Fisgando en N
O REA "Fisgando en N" fai un percorrido polos sentidos numérico e socioafectivo que corresponden ao curso de 1º da ESO.
O fío condutor é o patrimonio do litoral e a resolución de problemas, coa posta en valor da cultura galega do mar e das matemáticas que contén.
O REA ten cinco fases ben diferenciadas:
- Descrición: "N a la vista".
- Exploración: "Entrada natural".
- Conexión: "Rumbo N".
- O reto final: "El tridente".
- Conclusión: "Cuéntame tus problemas".
Na fase 1 é onde se describe o reto a acadar, o deseño en grupo dun trío de problemas, e tamén onde se crean os grupos de traballo. Esta fase é motivacional e integradora, moi enfocada cara ao sentido socioafectivo.
Na fase 2 faise un repaso polos principais coñecementos abordados na educación primaria sobre números naturais e divisibilidade, contextualizados en situacións da pesca e do litoral.
Na fase 3 introdúcense novos contidos como as propiedades das potencias, as raíces, e a divisibilidade incluíndo os algoritmos de cálculo do mcd e mcm, todos eles dentro da resolución de problemas con maior ou menor complexidade, para desenvolver de xeito individual e grupal.
Ademais esténdense a outros contidos traballados anteriormente como as operacións básicas e as combinadas gardando a orde de realización.
Na fase 4 ponse en práctica todo o aprendido, deséñanse os problemas e ao mesmo tempo faise unha revisión dos contextos traballados e doutros posibles.
Na fase 5 ponse en valor o aprendido compartíndoo co resto da clase.
O substrato do REA
A acepción que subxace en todo o REA é a resolución de problemas.
A intención das persoas elaboradoras é que o alumnado sexa consciente de que na vida real xorden situacións que necesitan das matemáticas para a súa resolución, unhas máis simples e outras máis complexas. Para abordalas hai que recadar datos, ordenalos e deseñar posibles solucións.
Nas ocasións nas que estes datos non están dispoñibles hai que crear hipóteses ou dar respostas abertas, que poden ser en forma de intervalo, sen máis concreción.
O deseño de estratexias para aportar solucións a problemas reais comeza por informarse e introducirse nesa situación, por iso en todas as páxinas deste REA hai pequenos resumos de contextos vinculados aos enunciados propostos.
Ademais hai vídeos que motivan e fomentan a creatividade, así como imaxes cunha intencionalidade concreta segundo o contido e o contexto traballado.
Compre dicir que algúns deses vídeos son longos polo que se recomenda ver só a parte que o docente considere importante para captar a idea, non se recomenda a visualización completa na aula. Se hai varios similiares é suficiente con seleccionar un deles para tomar ideas para crear os problemas.
As actividades están deseñadas para asentar o pensamento crítico e axudar á comprensión, conexión e memorización dos contidos a distintos niveis para que estean ao alcance de todo o alumnado.
Inclúense tarefas e vídeos máis complexos que levan a indicación de "ampliación" para alumnado que queira completar a súa aprendizaxe.