Fisgando en N
Este REA (Recurso Educativo Aberto) ten como obxectivo principal que o alumnado integre nos seus coñecementos unha parte dos bloques dos sentidos numérico e socioafectivo do currículo de 1º de ESO mediante a posta en valor do patrimonio costeiro galego.
Tamén busca incorporar estratexias de resolución de problemas e de traballo en equipo, a través de situacións reais motivadoras que requiran distintos niveis de dificultade.
Para acadalo proponse elaborar en grupo tres problemas (nomeados como retos), baseados en elementos que se atopen en tres puntos do litoral galego situados dentro dun círculo de radio vinte quilómetros e cun centro elixido polo alumnado.
Os tres puntos serán:
a) Unha praia
b) Un porto
c) Un espazo natural
E as tres temáticas serán:
- Reto 1. Enunciado que se resolva a partir de cálculos básicos.
- Reto 2. Enunciado que se resolva empregando divisibilidade.
- Reto 3. Enunciado que se resolva a través do máximo común divisor ou do mínimo común múltiplo.
A orde de asignación non é secuencial, é dicir, pódese redactar o reto 1 no punto c) o reto 2 no a) e o reto 3 no b), ou calquera outra combinación.
As metas de aprendizaxe son:
- Recoñecer, comprender e aplicar expresións numéricas en distintos contextos (códigos, valores...).
- Utilizar o cálculo para resolver problemas da vida cotiá adaptando a estratexia e o tipo de cálculo ao tamaño dos números.
- Poñer en práctica habilidades de cálculo de números naturais, mentais, manuais e con calculadora.
- Formular conxecturas e propoñer novos problemas de forma individual e colectiva.
- Incorporar estratexias de resolución de problemas a partir de situacións reais.
- Aprender a deducir e calcular factorizacións, primas ou non, e aplicalas en distintas situacións matemáticas.
- Coñecer como se inicia unha investigación, como se verifican as fontes e como se citan.
- Formarse para asumir retos, aprender dos erros, buscar metas comúns e non temer ao fracaso, comprendendo que en equipo é máis fácil chegar ao resultado.
- Poñer en valor o patrimonio do litoral galego.
- Recoñecer a achega das matemáticas ao progreso da humanidade e a súa contribución á superación dos retos que demanda a sociedade actual.