Metodoloxía
Este REA está dentro do marco pedagóxico do proxecto cREAgal, do que forma parte este recurso.
Dende o punto de vista metodolóxico, este REA é fundamentalmente activo e participativo, favorecendo o traballo individual e en grupo do alumnado na aula.
Para iso intégranse referencias á vida cotiá e á contorna do alumnado, con fin de motivalo e facelo sentir parte activa do proceso de ensino-aprendizaxe; e dicir, buscar un enfoque que sexa:
Personalizado. Buscamos a relación cos coñecementos previos do alumnado e propoñemos actividades multinivel.
Significativo. O alumnado constrúe os seus propios coñecementos; é dicir, aprende ao tempo que aprende a aprender, interioriza as diferentes experiencias e estratexias que lle fan afondar e desenvolver os seus coñecementos.
Funcional. Búscase a utilidade do aprendido en situacións reais e con conexión co seu mundo real.
Os criterios metodolóxicos deste REA seguen as liñas da materia de Tecnoloxía e Dixitalización, cun carácter esencialmente práctico e cun enfoque competencial do currículo. Para iso, utilízanse as seguintes metodoloxías que o fomentan:
- A resolución de problemas baseada no desenvolvemento dos proxectos propostos (retos): construción de xogos, así como outras estratexias que favorezan o uso de aplicacións dixitais para o deseño,o dimensionado, a comunicación ou a difusión de ideas ou solucións.
- A aplicación de distintas técnicas de traballo (complementarias) promovendo a participación do alumnado, favorecendo unha visión integral da disciplina que resalte o traballo colectivo como forma de afrontar os desafíos e os retos tecnolóxicos que propón a nosa sociedade para reducir as fendas dixital e de xénero, prestando especial atención á desaparición de estereotipos que dificultan a adquisición de competencias en condicións de igualdade.
- Unha contorna de traballo axeitada na que se debe propiciar que o alumnado explore, descubra, experimente, aplique e reflexione sobre o que fai. Esa implicación fará que a aprendizaxe sexa máis significativa e duradeira.
- A programación de xogos que favorezan o uso de aplicacións dixitais para o deseño, a simulación, o dimensionado, a difusión de ideas e a presentación de solucións.
- O emprego de «Documentación e comunicación dixital», que implique un desenvolvemento de habilidades dixitais que faciliten a interacción do alumnado co seu ámbito social ao longo da súa vida.
- Uso de metodoloxías que teñan en conta os diferentes ritmos de aprendizaxe e a diversidade do alumnado (DUA), que favorezan a capacidade de aprender por si mesmos e que promovan o traballo en equipo con perspectiva de xénero, guiando o alumnado e poñendo en práctica, de ser necesario, mecanismos de reforzo tan pronto como se detecten dificultades.
- A programación de xogos tendo en conta o deseño, a elección de diferentes tipos de "minixogos" e a súa programación dentro dunha temática sostible e respectuosa co ambiente (ODS - obxectivos de desenvolvemento sostible) e coas normas de seguridade e hixiene.