Saltar navegación

1. Descrición xeral

Desmontando monumentos con la llave G

Este REA (Recurso educativo aberto) ten como obxectivo principal que o alumnado aprenda a recoñecer os elementos básicos da xeometría e medida do currículo de 1º de ESO a través da arte máis próxima, concretamente en edificios de valor histórico e outras construcións singulares.

Tamén busca a sensibilización sobre o coidado do noso patrimonio, a posta en valor dos recursos públicos como son os paneis informativos e demais sinalética, e a visualización e verbalización da beleza das matemáticas de forma conxunta coa dos recursos mobiliarios, inmobiliarios e naturais.

Isto permitirá comprender a importancia das matemáticas no progreso da humanidade e desenvolverá unha actitude positiva cara á súa aprendizaxe.

Para conseguilo proponse elaborar en grupo un panel informativo con descricións e representacións gráficas da construción escollida. Será no seu deseño onde se poña en práctica os coñecementos correspondentes aos tres sentidos matemáticos implicados: o da medida, o espacial e o socioafectivo.

As metas de aprendizaxe son:

  1. Identificar magnitudes na vida real e relacionalas coas súas unidades de medida.
  2. Poñer en práctica cambios de unidades, elixindo en cada situación a máis adecuada.
  3. Facer estimacións de medidas e aproximar distancias.
  4. Construír figuras planas con distintas ferramentas, identificar os seus elementos e clasificalas.
  5. Aprender a deducir e calcular perímetros e áreas e aplicar o teorema de Pitágoras en distintos contextos.
  6. Identificar figuras que estean formadas a partir das figuras planas elementais e utilizar todo o aprendido para identificar as matemáticas ocultas en distintos monumentos.
  7. Coñecer como se inicia unha investigación, como se verifican as fontes e como se citan.
  8. Formarse para asumir retos, aprender dos erros, buscar metas comúns e non temer ao fracaso, comprendendo que en equipo é máis fácil chegar ao resultado final.
  9. Poñer en valor os bens patrimoniais e os recursos vinculados a estes, apreciando a súa beleza e contribuíndo ao seu coidado.
  10. Recoñecer a achega das matemáticas ao progreso da humanidade e a súa contribución á superación dos retos que demanda a sociedade actual.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)