos e material de axuda para a gramática manipulativa.

Proposta de agrupamentos para actividades grupais

As actividades grupais deste REA están pensadas para unha clase con rateo 20. Porén, pódense realizar outros agrupamentos e adaptar todas as actividades sen que afecte ao REA, segundo a rateo da aula na que se utilice o recurso.

Ao final da fase 2, preséntase un xogo con palabras compostas, que permitirá formar os grupos que se manterán ao longo do REA (Jugamos con las palabras). O profesorado, en función do seu coñecemento do alumnado, decidirá si aplica o xogo ou mantén os grupos que xa teña conformados na aula.

Ademais de actividades de cooperación como o mapa mental mudo, a elección e redacción de noticias, a preparación da sección, etc., o REA presenta outro tipo de actividades por estacións de aprendizaxe, favorecendo a creacións de recunchos de traballo na aula que permitirán o traballo e repaso dos diversos contidos dun xeito motivador e manipulativo.

As estacións de aprendizaxe poden usarse tanto de xeito individual como en grupo. Neste REA están deseñadas para ser utilizadas en grupo e con tempos limitados, para respectar a temporalización do mesmo, pero o profesorado pode decidir manter as estacións e utilizalas noutros momentos e tempos.

Propostas para o fomento do hábito lector

Neste REA, o alumnado desenvolverá o seu hábito lector no primeiro momento no que comece a buscar e ler información sobre noticias variadas. Porén, a maiores disto e en relación ao reto, recoméndanse os seguintes recursos:

  • O xornal o Papagaio, que aínda que estea en galego, aparecen noticias para idades escolares e é un bo recurso que pode existir na Biblioteca Escolar.
  • Libros que se atopen na biblioteca do centro, relacionados coa temática da reciclaxe, coidar o medio ambiente, etc. que lles poden inspirar á hora de redactar a súa noticia.
  • Suxestións:

- Winter, Janette (2010): Wangari y los árboles de la paz (una historia verdadera). Ediciones Ekaré.

- Montero, Daniel (2017): A la vista. Editorial Libre Albedrío.

- Bustelo, Ana & Llorca, Francisco (2016): Pequeños Grandes Gestos por el Planeta. Alba Editorial.

- Hurtado, Raúl & Ibáñez, José (2019): Paremos la invasión. Que el plástico no nos domine. Andana Editorial.

- Green, Angela (2020): Tú puedes salvar el mundo. Duomo ediciones.

- Blom, Kirsti & Gabrielsen, G.W. (2018): Un mar de plásticos. Editorial TakaTuka.

- Serrano, Lucía (2020): Colección "Misión planeta". Editorial Anaya.

Transversalidade

Este REA atópase relacionado coa temática do medioambiente da unidade 5 sobre "Enerxía e materia" da área de Ciencias da Natureza. Esta relación permitirá á persoa titora poder traballar de forma transversal ambas áreas se fora o seu interese.

Tamén se relaciona co ODS (Obxectivo de Desenvolvemento Sostible) número 12, orientado á produción e consumo responsables, polo que é importante concienciar sobre o problema que supón o exceso de lixo que producimos e as dificultades que se aparecen ao non poder reciclar nin reutilizar todo o que sobra.

Enfoque multinivel do reto

Este formato de Recurso Educativo Aberto, e a variedade de recursos e actividades que se ofrecen, así como as suxestións de adaptación que acompañamos nesta guía, permite ao profesorado modificar estas propostas iniciais para axustalas á realidade das súas aulas, conectar cos intereses e motivacións do seu alumnado, e propoñer variacións nas actividades e exercicios buscando o máximo rendemento, participación e aprendizaxe dos seus discentes.

Están deseñadas actividades grupais, nas que o alumnado debe cooperar, apoiarse e colaborar para acadar a meta proposta. O traballo cooperativo xera moitas oportunidades para a participación de todo o alumnado.

Dase o seu lugar á metacognición e á reflexión sobre a aprendizaxe; a autoavaliación, a coavaliación e a reflexión sobre o aprendido e as tarefas realizadas, teñen o seu lugar mediante rúbricas, listas de control e outras sinxelas ferramentas (semáforo de autoavaliación).

Este reto, gravar un magacín, permite a partipación de todo o alumnado, facilitando a repartición de roles en función das capacidades e motivacións do alumnado.

Como posible enfoque multinivel do reto deste REA propoñemos o seguinte:

1. Inicial

- Buscar, organizar e resumir información para a elaboración da noticia do magacín.
- Redactar a noticia da sección do programa.
- Gravar a noticia, lendo o texto previamente escrito, con corrección e fluidez.
- Participar na gravación da sección asumindo algún dos roles necesarios para a mesma.

2. Medio

- Buscar, organizar e resumir información para a elaboración da noticia do magacín.
- Redactar a noticia da sección do programa, completandoa con algunha información adicional (carteis, infografías, vídeos...)
- Gravar a noticia mirando á cámara, apoiándose no texto previamente escrito.
- Participar na gravación da sección asumindo (en quendas) varios dos roles necesarios para a mesma.

3. Avanzado

- Buscar, organizar e resumir información para a elaboración da noticia do magacín.
- Redactar a noticia da sección do programa, completandoa con información adicional (carteis, infografías, vídeos...)
- Gravar a noticia mirando á cámara, apoiándose no texto previamente escrito, con soltura e seguridade.
- Participar na gravación da sección asumindo (en quendas) varios dos roles necesarios para a mesma.
- Preparar o produto final nun só arquivo dixital, incluíndo música de cabeceira e outros elementos que completen a sección.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)