Saltar navegación

3.1. Recomendacións de uso

Orientacións e recomendacións de uso

Recursos materiais necesarios

Neste REA inclúense todos os materiais necesarios para o seu desenvolvemento, tanto para o alumnado, como para o profesorado. No material inclúense modelos en dous formatos:

  • Editables (.odt e .odp): teñen como finalidade que o profesorado poida adaptar as actividades e tamén que o alumnado poida utilizalas para realizar os exercicios de forma directa no caso de dispor de ordenadores, aforrando ter que imprimilos.
  • Formato .pdf: teñen como finalidade a súa visualización rápida, que se poidan imprimir e proxectar sen alteración no seu estilo e, inclusive se poden utilizar con posteriores aplicativos e convertelas en interactivas. Levan a indicación de que se abren en nova xanela (ventana nueva).

Finalmente, recomendamos encarecidamente, no caso de querer imprimir o material, buscar alternativas ecolóxicas como o uso de papel reciclado, a impresión en borrador ou blanco/negro, para continuar achegando o noso gran de área ao coidado do medioambiente.

Atención á diversidade

Este REA está deseñado para favorecer a participación activa de todo o alumnado. Por iso, se presentan experiencias de aprendizaxe que poidan ser abertas e flexibles.

Por unha banda, aparecen as actividades individuais multiniveladas, graduadas en dificultade. Este aspecto propicia a atención á diversidade, xa que xera alternativas para que o alumnado adquira a aprendizaxe desde a súa propia zona de desenvolvemento próximo, á vez que expón opcións abertas para que poidan acceder a novos desafíos que se sitúan no seu nivel de desenvolvemento potencial, coa guía e condución de cada docente.

Por outra banda, ofrécense outra variedade de actividades, tanto individuais como grupais, en distintos formatos e que implican a posta en práctica de variadas competencias.

No seguinte apartado de "Recursos e solucións" aparecen tamén diferentes versións de presentacións dalgunhas actividades, de xeito que o profesorado poida decidir o que mellor se adapta a cada alumno.

Se fose precisa unha maior adaptación dalgúns dos materiais, na web de arasaacc pódese acceder a pictogramas e recursos para a comunicación aumentativa e alternativa. Entre os seus recursos, conta con variedade de ferramentas en liña que facilitan a creación de material adaptado, sen instalar ningún software no computador. Como paquete instalable, ofrece “AraSuite”, un conxunto de ferramentas entre as que está “AraWord” un procesador de texto para a escritura simultánea de texto e pictogramas, o que permite a adaptación de materiais con facilidade.

Todas as publicacións e ferramentas desta web, propiedade do Goberno de Aragón, créanse baixo Licenza Creative Commons (BY-NC-SA), autorizándose o seu uso para fins sen ánimo lucrativo sempre que se cite a fonte, autoría e se compartan baixo a mesma licenza.

Categorías gramaticais

A aprendizaxe da gramática pode ser un proceso complexo e abstracto para o alumnado. Unha forma de facelo máis atractivo e efectivo, é utilizar imaxes e símbolos que representen as diferentes categorías gramaticais.

Beneficios das imaxes e símbolos:

  • Fixación dos contidos: as imaxes e símbolos axudan a visualizar e comprender mellor os conceptos gramaticais.
  • Motivación: o uso de materiais visuais fai que a aprendizaxe sexa máis atractiva e divertida.
  • Manipulación: o alumnado pode recortar e manipular as imaxes e símbolos, o que lles permite unha aprendizaxe máis activa e participativa.

Para o caso de que sexa a primeira vez que o alumnado traballa a gramática utilizando figuras que representan as categorías gramaticais, pode colocarse na clase un cartel coa correspondencia entre figuras e categoría. Recomendamos tamén ter figuras manipulables, doadas de facer con calquera material: plastilina, plástico, cartolina, goma eva... ou impresas en 3D, que facilitarán o traballo na aula.

No apartado “3.2. Recursos e solucións do REA” podedes acceder a recursos e material de axuda para a gramática manipulativa.

Proposta de agrupamentos para actividades grupais

As actividades grupais deste REA están pensadas para unha aula con 20 alumnos e alumnas. Porén, pódense realizar outros agrupamentos e adaptar todas as actividades sen que afecte ao REA, segundo o número de alumnado da aula na que se utilice o recurso.

Ao comezo da fase 3, proponse un reparto de argumentos a favor ou en contra cun "xogo" de escoller paus de cores, o que permitirá formar os grupos e subgrupos que se manterán ao longo desa fase e da número 4, se o profesorado así o decide.

Finalmente, as estacións de aprendizaxe poden usarse tanto de xeito individual como en grupo. Neste REA están deseñadas para ser utilizadas en grupo e con tempos limitados, para respectar a temporalización do mesmo, pero o profesorado pode decidir manter as estacións e utilizalas noutros momentos e tempos.

Proposta para o fomento do hábito lector

Neste REA, o alumnado desenvolverá o seu hábito lector no primeiro momento no que comece a buscar e recopilar información para poder crear os argumentos necesarios para o debate. Porén, a maiores disto e en relación ao reto, recoméndanse algúns dos seguintes recursos:

  • Xa que falamos dos xogos, unha excelente idea serían os libro-xogo ou libros interactivos: 

- Hervé Tullet: ¿Jugamos? Editorial Kókinos

- Keri Smith: Destroza este diario. Ediciones Paidós (Hai variadas versións)

- Libros de "Busca y encuentra". Por exemplo: VV.AA (2022): El reino del Batiburrillo. Busca y encuentra en el castillo. Editorial Susaeta.

  • Libros que se poden atopar na biblioteca relacionados coa temática dos xogos:

- Allue, J.M. (2000): Juegos para el verano. Editorial Parramón.

- VVAA (2012): Los 250 mejores juegos para todos. Editorial Parramón.

  • Como se pode comprobar ao longo deste REA, utilízanse versións e adaptacións de diferentes xogos de mesa. No mercado tamén podemos conseguir xogos para a aula que permiten traballar variados obxectivos e contidos da área de Lingua, dun xeito motivador e divertido, ademais de favorecer a interacción do noso alumnado.

Xogos: Dixit, Batamo, Letra a letra...

Transversalidade

Este REA atópase relacionado coa temática 6 sobre "Novas tecnoloxías" da área de Ciencias Naturais e coa unidade 3 "Xogos de sempre" da área de Educación Física. Esta relación permitirá á persoa titora poder traballar de forma transversal ambas áreas se fora o seu interese.

Tamén se relaciona co ODS (Obxectivo de Desenvolvemento Sostible) número 12, que ten como obxectivo garantir un consumo e produción sostible. Son moitos os hábitos de consumo que, si se modifican lixeiramente, poden ter un grande impacto na sociedade. No desenvolvemento deste REA chegaremos á conclusión de que unha posible medida é a substitución de consumo de videoxogos por xogos tradicionais e populares no medio natural.

Enfoque multinivel do reto

Este formato de Recurso Educativo Aberto, e a variedade de recursos e actividades que se ofrecen, así como as suxerencias de adaptación que acompañamos nesta guía, permite ao profesorado modificar estas propostas iniciais para axustalas á realidade das súas aulas, conectar cos intereses e motivacións do seu alumnado, e propoñer variacións nas actividades e exercicios buscando o máximo rendemento, participación e aprendizaxe dos seus discentes.

Están deseñadas actividades grupais, nas que o alumnado debe cooperar, apoiarse e colaborar para acadar a meta proposta. O traballo cooperativo xera moitas oportunidades para a participación de todo o alumnado.

Dase o seu lugar á metacognición e á reflexión sobre a aprendizaxe; a autoavaliación, a coavaliación e a reflexión sobre o aprendido e as tarefas realizadas, teñen o seu lugar mediante rúbricas, listas de control e outras sinxelas ferramentas (semáforo de autoavaliación) así como no diario de aprendizaxe.

Como posible enfoque multinivel do reto deste REA propoñemos o seguinte:

1. Inicial

Intervención no debate, asumindo algún dos roles previstos para o propio grupo (rol introdutor, rol refutador ou rol conclusor) apoiado cos documentos elaborados polo grupo.

2. Medio

Intervención no debate, asumindo roles tanto dentro do seu grupo (rol introdutor, rol refutador ou rol conclusor) como para outros debates (rol moderador).

Utilízanse os documentos elaborados polo grupo como guía para a intervención, amosando telo ensaiado.

3. Avanzado

Intervención no debate dominando os argumentos e contraargumentos así como o vocabulario e a información relacionada co tema, asumindo roles tanto dentro do seu grupo (rol introductor, rol refutador ou rol conclusor) como para outros debates (rol moderador).

A intervención está apoiada con recursos variados (datos, imaxes, carteis...), utilizando ademais linguaxe non verbal axeitada e amosando atención e empatía ao outro grupo.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)