Metodoloxía
Este REA está dentro do marco pedagóxico do proxecto cREAgal, do que forma parte este recurso.
Dende o punto de vista metodolóxico, este REA presenta un carácter eminentemente práctico e un enfoque competencial, sendo fundamentalmente activo e participativo e favorecendo a combinación do traballo individual e colaborativo na aula.
Para iso intégranse referencias á vida cotiá e á contorna do alumnado, con fin de motivalo e facelo sentir parte activa do proceso de ensino-aprendizaxe; e dicir, búscase un enfoque que sexa:
- Personalizado: búscase a relación cos coñecementos previos do alumnado e propóñense actividades multinivel.
- Significativo: propíciase que o alumnado constrúa os seus propios coñecementos; é dicir, que aprenda ao tempo que aprende a aprender, e que interiorice as diferentes experiencias e estratexias que lle fan afondar e desenvolver os seus coñecementos.
- Funcional: búscase a transferencia do aprendido a situacións reais do alumnado, neste caso propoñeráselle o deseño e construción dun xogo para o seu centro educativo.
Entre os aspectos metodolóxicos aplicados neste REA, que seguen as liñas das orientacións pedagóxicas para a materia de Tecnoloxía de Dixitalización, destacan:
- A resolución de problemas baseada no desenvolvemento dos proxectos propostos (retos): construción de obxectos, así como outras estratexias que favorezan o uso de aplicacións dixitais para o deseño, o dimensionado, a comunicación ou a difusión de ideas ou solucións.
- A aplicación de distintas técnicas de traballo (complementarias) promovendo a participación do alumnado, favorecendo unha visión integral da disciplina que resalte o traballo colectivo como forma de afrontar os desafíos e os retos tecnolóxicos que propón a nosa sociedade para reducir as fendas dixital e de xénero, prestando especial atención á desaparición de estereotipos que dificultan a adquisición de competencias en condicións de igualdade.
- Unha contorna de traballo axeitada (aula taller na cal se poidan desenvolver tanto técnicas de traballo manual como técnicas de fabricación dixital) na que se debe propiciar que o alumnado explore, descubra, experimente, aplique e reflexione sobre o que fai. Esa implicación fará que a aprendizaxe sexa máis significativa e duradeira.
- A construción de obxectos que favorezan o uso de aplicacións dixitais para o deseño, a simulación, o dimensionado, a difusión de ideas e a presentación de solucións.
- O emprego de «Documentación e comunicación dixital», que implique un desenvolvemento de habilidades dixitais que faciliten a interacción do alumnado co seu ámbito social ao longo da súa vida.
- O uso de distintos métodos que teñan en conta os diferentes ritmos de aprendizaxe e a diversidade do alumnado (DUA), que favorezan a capacidade de aprender por si mesmos e que promovan o traballo en equipo con perspectiva de xénero, guiando o alumnado e poñendo en práctica, de ser necesario, mecanismos de reforzo tan pronto como se detecten dificultades.
- A creación de obxectos tendo en conta o deseño, a elección de materiais e a súa fabricación dentro dunha contorna sostible e respectuosa co ambiente e coas normas de seguridade e hixiene.