Saltar navegación

3.1. Recomendacións de uso

Orientacións e recomendacións de uso

Recomendacións para o maior aproveitamento posible do REA.

Motivación para a abordaxe do REA

Neste recurso proponse a creación de tres problemas xeolocalizados nun círculo de radio 20 km nunha zona costeira, por iso é interesante que se motive ao alumnado cunha saída a eses lugares.

O recomendable é que toda a clase se centre nun mesmo círculo, que será ao que se faga a visita.

No caso de que non haxa recursos para a visita presencial recoméndase facer unha visita virtual e/ou contactar con persoas que sexan orixinarias deses lugares para que coas súas descricións axuden a coñecelos.

Incluíronse múltiples vídeos con situacións susceptibles de ser empregadas como contexto que non están pensados para ver na súa totalidade na aula pero que aportan ideas de lugares e temas.

Recursos materiais necesarios

As actividades deste REA precisan de recursos dixitais e manuais.

É preciso contar con conexión á rede para a busca de información, visualización de vídeos e para desenvolver actividades co software matemático GeoGebra, tamén é necesaria para poder ver correctamente as expresións matemáticas que estean escritas en latex.

Proponse uso de calculadora de man e de follas de cálculo.

Posto que neste REA hai unha grande cantidade de problemas, optouse por aportar esquemas e fichas de apoio (feitas con LibreOffice) para aqueles que se consideran máis complexos.

Recoméndase que o alumnado dispoña en formato dixital ou papel destes recursos, que practique a facer os seus propios esquemas dos problemas, que anote os pasos da resolución e que indique cálculos, fontes empregadas e reflexións persoais, tal e como se propón nas fichas.

O REA dispón dun resumo de contidos indicado como "Material descargable" para que o alumnado dispoña deles nun só documento de consulta.

Tamén está o "Diario de aprendizaxe" como ferramenta de reflexión individual e grupal.

Lembramos que todos os problemas levan unha xeolocalización, por ser parte do reto, e que se tomaron distintos lugares da costa galega para diversificar opcións.

Respecto doutras actividades máis sinxelas que implican a resposta escrita recoméndase o uso do caderno (dixital ou non) do/a alumno/a.

Para o cálculo empregarase a calculadora cando se trate de operacións máis complexas.

Tarefas grupais

Ideas para o profesorado sobre a formación de grupos:

  • Deben ser de 3 ou 4 membros (poderíase alterar este número segundo o aspecto que se queira reforzar en actitude, pero sempre é mellor grupos pequenos).
  • Preferiblemente heteroxéneos, aínda que puntualmente para algunha actividade se fagan grupos homoxéneos.
  • Os grupos deben ter interdependencia positiva e debe existir unha responsabilidade individual e grupal.

Materiais

Para cada unha das actividades grupais hai un material descargable que serve de apoio e tamén de documento para recoller o traballo desenvolvido e as respostas consensuadas.

Roles

Neste REA inclúese un modelo para entregar ao alumnado que contén as tarefas que corresponden aos catro roles propostos:

  • Coordinador/a: reparte o traballo entre os demais membros do grupo e ordena o traballo a medida que se vai realizando. Verifica a colaboración de todos.
  • Analista: le os datos do problema, explica en que consiste e propón estratexias para a súa resolución. Divide o problema en tarefas máis sinxelas.
  • Secretario/a: toma nota de todas as solucións parciais e tenta resolver a actividade exposta na súa totalidade.
  • Portavoz: explica os resultados e conclusións obtidas.

Estes roles irán acompañados das normas que habitualmente tedes na vosa aula para manter a orde durante o desenvolvemento das actividades.

Avaliación

Como instrumentos de avaliación apórtanse rúbricas que analizan o traballo individual e en equipo.

O REA dispón na maioría das seccións dunha lista de cotexo que centra a atención respecto ao obxectivo que ten cada unha das actividades propostas. Tamén serve para identificar se se fixeron ou non estas actividades.

Non se inclúen nel as probas escritas recomendadas dentro da programación didáctica que figura no aplicativo PROENS.

Produtos finais

Os produtos finais son tres problemas xeolocalizados nun círculo con centro nun punto do litoral galego de radio 20 km e que na súa resolución precisen cálculos de operacións básicas, divisibilidade e mcd ou mcm.

No REA hai exemplos resoltos e propostos de cada un dos tres tipos de problemas con plantillas e esquemas de axuda para desenvolvelos.

Ademáis hai unha plantilla xenérica de problema xeolocalizado e outra para preparar a presentación na aula dos tres problemas.

Enfoque multinivel do reto

O feito de crear un enunciado dun problema implica poñer en práctica en primeiro lugar a competencia en comunicación lingüística.

Obviamente haberá distintos niveis dentro da aula nesta competencia e polo tanto o docente será quen de propoñer casos máis sinxelos ou de deixar máis liberdade na súa elaboración.

A gradación da dificultade está neste primeiro paso, de aí que sexa necesaria unha supervisión dos enunciados antes de pasar á facer as respostas.

Tamén é importante a heteroxeneidade dos grupos de traballo porque garanten a aprendizaxe horizontal e o apoio entre o alumnado para chegar a bo termo.

Se ben é certo que un problema non debería ser unha cuestión de abordaxe directa cun algoritmo, non é menos certo que para según que niveis, esta actividade pode darse por válida con este tipo de redaccións máis simples.

Por outra banda, no caso de alumnado con altas capacidades debería darse opción a deseñar problemas máis abertos ou que inclúan preguntas máis difíciles.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)