Números enteiros
Este REA (Recurso educativo aberto) ten por obxectivo principal que o alumnado integre nos seus coñecementos unha parte dos bloques dos sentidos numérico e socioafectivo do currículo de 1º de ESO mediante a posta en valor do patrimonio oculto galego.
En concreto pretende que o alumnado incorpore as operacións con números enteiros, respectando a xerarquía de operacións a través de problemas contextualizados. Nesta situación de aprendizaxe o alumnado terá que deseñar unha ruta a pé ou en bicicleta pasando por diferente patrimonio oculto cerca da súa contorna. Proponse que a presentación da ruta sexa a través da elaboración dun folleto informativo que recolla as principais características das rutas deseñadas grazas ao traballo con números enteiros. Tamén busca incorporar estratexias de resolución de problemas e de traballo en equipo, a través de situacións reais motivadoras que presentan distintos niveis de dificultade.
Para acadar o reto, proponse analizar en grupo un conxunto de características esenciais das rutas, nomeados como imprescindibles. Estes son a corresponsabilidade, as paradas de interese, o patrimonio e a súa historia, o retoque fotográfico, o perfil da ruta, a organización dunha excursión, a puntuación das persoas participantes, o clima e as coordenadas.
As metas de aprendizaxe son:
-
Identificar os números enteiros e utilizalos para ordenar, representar e interpretar información.
-
Interpretar e resolver problemas de números enteiros e as súas operacións.
-
Resolver operacións combinadas de números enteiros aplicando a xerarquía de operacións e utilizando as estratexias máis adecuadas segundo o tamaño dos números.
-
Calcular e interpretar adecuadamente o oposto e o valor absoluto dun número enteiro.
-
Desenvolver estratexias de cálculo mental para realizar cálculos exactos ou aproximados, valorando a precisión da operación ou problemas.
- Incorporar estratexias de resolución de problemas a partir de situacións reais.
-
Coñecer como se inicia unha investigación, como se verifican as fontes e como se citan.
-
Formarse para asumir retos, aprender dos erros, buscar metas comúns e non temer ao fracaso, comprendendo que en equipo é más fácil chegar ao resultado final.
-
Poñer en valor o patrimonio oculto de Galicia.
-
Recoñecer a achega das matemáticas ao progreso da humanidade e a súa contribución á superación dos retos que demanda a sociedade actual.