La tecnología da mucho juego
O REA “La tecnología da mucho juego” está deseñado para que o alumnado de 1º da ESO se inicie no proceso tecnolóxico de resolución de problemas. O recurso fai que o alumnado traballe dende un enfoque competencial próximo a súa realidade, construíndo unha situación de aprendizaxe relacionada coa súa vida persoal.
En concreto, o REA parte da problemática de ausencia de xogos para o tempo de lecer no instituto. Para darlle solución, o alumnado deberá desenvolver estratexias de procura crítica de información, tomar contacto coas habilidades básicas de deseño 2D e 3D, adquirir coñecementos básicos de debuxo técnico e acoutación, e iniciarse nos procesos de fabricación dixital. O resultado será o deseño e construción, de maneira colaborativa, de pezas básicas para un xogo de xadrez. A través deste proceso, o alumnado terá a oportunidade de facer unha análise crítica da influencia da actividade tecnolóxica na sociedade e na sostibilidade ambiental; de identificar as achegas das tecnoloxías emerxentes ao benestar, á igualdade social e ao uso responsable e ético das mesmas; e de valorar as posibilidades de fabricación e materialización dos obxectos deseñados dixitalmente.
Os diferentes bloques do REA están pensados tendo en conta o Deseño Universal para a Aprendizaxe (DUA). Así, presentan diferentes posibilidades de resolución dos problemas, proporcionan información en distintos formatos e permiten tamén diversidade de modos de expresión do que alumnado aprendeu.