Orientacións e recomendacións de uso
Recomendacións para o maior aproveitamento posible do REA.
Motivación para a abordaxe do REA
Neste recurso proponse o deseño dun panel sobre un monumento da zona, por iso a recomendación inicial é que se motive ao alumnado coa preparación dunha saída que consistirá na visita ao monumento elixido para recompilar imaxes e información sobre a súa importancia no lugar a partir de entrevistas ás persoas da zona.
É importante elexir o mesmo monumento para toda a clase, que se estudará ao longo do rea con actividades similares ás propostas para o Pazo Torre do Allo e para a Casa dos Hermidas.
No caso de non ter clara a elección nun primeiro momento, tamén pode resultar motivador facer unha investigación de patrimonio cercano, iniciando un debate sobre as posibilidades e consultando a docentes doutras materias ou a familiares e persoas da contorna.
Na proposta faise fincapé en pazos e castelos pero danse pautas xeométricas que tamén son válidas para outros tipos de construcións.
Por outra banda, a propia saída pode aproveitarse para identificar fitos e sinais con indicacións de distancias.
Recursos materiais necesarios
As actividades deste REA precisan de recursos dixitais e manuais.
É preciso contar con conexión á rede para a busca de información, visualización de vídeos e para desenvolver actividades co software matemático GeoGebra, tamén é necesaria para poder ver correctamente as expresións matemáticas que estean escritas en latex.
Suxerimos que, no caso de que o panel sexa en formato dixital, se faga cun programa que permita o movemento en pantalla de imaxes e a incorporación de texto como os de presentacións de paquetes ofimáticos, pizarras dixitais ou aplicacións de notas. Se ademáis permite edición compartida poderíase modificar conxuntamente o deseño.
Outras opcións para a elaboración do bosquexo son as non dixitais, por exemplo recorte de imaxes e pegado nun soporte como unha cartolina.
Neste e noutros casos de actividades de pregado e recorte precísanse tesoiras.
Para o cálculo empregarase a calculadora cando se trate de operacións máis complexas.
Respecto das actividades que implican a resposta escrita recoméndase o uso do caderno (dixital ou non) do alumno/a.
Nas vinculadas ás simetrías suxírese o uso de papel vexetal (cebola), que permite calcar unha imaxe e superpoñela volteando ou non este papel para comprobar simetrías inversas ou directas.
Inclúense tamén actividades de construción de figuras para facer con regra e compás, ou coa aplicación GeoGebra.
Propóñense na sección 3.10 tarefas de descrición mediante a observación de imaxes e gravación destas en audios. Pódese empregar calquera dispositivo de gravación ou a ferramenta da que se dispón nos editores de texto das aulas virtuais Moodle.
O REA dispón dun resumo de contidos indicado como "Material descargable" para que o alumnado dispoña deles nun só documento de consulta.
Tamén está o "Diario de aprendizaxe" como ferramenta de reflexión individual e grupal.
Tarefas grupais
Ideas para o profesorado sobre a formación de grupos:
- Deben ser de 3 ou 4 membros (poderíase alterar este número segundo o aspecto que se queira reforzar en actitude, pero sempre é mellor grupos pequenos).
- Preferiblemente heteroxéneos, aínda que puntualmente para algunha actividade se fagan grupos homoxéneos.
- Os grupos deben ter interdependencia positiva e debe existir unha responsabilidade individual e grupal.
Materiais
Para cada unha das actividades grupais hai un material descargable que serve de apoio e tamén de documento para recoller o traballo desenvolvido e as respostas consensuadas.
Roles
Neste REA inclúense unha plantilla para entregar ao alumnado que contén as tarefas que corresponden aos catro roles propostos:
- Coordinador/a: reparte o traballo entre os demais membros do grupo e ordena o traballo a medida que se vai realizando. Verifica a colaboración de todos.
- Analista: le os datos do problema, explica en que consiste e propón estratexias para a súa resolución. Divide o problema en tarefas máis sinxelas.
- Secretario/a: toma nota de todas as solucións parciais e tenta resolver a actividade exposta na súa totalidade.
- Portavoz: explica os resultados e conclusións obtidas. Estes roles irán acompañados das normas que habitualmente tedes na vosa aula para manter a orde durante o desenvolvemento das actividades.
Actividades de motivación
O REA contén diversas actividades cuxo obxectivo é motivar ao alumnado cara aos contidos que se desenvolven a continuación. Tal é o caso de "Geometría de la torre", e todas as que están ao inicio de cada páxina.
Tamén hai algún texto que contextualiza os enunciados que o seguen e serve para dar pé a descricións de obxectos que poden ir no panel final, como ocorre co Xardín do Castelo de Soutomaior ou co Carballo do Pazo de Cartelos.
Así vanse dando indicacións de elementos notables dos que se estudan elementos matemáticos e se destaca a súa valía patrimonial.
Avaliación
Como instrumentos de avaliación, o REA dispón en cada unha das seccións dunha lista de cotexo que centra a atención respecto ao obxectivo que ten cada unha das actividades propostas. Tamén serve para identificar se se fixeron ou non estas actividades.
Apórtanse rúbricas para avaliar o traballo en equipo, a exposición oral final do reto e outra para o produto final: o panel.
Non se inclúen nel as probas escritas recomendadas dentro da programación didáctica que figura no aplicativo PROENS.
Produtos finais
O produto final é un bosquexo de panel descriptivo dun pazo ou monumento da zona. Se o resultado fose interesante poderíase presentar no concello por se fose posible facelo na realidade.
Neste REA proponse facer o panel do pazo Torres do Allo como mostra, pero o recomendable e tomar un cercano. Tamén se podería facer o bosquexo dun creado polo alumnado.
Enfoque multinivel do reto
O reto é doado de acadar, dado o carácter aberto do panel, no que a única restrición que se indica é a da información básica que debe incorporar (ver fase 1):
- Un gráfico coa pranta.
- Un gráfico co alzado (a fachada) do monumento.
- Algún elemento ornamental que o caracterice.
- Un breve resumo histórico.
- Outros datos relevantes como a importancia que ten para la localidade.
O feito de que as descricións xeométricas dos elementos xa estean desenvolvidas en fases previas deixa para a fase 4 a parte de elixir o modelo de panel, organizar a información, completala coa historia e a importancia para o lugar onde se atopa e crear o deseño.